Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 14 / 11 / 2007
Cómics políticos
Aínda que hai quen entende o adxectivo ‘político’ unicamente relacionado coas cuestións de partido, o termo e infinitamente máis amplo. Como medio de expresión, a BD tamén ten un papel neste ámbito.
Agora que se cumpren cinco anos da catástrofe do Prestige, podemos lembrar tamén un dos primeiros sinais claros desa certa "maioría de idade" que a BD estaba a acadar no país. Dentro do movemento cidadán que se xerou desde as primeiras semanas após o afundimento do petroleiro, un dos elementos máis activos e visíbeis foi o Colectivo Chapapote, que xustamente agrupaba creadores gráficos, nomeadamente procedentes do mundo do cómic. O volume colectivo H2Oil, que reuniu sesenta e seis autores reflexionando acerca das consecuencias de todo tipo provenientes daquel afundimento, é un moi bo exemplo sobre como a BD pode ser empregada para a transmisión de ideas sociais e políticas.
E non é que a parodia e a sátira non teñan acompañado os cómics desde os primeiros tempos. Mais hai outras moitas formas de tratar estes temas, e adoitaban aparecer socialmente tapadas pola BD «de evasión» —tan válida e necesaria coma esta, aclaremos—. Como ben comentaba Scott McCloud en Understanding Comics (Entender el cómic, Astiberri), o potencial dos cómics está en múltiples facetas, e non simplemente na narrativa de ficción; tamén pode ser un magnífico medio para expor ideas. E non se trata de falarmos de cómics panfletarios, senón da posibilidade de tratar a través da BD problemas da nosa sociedade actual, de tentar chegar a entender o noso mundo a través doutras perspectivas: cadernos de viaxe, diarios en forma de BD, mesmo cómics simplemente expositivos.
BD «documentais»
No cómic, como na escrita, parece máis difícil a división aparentemente tan clara —só aparentemente— que existe no audiovisual entre ficción e documental. Aquí todo pasa polo filtro autoral —na realidade, no cinema tamén: ningún documental deixa de ter elementos que o ficcionan; é imposíbel separar unha cousa da outra—. Como todo o que se publica, estas BD poden ter cousas discutíbeis, mais esa é unha das cuestións importantes: fomentar o debate. Exemplos de obras como as de Aleksandar Zograf (Cómo fui bombardeado por el mundo libre, Under Cómic, 2000), Joe Sacco (Gorazde, zona protegida, Planeta DeAgostini, 2001; Palestina: en la franja de Gaza, íd., 2002), Joel Andreas (Adictos a la guerra, Astiberri, 2004), Didier Lefèvre e Emmanuel Guibert (El fotógrafo 1-3, Glénat, 2003-2007) ou a xa afamada Marjane Satrapi (Persépolis1-4, Norma, 2002-2004) conseguen traer á palestra realidades do noso mundo que doutra forma poderían pasar inadvertidas, e que nos afectan moito máis do que pensamos.
Todos estes temas poderían ser tratados desde outros medios expresivos, pero o cómic acada tons que non conseguiría ningún deles. Coa estrea da versión cinematográfica de Persépolis —magnífica como adaptación e como obra en si, dígase de paso— houbo quen tamén lamentou o que se perde nela e quedou nos cómics: matices da historia, un ritmo narrativo máis acougado... Se se tratase dunha novela, outros aspectos serían irreproducíbeis nunha versión a outro medio, e se se fixese unha versión en BD a partir dun filme, perderíanse outras cousas: cada medio ten elementos que fan que o seu goce sexa único, e prescindir de calquera deles sería unha insensatez. |
|
|
|
|