O patrimonio contará cun centro de investigación e rehabilitación que se situará na Cidade da Cultura

A UCI do patrimonio

Documentos, escultura, pintura, tea, madeira… son algúns dos soportes do noso patrimonio. Por iso, cando están en mal estado de conservación precisan dun equipo preparado e cualificado que coñeza as súas particularidades e as devolva, na medida do posible, ao seu estado orixinal. Descubrimos o presente e o futuro da recuperación do patrimonio.

“Hai uns anos houbo unha especie de bum que fixo que se crearan algúns laboratorios, pero superado ese momento, hoxe en día a cousa está un pouco parada” asegura Jorge Medín, restaurador de documento gráfico do Arquivo do Reino de Galicia. Unha situación que contrasta coa cantidade de obras que precisan ser restauradas. “É imposible pretender ter todo o patrimonio restaurado, asegura Jorge, porque é inabarcable, pero o que si se pode facer é dedicar material a recuperar e planificar”.

As necesidades
Como en moitas outras áreas a prevención segue a ser unha materia pendente en temas de restauración. “É certo que hai obras e mostras de patrimonio que teñan que ser intervidas e recuperadas pero, con independencia diso, o máis importante é dedicar material e persoal a esta faceta de conservar” asegura Jorge Medín. Evitar humidades, colocar o papel no lugar correcto para evitar que se estrague, ou normas como manipular os bens son algunhas das mínimas pautas que, na opinión deste conservador, axudarían a mellorar o estado do noso patrimonio.

Non se trata só dunha cuestión de falta de recursos, senón tamén de mentalidade e da necesidade de apostar pola investigación. Para o primeiro, un grupo de estudantes da creada Escola de Restauración de Pontevedra creou ARCOBENS, unha asociación que desde 1994 desenvolve actividades en dúas frontes: actividades formativas e divulgativas para dar a coñecer a complexa tarefa dun restaurador de bens culturais.
Para o segundo, Jorge asegura que “non é unha cuestión que lle afecte só ao campo da investigación, senón tamén a todos os campos profesionais. Como na medicina, que antes operaban as papeiras pero agora non. Isto tamén pasa na restauración. Hai moita xente de antigo que, sen saber que era isto, se dedicaba a conservar na medida quen que sabían e podían; nuns casos fixéronno cun bo sentido común e preservaron evitando que se seguira deteriorando e noutros conseguiron o efecto contrario, explica Jorge”.

Mapa actual
A día de hoxe o presente pasa por dous piares. Dunha banda as os oficinas de rehabilitación de ámbito municipal, que contan cun arquitecto encargado da restauración e conservación. Uns centros que, na maioría das ocasións, chegan a convenios con concellos e con patrimonio para encargarse do patrimonio.

Despois hai unha nutrida rede de museos e de arquivos que contan nas súas instalacións con dependencias propias para a restauración. O traballo de recuperación que desenvolven céntrase só para a administración, a través da Dirección Xeral de Patrimonio e cada un traballa nunha área diferente. O Arquivo do Reino de Galicia conta cun laboratorio de restauración en papel, o Arquivo histórico provincial de Lugo encárgase do patrimonio documental, o Museo de Belas Artes da Coruña conta cun laboratorio de restauración especializado en pintura e escultura, o Museo de Ourense en arqueoloxía, o de Ribadavia en materiais etnolóxicos como a madeira ou a tea. Son algúns dos exemplos que evidencian que cada centro museístico conta con persoal dedicado a desenvolver tarefas de conservación en distintos ámbitos.

Canda estes, existen entidades específicas que desenvolven traballos de restauración. É o caso, por exemplo, do Consorcio de Santiago (integrado pola administración central, local e a consellaría de cultura) que se dedica á conservación. Pola súa parte, Carolina Pérez, membro de ARCOBENS considera que a presenza da restauración “é crecente nos últimos anos pero aínda é insuficiente”. En todo caso apunta que á iniciativa pública estase a incorporar a privada, a través de entidades como a “Fundación Caixa Galicia” ou a “Fundación Barrié”. “Penso que vai mellorando, pero aquí aínda non existe un instituto serio como hai en Valencia, que conta cun mestrado específico, ou en Andalucía”, matiza Carolina.

Outra das características que definen a situación actual en materia de conservación do patrimonio é, segundo Carolina Pérez, a descoordinación. “Os centros que traballan nesta área moitas veces non teñen relación entre si, de tal xeito que poden estar investigando áreas comúns sen sabelo”.

Un centro para a I+D
Tanto Carolina como Jorge fan mención a un ambicioso proxecto que se está a xestar nestes momentos e que ten como destino a Cidade da Cultura. Trátase do “Centro de Investigación do Patrimonio”. Un lugar, tal e como apuntan fontes da Consellaría de Cultura “de apoio á actividade pública e privada relacionada coa investigación en conservación, xestión e valoración do Patrimonio Cultural. Está concibido como unha unidade de servizos para clientes externos e propios que se organiza en grupos de investigación dinámicos, capaces de producir un programa de I+D+i a longo prazo”. O lugar no que se xunta a administración e a universidade para traballar en prol do patrimonio e que entra na dinámica de grupos de traballo de ámbito europeo como o “European Roadmap for Research Infrastructures” que constitúen a base das futuras incorporacións ao Roadmap da Unión Europea.
Un centro que contará con dúas áreas de traballo. Dunha banda, a súa actividade diríxese a fornecer de servizos de I+D+i a todo o colectivo vinculado ao patrimonio: empresas, administración e investigadores. Un feito que permitirá evitar esa descoordinación á que se apuntaba con anterioridade como doenza da situación actual. E, da outra, o Centro levará a cabo dentro da Cidade da Cultura un traballo de divulgación e posta en valor do patrimonio en sinerxía cos espazos expositivos, fundamentalmente do Museo de Galicia.
Ademais destas infraestruturas, Carolina Pérez considera que debe haber cambios noutro eido. “Penso que fai falta un novo marco xurídico que determine como se traballa co patrimonio. Temos moitos problemas no regulamento da profesión que afecta a como se conserva ese patrimonio que está protexido por lei. Nos depósitos arqueolóxicos, tal e como está a actual normativa, quen dirixe é un arqueólogo, pero un arqueólogo non é un restaurador. E isto é porque a lei de patrimonio do 95 ten un artigo que establece que nunha intervención debe haber un arqueólogo e non un conservador. A nós chámannos cando os danos están feitos e nunca antes”. Por ese motivo, Carolina considera que paralelamente á creación de infraestruturas, de destinar novos recursos neste ámbito, debe contemplarse as diferentes partes dun proxecto de conservación, as diferentes tarefas e establecer qué lle corresponde a cada quen.