|
|
Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 12 / 3 / 2008
A crítica, ese ‘mal necesario’
Cómpre reflexionarmos sobre a necesidade dunha crítica seria tamén na BD galega, como parte inherente a calquera sistema cultural.
Campa na nosa sociedade un odio xeneralizado cara á figura do crítico, certa antipatía que linda coa tradicional contra os sabichóns e os pedantes; en última instancia, o rexeitamento natural cara aos que exercen algún tipo de poder, aínda que só sexa moral —desde un árbitro até un ministro—. Deberiamos entón decatarnos do primaria que pode chegar a ser a reacción de deslexitimarmos a crítica, como nenos enrabechados con algo do que non gustamos.
Certo que hai moi maos críticos que nin merecerían tal apelativo, pero iso non debe facernos esquecer a importancia do seu labor dentro do mundo das artes de todo tipo. Non é que teñamos que render preito a uns popes que deciden o que vale e o que non; non é que non sexamos quen de decidilo por nós mesmos. Probabelmente, unha boa parte das obras existentes poden ter unha análise igualmente válida por parte de calquera persoa común que polo máis sisudo dos críticos, mais un crítico ten que achegar criterio e coñecemento do medio, un gusto definido e unha análise coherente da obra para pór ao descuberto as súas claves, e en moitos casos lograr convertela nunha serie de elementos discutíbeis polos demais. Ás veces, verbalizar as impresións provocadas por unha obra é máis complicado e máis útil do que parece.
Non disparen ao crítico
Un crítico pode estar tan equivocado como calquera outra persoa: por máis obxectivo que pretenda ser, miles de variábeis van influír no seu xuízo —desde a situación política do momento até o tempo atmosférico do día—. A cuestión é que, mentres o razoe convenientemente e expoña con claridade o que encontrou ou non puido encontrar nunha obra, o seu texto vai ser de utilidade para a discusión acerca dela. Porque unha obra, sexa de cinema, de literatura escrita, de BD... supón un punto de partida, nunca acaba en si mesma: comeza a vivir na cabeza dos seus receptores, que ás veces a enriquecen, e outras a levan por vieiros que o autor mesmo rexeitaría. A discusión dunha obra, sempre que sexa feita por persoas intelixentes, supón dotala de maior vida. Por tanto, unha crítica non só é válida para o autor —que, debido á súa situación de ligazón emocional coa súa creación, quizá sexa incapaz de interpretala con distancia—, senón especialmente para os seus receptores, o público lector/espectador/ouvinte...
A banda deseñada galega —en realidade, case todo no ámbito cultural galego, temo— precisa non só de comentaristas e recensores, moi necesarios tamén, senón tamén de críticos. E non é fácil a tarefa, habida conta do mal recibida que pode ser a crítica e de que nesta aldea global todos acabamos coñecéndonos e ninguén ten ganas de buscar máis inimigos dos que xa ten. Está claro que de momento as críticas positivas o van ter máis fácil que as negativas —insisto: unha crítica ‘non positiva’ non ten nada que ver cun artigo ateigado de descualificacións e falto de argumentos—, pero as obras non poden quedar aí, no limbo dos xustos, sen máis análise que a das tertulias de café.
|
|
|
|
|
|
|