Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 3 / 5 / 2006
A BD a través do cinema
O cinema de masas acolle, con certa frecuencia, personaxes sacados da BD. Infelizmente, moitas veces o seu achegamento ao cómic é epidérmico e tópico, e fai pouco favor á difusión das boas obras.


A relación entre cinema e banda deseñada vén desde os mesmísimos comezos da sétima arte: contan que un dos primeiros filmes dos Lumière, O regador regado (1895), estaba inspirado nunha tira cómica. Desde entón, as influencias mutuas teñen sido moitas. Porén, o que máis chama a atención do gran público son os casos de adaptacións de personaxes moi coñecidos: superheroes, clásicos europeos (Astérix) ou mesmo das tiras de prensa (Garfield).
O problema da maior parte destas adaptacións radica en que o grande interese dos seus cineastas é facer a aparencia dos actores o máis semellante posíbel aos debuxos nos que se basean. Deste xeito, e descoidando non só o espírito da obra senón os propios mínimos esixíbeis a un guión de cinema, acaban facendo máis unha entroidada que un filme.

Traducións entre medios
Hai cousas que son intraducíbeis entre un medio e outro (hai elementos que só poden existir na literatura, ou na radio, ou no cinema...). A expresividade de cada medio é distinta, porque se dota de técnicas e recursos propios (un mesmo actor fala de forma distinta nunha obra de teatro que nun filme). A BD posúe un abano de recursos moi amplo, e un deles é a caricatura, e certo carácter icónico (que impide que un se estrañe de ver o Spirou sempre vestido de mozo dos recados, por exemplo). Así como causaría hilaridade ver un actor nun filme maquillado como no teatro, provoca risa ver os ridículos disfraces de certos papeis inspirados en clásicos da BD.
Certamente, algo comezou a cambiar nalgunhas adaptacións de superheroes, e varios bos filmes conseguen que a parafernalia non afogue a historia. Non se trata tampouco de manter «fidelidade» aos argumentos orixinais; só de conseguir un bo filme, unha boa historia ben narrada, respectuosa e que consiga no espectador o efecto que provocaba a obra orixinal no lector (sexa este dramático, épico, cómico...).

Non sempre é traizoar...
Traducir unha obra de cómic a cinema precisa dunha reflexión que leve a quitar os aditamentos e ficar coa esencia da historia. Adaptar un Tintín, poñamos por caso, non precisaría tanto dun protagonista con tupé como de transformar a historia nun bo guión de cinema de aventuras; unha adaptación de Maus non debería estar protagonizada por actores con máscaras de rato. No caso dos superheroes, foi fuxindo das adaptacións nominais onde se conseguiu un dos filmes que mellor reflicten o espírito clásico do xénero: O protexido (M. Night-Shyamalan). De feito, o público normalmente descoñece que ve a adaptación dunha BD se o seu director decide non tentar imitar a suposta «estética da BD» (Camiño á Perdición, S. Mendes).
No outro extremo, existen esforzos por encontrar outras formas de tradución da BD, como o caso do xénero autobiográfico en American Splendor (S. Springer Berman e R. Pulcini), sobre as historias de Harvey Pekar: mesturando ficción e documental, cáptase o espírito da obra, e mesmo fanse exercicios metalingüísticos que permiten a reflexión sobre os límites entre ficción e realidade en calquera medio.



O filme ‘O regador regado’ (vídeo)

Sobre ‘Maus’, de Art Spiegelman

Sitio do filme ‘American Splendor’

Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org