Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 17 / 1 / 2007
Bares creativos
A recente publicación de ‘La Tetería del Oso Malayo’, de David Rubín, volve colocar o seu autor como un dos nomes aos cales hai que estar máis atentos, e non falamos só no mercado galego.


Non sería a primeira vez que escoito dicir que se fala demasiado de David Rubín, alegando quen tal cousa di que se está sempre a dar publicidade aos mesmos, é dicir, que hai que deixar sitio a outros. É esa unha actitude bastante cínica, de certo tipo de persoas que parecen pretender nun principio axudar a saír adiante os novos valores e unha vez que isto sucede comezan a criticalos como algo «demasiado visto» —ou talvez «demasiado pouco descoñecido».

Afortunadamente, Rubín é un autor que aínda está a dar os seus primeiros —mais moi acertados— pasos; uns pasos que, digámolo tamén, están a abrir novos horizontes para o que até o de agora podía agardar un autor galego —e en moitos sentidos un autor peninsular en xeral—. Cunha rapidez inusitada, ten colocados no mercado estatal xa dous álbums, ademais doutro circunscrito só ao ámbito galego —e un máis en portugués, sen contar coas propostas de edición en firme que ten doutros países—, que están a sorprender a propios e a estraños, e por riba atraendo ao mundo da BD xente que non se interesaba por este medio.

O Oso Malaio
Con La Tetería del Oso Malayo (Astiberri, 2006), Rubín dá outro salto adiante e modela unha obra máis ambiciosa e compacta que a máis que notábel El circo del desaliento. A primeira parte do libro vén conformada por historias curtas previamente publicadas noutros medios, principalmente a revista Dos Veces Breve, e a segunda é unha historia longa, de 70 páxinas, que para quen isto escribe resulta o mellor do feito por Rubín até o momento. Curiosamente, hai varias historias curtas que lidas individualmente na altura non me acabaron de convencer, como se necesitasen unha certa afinación tonal, mais agora, lidas en conxunto, unhas e outras fan unha engrenaxe fabulosa, combinando o ton de conto dramático con pingas de humor e tenrura, sen caer nunca na conmiseración cos personaxes, nin tampouco na súa observación desde unha atalaia moral.

Semella que os —para a miña humilde opinión— pequenos desaxustes orixinais desaparecen, plenamente compensados dentro dunha maquinaria que funciona á perfección. A isto axuda tamén o esforzo de David por dotar as historias do mesmo rexistro gráfico, chegando a redebuxar parte delas. Un esforzo que creo que valeu moito a pena, vistos os resultados e esa homoxeneidade como obra que comentaba no comezo.

La Tetería del Oso Malayo —unha homenaxe nada disimulada aos bares e tabernas que son, entre outras cousas, lugares de traballo e creación de BD para David— supón, ou esa é a impresión, un punto e á parte na obra de Rubín, o paso cara a unha nova orientación (de momento, máis positiva, máis vital) nas súas historias, que conseguen transmitir máis emoción, máis verdade cada vez. Se esta pode considerarse a obra mestra de David Rubín —esa que lle abre as portas dos camiños reservados para os grandes autores—, só podemos felicitarnos ao pensar o que nos depararán os seus futuros libros.



Blog de David Rubín

Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org