Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 4 / 1 / 2006
BD para os cativos tamén
A BD peninsular leva anos esquecendo o público infantil. Reivindicarmos o cómic como medio maduro e adulto non é motivo para esquecer a franxa inevitábel de idade encargada de renovar a xeración lectora.
Nos últimos anos, a banda deseñada viña sufrindo na Península un proceso de abandono editorial dun público potencial imprescindíbel, o infantil. O feito de os afeccionados reivindicaren o medio como maduro e adulto puido contribuír ao erro das editoras apostaren máis polo cómic para lectores non infantís. E a base para que o público da BD se vaia renovando naturalmente está nos máis cativos, para os que é preciso un tipo de produto que non sempre satisfai os adultos, pero que tampouco ten por que ser de peor calidade.
Nestes días o que isto escribe estivo a ler —con moito agrado, por certo— o álbum Carlitos Fax, de Albert Monteys, un dos primeiros da colección Libros Míster K —da revista homónima, seguramente a iniciativa peninsular máis decidida a rescatar ese público infantil-xuvenil, e todo con BD de produción propia, sen limitarse á compra de dereitos estranxeiros—. Hai quen pode chegar a pensar que as obras dirixidas aos nenos son «xénero menor», pero nada hai máis lonxe da realidade. Como se escoita moitas veces acerca da literatura infantil, esta non é a que está dirixida exclusivamente aos nenos, senón a que poden ler adultos e nenos. O mesmo ocorre co cinema (baste citar as películas de Pixar como exemplo de grandes filmes que divirten e satisfán nenos e adultos), e non ía ser distinto nos cómics.
Cómics para todos os públicos
Monteys consegue revivir o espírito dos mellores momentos da chamada «escola Bruguera» (que vai moito máis alá de Mortadelo e Filemón, certamente), actualizándoo. Fai cómics de humor, historias breves, sen outra pretensión que a de divertir, pero con forza gráfica, con agudeza nos guións...; é dicir, con moito xeito. Outro gran revitalizador dese espírito é Bernardo Vergara, autor doutra das series estelares de Míster K, «Harry Pórrez», que axiña chegará nesa mesma colección ao segundo volume —desta vez cos magníficos debuxos do galego Víctor Rivas—. A iniciativa de El Jueves con Míster K é unha aposta pola produción propia con calidade, e unha industria saudábel da BD precisa unha base forte de creadores locais, e, como diciamos, coidar os novos lectores e lectoras. O feito de non seren estes cómics produtos fáciles de facer (a pesar do que poida parecer) compénsase con que teñen un mercado grande que permite a súa rendibilidade, así que é de esperar que se vaia estendendo o exemplo entre as outras editoras.
‘Made in Galicia’
Por iso tamén é moi importante que en Galiza e en galego existan iniciativas de boa BD para os cativos. A colección ‘BD Banda’constitúe un inmellorábel paso adiante. Ao abeiro do selo Faktoría K de Libros, nenos e maiores poden gozar das BD de Kiko da Silva, Andrés Meixide, Pinto & Chinto e Javier Olivares (o único non galego polo de agora). Un ano despois do comezo, a colección parece consolidada pola continuada aparición de títulos, o éxito de vendas (a primeira edición de Fiz nos biosbardos ficou esgotada semanas atrás) e a saída á busca doutros mercados peninsulares coa publicación tamén en castelán. En definitiva, un éxito que só pode traer cousas boas para a BD galega.
|
|
|
|
|