|
|
Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 9 / 5 / 2007
Apoios institucionais
A presenza do diñeiro público en materia cultural é necesaria, posto que o creativo non pode estar condicionado unicamente polas leis do mercado. O caso da BD galega non é distinto.
Ninguén pode negar algo tan evidente como que os principais factores no referente á boa saúde da BD galega actual son os autores, que mesmo en moitos casos teñen levado adiante un importante papel de promotores e editores das súas obras e das de compañeiros. Mais iso non debe facernos esquecer que o apoio institucional en todos estes anos de «prehistoria» da BD galega ten sido fundamental.
Cando falamos de institucións queremos dicir institucións de todo tipo —desde concellos até ministerios— e cor política —diferentes teñen pasado por elas en todos estes anos—, e en moitos casos implicadas de forma moi directa (por exemplo, a Casa da Xuventude de Ourense), lonxe desa imaxe funcionarial e aséptica que se adoita ter. Non só falamos de políticos, senón de técnicos e de voluntarios que teñen traballado con ganas nun tema que non lles repercutía nin en votos nin economicamente na maior parte dos casos. Esquecer a cantidade de concursos, edicións patrocinadas e eventos do máis diverso cariz que deron oportunidades (e ánimos en moitos casos) aos nosos creadores para que chegasen a ser o que son agora sería, como mínimo, unha descortesía.
A imaxe simbólica do institucional
Porén, parece que todos temos unha certa prevención ante a presenza das institucións públicas como axentes motrices. É certo que se produce, na sociedade e nos propios políticos, unha tendencia a pensar que o diñeiro que administran é dalgún xeito da propiedade deles, cando provén dos petos de todos os cidadáns. O lícito desexo dun político de mostrar o seu bo criterio na xestión dese diñeiro pode ás veces tornarse en propaganda, o que non por ser xa parte dunha tradición na nosa sociedade debe tomarse como norma de actuación.
Conste, non obstante, que ninguén se colocou ningunha medalla pola maior parte dos esforzos feitos en todos estes anos pola BD galega (unha actividade que pode que agora sexa até mediática, mais non esquezamos que só desde antonte pola tarde, como quen di). Talvez por iso eses esforzos resulten, paradoxalmente, máis invisíbeis desde o propio sector.
A BD galega, mesmo articulando unha industria en torno a ela, vai ter nalgún tramo que depender de axuda pública; non todos os proxectos van ser o suficientemente «comerciais» como para que se sustenten no resultado do mercado. E é claro que neste momento se precisa dun sistema de «bolsas de creación» similar ao que hai ou ten habido noutros países —en Portugal, sen ir máis lonxe, autores como José Carlos Fernandes conseguiron bolsas de creación literaria para a produción de proxectos de BD—. Parece que as intencións actuais desde a Consellaría de Cultura van por aí, polo que semella oportuno darlles un voto de confianza. Axustar despois os pormenores para que os apoios económicos se canalicen convenientemente e ninguén os poida malempregar será unha cuestión que discutir con todos os implicados, especialmente os autores, certamente unha das partes máis fundamentais e asemade máis sufridoras do sistema.
|
|
|
|
|
|
|