Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 2 / 8 / 2006
Os tópicos sobre a BD (II)
Continuamos a analizar prexuízos que sofre a BD, os preconceptos que lastran a visión social que se ten sobre a novena arte.


Falabamos na anterior columna sobre como o feito de outorgar aos cómics o papel de iniciadores á lectura é un regalo envelenado, mais non é ese o único prexuízo estendido entre o que poderiamos denominar «elites culturais». A minusvaloración que sofren certos temas (os ligados á fantasía, principalmente, pero en xeral todos aqueles de orixe máis popular) en todos os ámbitos é un preconcepto con que tropeza unha e outra vez a consideración social da BD.

Xéneros
O termo xénero ten orixinariamente un sentido de clasificación global (poesía, narrativa, teatro, ensaio...). Se os estudos de teoría literaria consideran hoxe por hoxe o cómic como xénero literario (é dicir, que pode inserirse dentro dese sistema de clasificacións xerais) é porque o «texto historietístico», que inclúe palabras e imaxes para a construción dun discurso, é diferente doutros textos, semioticamente falando. Do mesmo xeito, tamén se inclúe o cinema como «texto fílmico» (non unicamente o guión como «parte literaria», senón o resultado audiovisual final).
Dito doutra forma, o cómic non é un xénero literario porque empregue palabras escritas dentro dos globos —e, xa que logo, a súa calidade literaria non depende do ben escritas que estean esas palabras—, senón pola súa globalidade como texto que emprega o debuxo e as palabras para crear un produto específico.
O problema é que, se nunca estiveron moi claras as divisións entre xéneros, e as fronteiras cada vez son menores, a confusión se incrementou nos últimos tempos coa xeneralización do emprego do termo «xénero» co sentido de «subxénero», de «subdivisión temática» («xénero negro», «ciencia ficción»...). A cara máis coñecida da BD son as súas expresións máis populares, o «xénero» entendido como un canon simplificado (superheroes, fantasía épica, certo tipo de folletín ou melodrama...), que en realidade son tamén (coas súas desviacións propias, certo) as máis coñecidas doutros medios (cinema, literatura, música).
Se o cómic queda especialmente marcado por eses subxéneros (non fai falta dicir que en principio tan dignos coma os outros) é porque, ao contrario que noutros medios, os demais produtos permanecen ocultos para o gran público. Todo o mundo coñece filmes populares, mesmo nefastos, pero considera o cinema en si un medio artístico porque sabe que existen obras fílmicas unanimemente aceptadas como obras de arte, e tamén claramente sucede iso na literatura e na música. Na BD, porén, o descoñecemento segue a ser o grande atranco.
Na cabeza de moita xente continúan estas ideas falaces que se mesturan: «a BD só pode ser un “subxénero”, porque só emprega temas “menores”», e «a calidade literaria da BD é escasa porque ten moi pouco texto». Isto implica para eles que unha BD só pode tratar temas sinxelos (infantís ou ben como entretemento lixeiro noutros casos), e é así como desde a «alta cultura» só pode ser admisíbel, no extremo, como unha de tantas frivolités dalgúns excéntricos. Racharmos de raíz esas ideas equívocas é imprescindíbel para que a consideración social da BD sexa a que merece.





Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org