Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 8 / 3 / 2006
Mulleres na BD
Chama a atención a escaseza de mulleres no mundo da BD, tanto entre o público lector como na parte autoral. A situación está a mudar, pero aínda falta moito para que tamén se normalice ese aspecto.

Na edición de 1999 do Viñetas desde o Atlántico moitos nos sorprendemos cando François Boucq comentou que en Francia a BD tamén era máis lida por homes que por mulleres; algo que el só se explicaba como froito dunha tradición transmitida, de forma que a educación dada ás nenas as levaba por camiños distintos aos dos nenos. Sorprende constatar iso, dada a normalización sociocultural da banda deseñada no país galo, que fai que os cómics sexan considerados un produto cultural de primeira orde. Pero é evidente que as nosas sociedades aínda teñen moito que avanzar en igualdade entre sexos, e isto pode ser unha pequena mostra de cómo o que se segue a transmitir a través da educación, a familia, etc. é diferente para homes e para mulleres.

Machismo na BD?
Creo que non é válida a análise que ten feito algún autor sobre que a falta de interese feminina polo mundo dos cómics vén polos estereotipos machistas que inclúen; sen escusar que dentro do medio hai e ten habido deses estereotipos, a cantidade deses exemplos que hai no cinema nunca foi óbice para a presenza da muller como espectadora (e cada día máis como cineasta).
Antes ben, coido que se trata novamente da visión que a sociedade ten da BD, que fai que sexa un produto cultural oculto para o gran público. Malia os avances conseguidos nas últimas décadas, a muller aínda non accedeu plenamente a moitos ámbitos da cultura, e ten a súa lóxica que un medio tan minorizado e desprezado socialmente como o cómic sexa dos últimos en captar a atención de novas lectoras.

Producións ‘en feminino’
A situación comezou a mudar coa difusión masiva dos manga, que fixo que moitas rapazas se interesasen por ler e facer BD. Non necesariamente porque as súas temáticas sexan máis «para rapazas», senón porque grazas a eles descubriron que se podían tratar temas moi distintos aos que socialmente aparecen ligados aos cómics.
Resulta complexo falar sobre a necesidade ou non da existencia de produtos pensados directamente «para rapazas». O certo é que, polo menos en certas idades, as rapazas e os rapaces tenden a consumir produtos culturais diferentes. A historia das revistas femininas de BD non resulta unha referencia que seguir (precisamente no ‘Viñetas’ de 2005 unha exposición deixaba ben claro o carácter velenosamente transmisor de roles e valores ‘tradicionais’ desas publicacións), pero a xeración de revistas actuais para rapazas que empregan a BD está a ser un auténtico éxito. As vendas millonarias de W.i.t.c.h. (que aproveita moitas claves do manga levándoas ao cómic europeo) falan por si mesmas.
Porén, o realmente importante é que a maior parte dos cómics están pensados para seren lidos por persoas, independentemente do seu sexo. Mais non parece ilícito que as editoriais poidan facer accións ou promocións dirixidas a captar público feminino. Podería ser unha forma de comezar a equilibrar a balanza.



François Boucq

Páxina oficial da serie ‘W.i.t.c.h.’

Artigo de Álvaro Pons sobre o tema

Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org