Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 21 / 1 / 2009
O valor do orixinal
Representa o orixinal dunha BD máis ou menos que a súa reprodución?

Unha BD, salvo raras excepcións, está pensada para ser lida sobre papel —nos últimos tempos, tamén na pantalla do ordenador—. Aínda que a arte secuencial pode, con toda a razón do mundo, ser rastrexada en todo tipo de formatos, o caso é que a día de hoxe o seu emprego como obra mural, por exemplo, é absolutamente excepcional.
As exposicións que se fan de páxinas de BD e de material relacionado (bosquexos, ilustracións do mesmo autor para outros traballos...) buscan principalmente chamar a atención do público sobre o cómic como medio de expresión, a través dunha obra determinada. Dalgunha forma, emprégase o gancho da aparencia estética da obra, que é a tarxeta de presentación do cómic, como o sería se o futuro lector olla rapidamente as páxinas do cómic antes de o comprar. É dicir, até certo punto priorízase a estética fronte á narrativa, que en xeral só se pode así apreciar nos seus sintagmas básicos: a relación das viñetas na páxina. Mais, como dicimos, isto tamén acontece folleando o cómic. É unha arma de dobre fío, porque hai obras que poden non resultarlle a alguén esteticamente atractivas de inicio e seren porén grandes obras cuxa estética ten que ser precisamente a que teñen, e tamén pode suceder xusto ao contrario.

En todo caso, o orixinal dun cómic é, en realidade, un elemento para chegar á obra final, que é unha reprodución en papel na cal se poñen en relación varias páxinas. En moitas ocasións, o orixinal inclúe correccións —viñetas pegadas, trazos borrados con témpera...— que non deben notarse na versión impresa, e o autor emprega o seu coñecemento das técnicas de reprodución para decidir o que vai ser visíbel, e de que forma, na súa páxina.

Adoradores de páxinas
A exposición serve tamén para os afeccionados veren as páxinas ao natural, e saciaren a súa curiosidade polas técnicas de debuxo, ou para «sentiren de perto» a obra dun autor. Mais raramente unha páxina pode considerarse como unha obra de arte en si mesma, separada das que conforman o conxunto da mesma historia.

O orixinal nunca foi exactamente a obra en termos de banda deseñada, entre outras cousas porque case sempre lle faltou algún detalle importante: a cor, cando esta se aplicaba mediante técnicas mecánicas seguindo as indicacións do autor; a rotulación, cando moitos autores comezaron a empregar a «cor directa», ao deixaren o espazo en branco para posibilitar a inserción de textos na edición noutros idiomas... Hoxe, ese orixinal que se achegaba bastante ao resultado que aparecía despois impreso tende a desaparecer. Moitos autores xa só debuxan coa técnica tradicional o lapis, ou mesmo fan a totalidade do proceso directamente co computador, mediante o emprego de tabletas gráficas. Que queda, pois, do «orixinal»? Apenas bosquexos, en moitos casos. Hoxe a exposición das páxinas ten de se facer, as máis das veces, a partir dos arquivos dixitais. Os orixinais, por todo isto, representan xa o pasado; permiten un estudo dunha parte importante do traballo dun cómic, mais é un estudo que fica limitado no tempo.

Todo o dito leva a pensar se non estaremos automaticamente a empregar, cando falamos de museos relativos ao cómic, un concepto tomado doutras disciplinas artísticas, mais insuficiente para esta: nunha pinacoteca, basta con expor o cadro para o mostrar na súa totalidade; nun museo do cómic, non parece abondo con expor o orixinal. Talvez, o máis parecido ao concepto de museo que podemos encontrar xa existe, e ten por nome bedeteca: unha boa colección de libros de BD.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org