Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 9 / 1 / 2008
Unha nova lección de McCloud
Non é a primeira vez que falamos de Scott McCloud nesta columna, e probabelmente non será a derradeira... O seu novo libro confirma que mantén a súa intelixente ollada sobre a BD.


Podería ser o enésimo libro sobre técnicas de elaboración dun cómic, mais é outra cousa. A recente publicación en castelán do novo libro de Scott McCloud, Hacer cómics: secretos narrativos del cómic, el manga y la novela gráfica (Astiberri) volve pór sobre a mesa a sensatez, a brillantez e a concisión deste home á hora de facer aproximacións á teoría sobre a BD. Complementa, sen repetirse, os seus anteriores libros cunha inmersión exhaustiva nos intersticios creativos dos cómics, en todos e cada un dos detalles que debe ter en conta quen vaia facer un, sexa dunha páxina ou de quince tomos.
Concibido como un repaso persoal, unha clarificación de ideas de cara á planificación da súa próxima novela gráfica, volve darnos unha lección de claridade expositiva e entretemento mentres vai tirando do fío, reflexionando con humildade sobre qué funciona nun cómic e por qué, sen dogmatizar nin ofrecer fórmulas máxicas. Non hai aquí, como sucede noutros libros, «trucos», entendidos como atallos para evitar partes difíciles de resolver sen que se note moito; antes ben, insiste en animar á creatividade, a encarar o problema e buscar a mellor solución, aínda que non sexa a máis fácil.
Sen ser un libro que descubra nada esencialmente novo —e cada persoa encontrará cousas que considerará obvias, mais que sempre hai que verbalizar—, posúe a rara capacidade de trazar unha nítida visión de conxunto de todo o proceso, nunha exposición que, novamente, se fai en forma de cómic, e de xeito inmellorábel.

Valorizar o proceso de construción dunha BD
A complexidade da BD fai que para a súa realización sexan necesarios os mellores coñecementos sobre debuxo, unha interiorización moi forte sobre os modos de representación e narración a través de viñetas, e moita capacidade de fabular, de tecer historias, de entender a psicoloxía dos personaxes.
O feito de que a BD estea contida en simples páxinas de papel pode facer esquecer que existe unha elaborada maquinaria detrás. O autor de cómic (sexa unha persoa ou un equipo) fai moito máis que «escribir» e «debuxar»: unha boa historia ten que estar desenvolvida de forma eficiente e clara no formal e ten que haber o equivalente á dirección de actores en teatro ou cinema —non conta só o que din, senón como o din—, sen esquecer nunca as características propias e intransferíbeis da BD, como o necesario equilibrio entre texto escrito e imaxe.
Por iso este libro non só resulta interesante para quen queira aprender ou mellorar nas súas habilidades para facer BD. O discurso de McCloud é, coma sempre, ameno e agudo, e está ateigado de bo humor e referencias e reflexións que van desde a historia da arte até a antropoloxía; axuda a entender máis aínda como funciona a linguaxe dos cómics. Como sucede en todas as disciplinas artísticas, canto máis se coñece sobre elas e as súas técnicas máis se pode disfrutar delas, polo que calquera lector cun mínimo de interese sobre o medio vai gozar do libro e mesmo vai valorar moito máis todo o traballo de fondo que esixe a realización dunha boa BD. Mais entre os xa afeccionados a facer cómics, mesmo os profesionais, o libro vai reavivar a súa paixón por este medio.



A anterior columna sobre McCloud:

Sitio de Scott McCloud (inglés):

Máis información sobre ‘Entender el cómic’/‘Understanding comics’ (1993):

Máis información sobre ‘La revolución de los cómics’/‘Reinventing comics’ (2000):

Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org