Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 2 / 7 / 2008
Narrar sen palabras
O cómic mudo ten efectos moi interesantes, mais non é apto para todos os públicos.
De cando en cando vemos publicada algunha BD que só emprega as imaxes para contarnos a súa historia. Non é unha tarefa común, mais si se atreven a afrontala autores como Jason, Ulf K. ou Thomas Ott. Mesmo no ámbito galego, a publicación que serviu para dar a coñecer o colectivo Polaqia foi Mmmh!!, colección de historias mudas, seguindo dalgunha forma o ronsel deixado pola antoloxía Comix 2000, de L’Association. É unha aposta arriscada, principalmente porque só os grandes narradores conseguen saír ben parados dela: manter atento o lector á historia sen máis impulso que o das accións contadas polas propias imaxes —e coa axuda ás veces dalgún rótulo que forma parte da propia escena— supón un esforzo constante por narrar coa maior claridade posíbel e por suscitar continuamente o interese. Éo ademais porque, en xeral, entraña unha maior necesidade de atención por parte do lector.
Mais tamén o é porque segue habendo quen, por unha lóxica mal entendida, considera que o guión dunha BD o conforman as letras que figuran nela, e cre que, desaparecidas estas, o fai tamén a categoría literaria da obra. Naturalmente, non hai nada máis lonxe da realidade. Aínda así, unha parte non pequena do público tería, por unha ou outra razón, pouca disposición para enfrontarse a un cómic sen palabras. Ocorre o mesmo no cinema: é difícil encontrar películas con escenas longas sen diálogos ou locucións en off. E incluso cando en moitos filmes vai narrándose visualmente unha acción mentres se suceden os títulos do comezo, moitos espectadores seguen a falar cos seus veciños en canto non se inician os diálogos, porque sobreentenden que «aínda» non comezou a película.
O poder da expresión verbal
Non deixa de ser curioso o valor que lle outorgamos ás palabras, mesmo aínda que sexan de simple recheo. Hai unha boa cantidade de casos de diálogos engadidos a filmes por medo a asustar os espectadores co silencio. Pola contra, moitas películas xogan a demostrar como os diálogos poden ser absolutamente accesorios, e ser máis importante a acción dos protagonistas que as súas palabras. Certamente, non podemos vivir sen as palabras, sexan audíbeis, escritas ou sinalizadas dalgunha forma; dun ou doutro xeito, necesitamos o contacto verbal, e esa carencia que se expresa nun cómic sen palabras pode resultar agoniante para moitas persoas, xa que esa ausencia pode traducirse na mente do lector nunha inexistencia total de sons, un universo desacougante.
A falta de palabras é só «natural» en circunstancias moi determinadas, e non sempre se podería narrar sen elas, como é lóxico. É claro que a ausencia total de sons incomoda na sala de cinema, e as proxeccións máis primitivas do cinema mudo adoitaban facerse non só con acompañamento musical ao vivo, senón en moitas ocasións con comentarista. A acción só visual non era fácil de entender para uns espectadores non habituados. Aínda que a nosa cultura visual mudou enormemente desde entón, a palabra —talvez o peso de séculos de tradición oral na memoria colectiva— segue a ser un elemento fundamental de enganche á historia narrada.
|
|
|
|
|