Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 3 / 3 / 2010
Editar en tempos de mudanzas
A crise da edición tamén afecta á BD.

É un feito, afortunado e recente, que no ámbito galego comeza a ser factíbel a publicación de banda deseñada en forma de álbum ou de novela gráfica. Esta paulatina normalización trouxo consigo tamén topar cos problemas que o propio mercado estatal do libro vén arrastrando xa desde hai tempo. Os máis importantes son os da distribución, provocados principalmente pola saturación: na inxente cantidade de novidades que chegan a unha libraría cada semana, a loita pola sobrevivencia dos títulos é especialmente difícil.

O mercado hai anos que chegou ao límite do número de novidades que pode «dixerir». Moitos libreiros confesan que en moitas ocasións teñen que devolver caixas sen abrir porque lles é literalmente imposíbel ter máis libros nos andeis. Moitos autores, pola súa parte, ven con desesperación que os seus traballos non son accesíbeis nas librarías a pesar de quedaren moitos exemplares en stock, e que a editorial non fai a promoción que teoricamente debería para que o libro sexa suficientemente coñecido polo público.

Non se trata xa de que as propias novidades sexan moitas máis das que o público ten capacidade para asumir; é que ademais teñen que competir nun mercado en que se dá unha estraña especulación, que combina o adianto de diñeiro proporcionado polos libros en circulación —aínda que non estean realmente vendidos— co asolagamento de novidades para un «control do espazo» nas tendas. Os grandes grupos editoriais, que supoñen o 80% da oferta, encárganse de incrementar ese número de novidades, aínda sabendo que a maioría non van ter oportunidades nun panorama dominado por unha lista de bestsellers case inmóbil ao longo dos meses. A lóxica é unicamente empresarial e financeira.

A especificidade da BD

A banda deseñada, dentro deste panorama, ten elementos que a fan destacar de entre os demais libros: o seu carácter gráfico, o bo momento que está a pasar coa súa crecente consideración social... Isto fixo que de momento os cómics teñan unha situación excepcional que os mantén até certo punto apartados da crise xeneralizada. Mais o remuíño que xa ten demostrado ser un proceso autodestrutivo para o mundo editorial en xeral pode acabar séndoo tamén para o do cómic en concreto.

Por iso, continuando co tema da columna anterior, a chegada do libro dixital pode servir para poñer as cousas no seu sitio, dimensionar o sistema alí onde é máis débil —unha tiraxe da que só se vende a metade, por exemplo, supón unha perda, aínda que se asuma como normal— e seguramente ter unha mellor difusión, ao chegar a todos os lugares. O atranco está agora nas plataformas de distribución dixital, xa que están a impor porcentaxes que afastan a esperanza de abaratamento de prezos, ou que fan que este dependa de diminuír o gaño de autores e editores.

Mais a parte que verdadeiramente sairía prexudicada neste novo estado de cousas é a das librarías. Talvez o lóxico sería que estas apostasen por un sistema dacabalo entre o analóxico e o dixital, que está xa en funcionamento en países como EE UU, Gran Bretaña ou Alemaña: o da impresión baixo demanda. Desde a propia libraría podería obterse practicamente calquera libro (e por tanto calquera cómic) editado no mundo, a un prezo competitivo (ao se evitaren os custos de transporte e almacenaxe). Isto garantiría o futuro das librarías por bastantes anos, e mesmo lles daría unha nova vida, polo menos mentres siga existindo a querenza polo papel.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org