|
|
Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 25 / 10 / 2006
Atrancos desde dentro
Os problemas na difusión social da BD non teñen só causas externas; algúns débense tamén a erros cometidos na promoción desde os ámbitos profesionais. Comecemos polos provenientes dos autores.
Se falabamos nas anteriores columnas de prexuízos acerca da BD existentes na sociedade —e apoiados en xeral polas elites culturais—, cómpre tamén analizar o que se fai mal desde dentro do propio mundo profesional dos cómics (autores, editores e promotores).
Os debuxantes e guionistas veteranos sufriron, e en moitos casos interiorizaron, a situación de traballaren para un medio supostamente «menor», en certo modo etiquetados como artesáns sen posibilidades de adquiriren unha categoría creativa superior. Non obstante, a conciencia do valor do traballo dos autores foi aumentando nas xeracións máis novas.
Aínda así, en moitas ocasións, cando lemos entrevistas a autores de BD en medios informativos xeneralistas ou convencionais, a visión que estes dan do seu medio é vitimista e negativa, reflectindo cómo teñen asumido, consciente ou inconscientemente, moitos tópicos socialmente estendidos, a pesar de a súa propia obra ser un bo exemplo de que non son certos. Porén, as súas palabras non fan máis que confirmar as ideas preconcibidas de moita xente.
Falar para vender o produto
Certamente, o xornalista que fai a entrevista precisa un titular, e para iso necesita valorar as informacións fornecidas polo entrevistado de acordo cos seus propios coñecementos sobre o tema. Se a idea previa do periodista (que non adoita ser especializado) é a de que a BD é un medio con pouca importancia e vido a menos, está claro que aproveitará (tamén consciente ou inconscientemente) calquera oportunidade para confirmar a súa teoría.
A falta de preparación dos autores para se enfrontaren aos medios de comunicación —ou simplemente, dunha infraestrutura editorial (persoal especializado, nomeadamente) que faga de ponte entre os profesionais e a prensa, como pode suceder na literatura ou no cinema— fai que non sexa estraño encontrar titulares que poñen en boca de debuxantes de BD frases como «Actualmente non leo cómics porque creo que non se publica nada bo» ou «O cómic morrerá fronte aos videoxogos». A primeira frase, unha escusa bastante fácil para desculpar unha desconexión que vén dada moitas veces polo propio tempo empregado no traballo de creador, resulta autenticamente contraditoria —se xa non le cómics, como sabe que non é bo o que se publica?—, mais funciona perfectamente como confirmación para un lector alleo á BD: «Non paga a pena ler cómics, como pensaba». A segunda serve tamén para desinteresar do tema os posíbeis lectores: «Para qué prestar atención a un medio que está en plena decadencia?».
Aínda falta, pois, unha conciencia clara sobre como comunicaren acertadamente os autores de BD o seu traballo á sociedade —non é o mesmo falar para un xornalista que para os amigos—, especialmente cando se valora tanto a presenza nos medios daquelas persoas que están detrás dos produtos culturais. Así como comeza a haber preocupación por pórense ao día en técnicas de creación, non estaría de máis para os creadores de cómic recibiren algún curso para aprenderen a relacionarse cos mass media.
|
|
|
|
|
|
|