Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 14 / 10 / 2009
Que é BD?
Acotar a BD é, dito matematicamente, "necesario mais non suficiente"
Un problema que vén de antigo para definir a BD é discernir cal se pode considerar o primeiro cómic, e moi sisudos e respectábeis especialistas deron en marcar a presenza de determinadas condicións definitorias da nova arte a partir dun momento da serie The Yellow Kid; outros dixeron entón que o que facía xente como Töpffer moito antes era tamén cómic. Diversos autores chamaron aínda a atención sobre os antecedentes a esta forma de contar as historias, e así McCloud avogou por abrir as miras e entender que o ámbito era moito máis amplo, e que fariamos ben en falar de «arte secuencial», abranguendo moitas manifestacións moi anteriores ao impreso.
Hai tamén voces que reclaman que a esencia da BD non é tanto a secuencialidade como a súa caracterización como arte de masas, incomprensíbel sen un medio de reprodución ou copia. O cartoon ou viñeta solta estaría así tamén dentro da definición de BD. É outra forma de abordar o problema. Non invalida as opcións anteriores; simplemente, mira o seu obxecto de estudo desde outra perspectiva.
Nas artes, os límites adoitan ser máis cousa dos seus estudosos que dos propios artistas, e varían coas épocas. Hoxe quizá non teña sentido unha arte secuencial mural, pero, se o pensamos ben, nin a pintura contemporánea, nin o teatro, nin tantas outras manifestacións artísticas teñen en absoluto o mesmo sentido que tiveron en séculos pasados.
As delgadas liñas de separación
Moitos elementos poden ser asumidos pola BD como parte dos seus mecanismos narrativos, aínda que non entren dentro da súa definición (unha fotografía, por exemplo, pode aparecer nunha viñeta dun cómic aínda que non sexa o habitual). Non creo que o humor gráfico sexa necesariamente BD, pero os límites son tan permeábeis e as linguaxes teñen tantas proximidades que facer apartes ou distincións absolutas parece inapropiado, ademais de pouco útil. Onde acaba o conto ilustrado e comeza a BD? Deberiamos sacar da etiqueta as historias de Posy Simmonds por narraren parte con viñetas e parte con textos ilustrados? Non é certo que hai libros ilustrados que narran precisamente coas imaxes, secuenciando a historia páxina a páxina, en vez de cadro a cadro? Porén, cómic é distinto a relato ilustrado, a pesar de seren familiares íntimos.
Como seres humanos necesitamos estabelecer categorías para aprehender a realidade que nos rodea. Ordenar é a nosa forma de comprender. Analizar as nosas manifestacións culturais precisa de armas como as clasificacións, pero non son máis que iso, ferramentas para nos axudar a entender. Cando o límite nos serve para fixar purismos de calquera tipo (foren as fronteiras do jazz ou as do cinema documental), é que estamos a mirar para o dedo que sinala a lúa en vez de para esta. Temos que ter claro que os medios ou os xéneros que hoxe parecen claramente independentes dos demais (pintura, escultura, cinema, novela) teñen uns estándares marcados moi recentemente (máis do que pensamos), e iso con toda seguridade seguirá cambiando no futuro. Na miña opinión, a teorización de McCloud fai todo o contrario a constrinxir a BD: abre a visión cara á historia completa da arte e das manifestacións humanas, e lanza a súa proposta á discusión, e por iso sigo a crer que é a perspectiva máis convincente das que teño lido.
|
|
|
|
|