Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 18 / 3 / 2009
Literatura
A palabra escrita, por si propia, non é mellor (nin peor) que calquera outro medio de expresión.

Vou volver tratar un tema que xa toquei hai un tempo, falando dos xéneros: o a BD como parte do sistema literario. Un dos grandes problemas a que nos enfrontamos á hora de defender o cómic como medio expresivo coa mesma validez que calquera outro é o de termos moi metida na cabeza a idea da supremacía da letra impresa con respecto a calquera outra forma de expresión cultural: un libro (a ser posíbel, sen gráficos) é a representación icónica da cultura por excelencia. Tanto é así que hai quen chega a pensar que todo aquilo que aparece publicado nun libro é incontestabelmente certo. O libro que só contén palabras escritas é o súmmum da cultura, ou iso parece estar gravado a lume nas nosas mentes, e mesmo nas dalgunhas persoas moi preparadas.
Tamén comentei aquí como está bastante estendida a crenza de que ler escritos implica per se un maior valor que acceder a información a través doutros medios, dando por sentado que sempre é máis fácil ver un filme ou ler unha BD, por exemplo. Isto esquece que hai libros moi doados de ler (a maioría dos éxitos de vendas, sen ir máis lonxe) e tamén filmes e cómics moi complicados. O paradoxal é que, desde dentro dos ámbitos ligados á BD, acaba dándose por válida, inconscientemente, tal crenza.

Xéneros literarios
A pregunta é: «É a BD un xénero literario?». A resposta automática de boa parte dos afeccionados é que naturalmente que non. Penso que isto vén derivado de tentar fuxir dunha visión cultural aínda moi próxima que vía (ou ve) a BD só como un capítulo dentro da literatura infantil. Tamén por pensar que a división por xéneros só pode ser estudada desde unha perspectiva temática, cando se refire neste caso ao punto de vista modal ou formal (xéneros serían, por exemplo, a poesía, a prosa, o teatro...). Desde o momento en que consideramos o teatro como xénero literario (e non só a obra no papel, senón o conxunto do feito teatral, que seguiría sendo literario incluso sen esa base, o mesmo que a literatura oral non deixa de selo por non estar escrita) podemos considerar dentro da esfera literaria a BD. Por se fose pouco, a BD comparte coa visión máis conservadora do literario o feito de estar (usualmente) impresa en papel e o de ter (polo xeral) palabras como parte conformadora do seu discurso.
O mao é que seguimos a manter un esquema de valores culturais transmitidos erroneamente polo sistema educativo: segundo iso, a parte gráfica dos libros é un «mal menor», algo «a superar» coa nosa aprendizaxe (como as rodiñas da bicicleta para quen está a aprender a andar nela). Os debuxos son só o «azucre» para pasar mellor a «pílula» do texto escrito, e os adultos xa non necesitan ese tipo de axudas.
Creo que é conveniente reivindicarmos a natureza literaria da BD. O seu texto híbrido, que combina imaxes e palabras, lémbranos que a orixe primixenia das letras é, precisamente, a representación da realidade por medio de debuxos. Cómprenos estar na esfera do literario en vez de en terra de ninguén; entre outras razóns, porque ao cómic sempre lle irá mellor sendo considerado un familiar da novela que como un ente «distinto a todo» e fóra de calquera categorización.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org