O tres de maio comeza en Compostela unha nova edición do Correlingua

Coa lingua de fóra

Compostela acolleu onte a presentación do Correlingua 2002, unha carreira que percorrerá diferentes concellos de Galicia coa intención de reclamar o dereito a medrar en galego. A actividade, que conta con diferentes materiais didácticos de apoio, está dirixida fundamentalmente ós máis novos. Esta edición presenta ademais unha novidade, un himno composto por Xurxo Souto que se pode escoitar na web da carreira.

A carreira


O Correlingua 2002 partirá o vindeiro tres de maio de Santiago para continuar ata o día dezaseis polas comarcas do Condado, O Salnés, A Coruña, Lugo, A Mariña, Ferrol, Ourense Pontevedra, Baixo Miño e Vigo, onde rematará cunha festa.
A carreira pretende favorecer a conciencia lingüística dos máis novos e reclamar o seu dereito a medrar en galego baixo o lema "Fala, non cales". O Correlingua está organizado pola sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Mesa Pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago.
Desde a organización chámase á participación dos centros de ensino das comarcas nas que se vai celebrar o evento. O acto de clausura en Vigo conatrá coa participación da cantante Uxía, do escritor e editor Fran Alonso e de membros da Asociación Abertal que organizarán unha sesión de xogos populares.












Material didáctico


A edición do 2002 do Correlingua conta coa integración de material didáctico coma un CD no que se recollen varias cancións, entre elas un himno composto por Xurxo Souto no que se lembra a importancia da diverisdade lingüística e cultural.
Ademais, na web do evento porase en marcha un xogo de rol na que os participante deberán ir resolvendo situacións lingüísticas. Ademais tamén se habilita un foro para que os interesados aporten a súa experiencia. Ademais animarase ós estudiantes a que conten por carta as súas experiencias co idioma.




Un pouco de historia

A primeira Carreira en Defensa da Lingua celebrouse en 1996 en Compostela organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística e pola Asociación Cultural O Galo, que retomaban unha iniciativa que se celebraba con anterioridade no Salnés. Con esta carreira, a imitaciónda Korrika basca, queríase facer un acto reivindicativo e lúdico que animase ós máis novos a participar na defensa do idioma.