Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 21 / 7 / 2010
Novela gráfica
Estamos ante unha nova etiqueta ou ante unha «evolución» da BD?

A banda deseñada ten unha boa cantidade de denominacións, ningunha delas completamente satisfactoria para todos. Con todo, desa morea de nomes hai algúns que non son completamente sinónimos: por exemplo, o español tebeo non se correspondería, en xeral, coa denominación da arte e si coas revistas que conteñen historietas. Desde hai uns anos, está a empregarse de forma cada vez máis habitual o termo novela gráfica para falar da banda deseñada, aínda que tampouco se trata de termos intercambiábeis: por resumirmos, podemos dicir que a novela gráfica é só un tipo de BD. A novela gráfica, en principio, é un formato que asimila externamente o cómic á maioría dos produtos que o lector pode encontrar na libraría: o tamaño e a presentación exterior dos libros de bolso, das novelas. Naturalmente, non é só iso. Para moitos autores, liberarse dos canons estabelecidos nos diferentes mercados (as férreas estruturas do comicbook americano e do álbum francobelga) supuxo unha nova forma de afrontar os ritmos narrativos e as velocidades de execución —coa non aplicación de cor, por exemplo—, e mesmo traballar para outro tipo de público, xa non necesariamente só o afeccionado aos cómics. Así pois, hai algo tamén de fondo na novela gráfica no referente a como conciben os autores as súas obras.

Cuestión de amor propio
Hai quen, non obstante, encontra a aplicación do termo como unha mostra da falta de auto-estima do mundo da BD, que necesita, segundo isto, do recoñecemento externo como produto equiparábel a outros socialmente prestixiosos. Isto mesmo úsase tamén contra os que buscan antecedentes para o cómic na historia da arte, sexa na columna de Traxano ou nas Cantigas de Santa María; sen lles quitar a razón aos críticos en que hai un certo complexo de inferioridade dos afeccionados ao cómic, creo que este argumento non é válido para ningunha das dúas cuestións. O cómic ten validez de seu, sen necesidade de procurar relacións con outras artes ou medios socialmente mellor valorados, pero iso non é óbice para que poida buscar o seu propio pasado ou empregar etiquetas que axuden o público a saber de antemán o tipo de produto que ten nas mans. Para alén disto, podemos dicir que o concepto de novela tampouco é socialmente positivo per se, e aí está o seu estendido emprego popular para se referir ao folletinesco —o nome común dos seriais radiofónicos e televisivos, as novelas—. Valla, pois, o emprego do termo como marcador dun tipo de banda deseñada que resulta novo para boa parte do público.

Madurez
O termo «novela gráfica», por tanto, definiría unha etapa no cómic que podemos denominar «de madurez como medio», na que se están a producir achegamentos ao público impensábeis tan só dez anos atrás (tanto que o «cómic alternativo» pasou a ser o que figura nas listas de vendas de libros do noso contorno, fronte ao tradicional «mainstream», que queda para o lector especializado). O libro La novela gráfica, de Santiago García, publicado recentemente, constata estas mudanzas tentando indagar cales son as claves deste novo estadio dos cómics. O ensaio, de recomendábel lectura, produce porén a impresión (creo que involuntaria), ao enfocar a súa tese como unha «evolución» nos cómics desde os seus inicios até esta madurez actual, de que o realmente válido é só o encadrábel dentro desta última etapa, e conseguintemente pode levar a infravalorar obras moi importantes e tan notábeis ou máis que moitas novelas gráficas actuais. Se ademais, como é o caso, se subestima a importancia que teñen tido dentro deste estado de cousas as tradicións europea e xaponesa, a visión global fica un pouco desequilibrada. O libro de García demostra, en fin, que aínda estamos moi lonxe de lograr definir cales son ou serían os límites desa novela gráfica. Xulgo, no entanto, que o importante é que coa etiqueta de novela gráfica se abriu un camiño para os novos lectores descubriren moitas obras da BD internacional que permanecían ocultas por esa imaxe pública tan falsa e limitada que identificaba cómic con pouco máis que Mortadelo, Asterix e Superman.



O libro ‘La novela gráfica’, de Santiago García


Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org