Realizou a serie "Yeti e Ralf" para a revista infantil-xuvenil Mister K sumando un total de 75 páxinas de cómic, ademais de 38 páxinas extra para case outros tantos especiais, dez páxinas dobres de pasatempos, catro portadas da publicación e unha portadiña. Entre viñetas de humor gráfico e ilustracións para prensa, suplementos e libros, ten publicado máis de seis mil debuxos e novecentas caricaturas. Traballou para El Correo Gallego e La Voz de Galicia e ilustrou libros de texto e infantís. Conta con material en exposición e catálogo no Museo do Humor de Fene, na Fundación de Humor Gráfico da Universidade de Alcalá de Henares e na Bienal de Caricatura de Ourense. Ten desenvolvido story-boards para publicidade de TV e participou nos proxectos de cómic “BD Banda”, “H2Oil” e puntualmente no “Barsowia”. Actualmente traballa para La Opinión de A Coruña, El Progreso de Lugo, Atlántico diario (Vigo) e La Región (Ourense). Publicou a finais de 2006 o seu primeiro recopilatorio de viñetas, "Santy Gutiérrez. Humor gráfico. Licencia para incordiar" do que se imprimiron 18.000 exemplares. É membro da directiva da AGPI e da FADIP.
Palmarés
Recibiu o primeiro premio J&B “Joven y Brillante” de Humor Gráfico en 2001. No mesmo concurso recibiu 2 accésits nacionais. Gañou o primeiro premio da Bienal de Caricatura de Ourense.