Novas actividades de Proposta Galiza para reclamar este topónimo

Chamando A Galiza

A iniciativa cultural Proposta Galiza, que reúne a abondosas personalidades do mundo da cultura está a organizar novas actividades para reclamar este topónimo coma única denominación oficial do país. Así, vense de presentar un estudio no que o doutor en Filoloxía da Universidade de Vigo José-Martinho Montero Santalha reclama que a forma galega é a única forma xenuína en galego para se referir ó país. Ademais, está prevista unha exposición na galería Sargadelos de Santiago reclamando este topónimo e a organización. Tamén hoxe coñecemos unha interesante iniciativa a prol da normalización. A maca de Alvariño Vento Mareiro cederá un euro á Mesa pola Normalización por cada botella que venda a través da tenda de Vieiros.

Un estudio



O ensaio de Montero Santalha sinala que a palabra Galicia é un castelanismo "introducido na fala popular nos tempos modernos". Segundo el, en varios textos medievais se recolle a forma Galiza e outras semellantes coma Galliza, Galiça ou Galliça onda a máis usual en castelán Gallizia.
Ademais das referencias medieviais, Montero Santalha lembra que desde as Irmandades da Fala e a Xeración Nós se veu reclamando esta forma coma a máis axeitada para referirse ó noso país.











Unha exposición e debates


A nova sala Sargadelos de Santiago abrirá as súas portas a partir da segunda semana de maio cunha exposición de creadores galegos a prol do topónimo Galiza como única forma recoñecida no noso idioma. Entre outros poderán verse obras de Xosé Luis de Dios, Ánxel Huete, Manuel Vilariño, Xurxo Oro Claro, Xaquín Marín, Berta Cáccamo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Facal, Xurxo Martiño, Xosé Lois, Pepe Carreiro, João Guisám Seixas e Isaac Pérez Vicente entre outros. A mostra poderá visitarse durante un mes. Está previsto que no mesmo lugar se celebre un ciclo de debates nos que se traten diferentes aspectos da nosa cultura, desde a arquitectura ás artes plásticas.




Alvariño para o galego

Vieiros e a marca de albariño Vento Mareiro veñen de pór en marcha unha novidosa iniciativa a prol do noso idioma. Trátase de que a adega cede á Mesa pola Normalización un euro de cada botella que venda a través da tenda virtual de Vieiros. O obxectivo é chegar a vender seis mil botellas albariño, o que suporía o equivalente a un millón de pesetas para a Mesa.