O voluntarismo supón a base da actividade cultural no Courel

A Cultura vai á montaña

Esta ano, co gallo do Día das Letras dedicado a María Mariño, a cultura do país volta a súa ollada para o Courel. Esta zona montañosa, ademais de ser berce e inspiración de poetas conta tamén coa súa actividade cultural. Colectivos de base desenvolven o seu traballo nun concello con escasas infraestuturas e unha galopante desertización. ¿Como é a cultura no Courel?

O Courel perdeu case o 40% da súa poboación (un 38,6%) só desde 1980, e as arredor de 1.340 persoas que habitan no concello actualmente supoñen só a quinta parte das que había en 1900. Falamos dun concello onde non existe unha soa gasolineira, que se mantén nun relativo illamento e que aos poucos está a perder servizos de todo tipo. Desde o mesmo concello recoñecen que a principal infraestrutura que existe neste sentido é o propio edificio consistorial, que concentra un salón de actos, unha biblioteca e unha aula de Internet rural. No entanto, este concello conta con varios colectivos coma Croa, Formigueiros, Mulleres Enxebres ou Fonte do Milagro que son os que manteñen unha certa actividade cultural na zona e que acadan unhas cifras de participación que poden resultar sorprendentes dado o contexto. En xeral, os colectivos consultados coinciden en sinalar que a programación cultural é escasa e, tirando determinadas citas anuais, pouco estable.

Tradicións sen xente
Influídos en boa medida pola elevada media de idade da zona e mais polos diferentes condicionantes xeográficos e culturais, atopamos que unha moi grande parte da actividade cultural que se desenvolve no Courel está centrada nas festas populares e máis en actividades tradicionais. Deste xeito, a Festa da Castaña ou a Festa da Pisa (o secado da castaña), o San Xoán ou as diferentes festas patronais de cada aldea compoñen boa parte do calendario fixo da zona. Ao tempo, a presenza durante o verán de boa parte da poboación courelá emigrada favorece que sexa nestes meses onde se concentren a maior parte das actividades. Segundo explica Orlando Álvarez, da plataforma SOS Courel, "o problema xeral que ten O Courel é o despoboamento".

Fonte do Milagro
Un dos colectivos máis activos na actualidade no Courel é a asociación Fonte do Milagro, que desde 1999 desenvolve unha serie de actividades e que conta con nada menos que con 207 socios entre eles, como non, un bo feixe de emigrados. "Ao estar na montaña, esta zona sempre queda algo esquecida a nivel cultural", explica Evaristo Méndez, presidente deste colectivo. "Nós tentamos revivir un pouco algunhas cousas do Courel". Neste sentido, a actividade da asociación céntrase en moi boa medida na recuperación de actividades tradicionais. "Desde hai anos facemos a Festa da Serra, onde tentamos recuperar o sistema tradicional de serrado", explica. Canda a esta, a Festa da Pisa (secado da castaña) que organizan en novembro na aldea de Froxán son as dúas grandes citas anuais. "O primeiros anos organizábamos o Magosto de Agosto, que tiña moito éxito. Conxelabamos castañas e faciámolo no verán". Foron os problemas técnicos de almacenaxe os que acabaron con esta orixinal iniciativa.

Alternativas culturais
Canda ás propostas máis ou menos tradicionais, desde o colectivo desempeñan diferentes actividades que teñen como eixe principal a paisaxe e a importancia ambiental da montaña. "Facemos limpeza de camiños, sinalización de rutas, certames e exposicións de fotografías e temos tamén o certame de pintura rápida ao aire libre". Esta proposta anima aos participantes a se achegar ao Concello para retratar, cunha certa celeridade, a súa paisaxe e xentes. Na última edición acadaron a visita de sesenta e un participantes. Outra orixinal proposta que desenvolveu a asociación foi unha ruta de sendeirismo nocturno.

Publicacións culturais
Un dos principais traballos de Fonte do Milagro é a publicación da revista "A Candea", que sae cunha periodicidade duns tres números ao ano (rolda a vintena) e que reúne un bo feixe de colaboracións sobre etnografía e cultura. "Mantense a base ilusión, hai xente moi involucrada no tema que lles gusta traballar e documentarse. E logo claro, hai algo de axuda dos anunciantes", explica con modestia Evaristo Méndez. Chama a atención precisamente que a inmensa maioría dos anuncios son empresas foráneas. A celebración deste Día das Letras dedicado a María Mariño, cos actos da Real Academia Galega situados no Courel está a incidir tamén nas actividades deste colectivo. Neste sentido, Fonte do Milagro prepara o día 19 de maio, e a coincidir coa Festa da Serra, un recital poético en colaboración cun colectivo do sur de Lugo. Ademais, presentarase un libro sobre a poeta homenaxeada e agardan ter preparado un DVD onde se recollen diferentes testemuñas sobre María Mariño.

Excursións e festas
Desde a Asociación A Coroa, Rosa María Potau explícanos como a súa principal actividade son as excursións. "Desde abril ata outubro organizamos estas viaxes. Temos que ter en conta as idades da xente á hora de programar destinos. O ano pasado por exemplo fomos a fátima, e case todos os veráns imos ao parque acuático de Cerceda". Este colectivo congrega a arredor de oitenta socios e, como non é de estrañar, concentra as súas actividades na época do verán, e adianta que tamén vai procurar mobilizar os seus socios con ocasión dos Día das Letras. Canda a isto, adoitan traballar na organización de eventos coma a Festa da Castaña cada outono.

Riqueza cultural
Para alén das actividades culturais de base, o Courel conta cunha grande riqueza etnográfica, paisaxística e mesmo arqueolóxica que se atopa polo xeral desaproveitada. Segundo nos lembra Orlando Álvarez, "temos un castro que ten como foxo o antigo curso do río Lor, que debe ser un caso único. Despois toda a xente para sobrevivir na zona xerou un patrimonio etnográfico único, como pombais ou sequeiros, ou os propios soutos. Temos as dúas únicas aldeas declaradas Ben de Interese Cultural, Froxán e Seceda. E aínda están as covas. De certo se aparecen en Galicia restos arqueolóxicos en covas ten que ser alí", enumera. E todo isto sen contar coa inmensa riqueza ecolóxica e paisaxística da zona. Neste sentido, a plataforma SOS Courel está a incidir no grande perigo que supoñen as actividades de extracción de lousa na zona, que ameazan con destruír boa parte do contorno.

Aproveitamento
A nivel de iniciativas culturais, Álvarez incide en como están desaproveitados moitos dos potenciais da zona. "A escola de María Mariño, por exemplo, está abandonada e chea de silveiras. A ferrería de Ferreira do Courel restaurouse, aínda non se abriu e xa está a caer de novo. A Estación Biolóxica que quería abrir a Universidade de Santiago, e para a que pagaron os terreos os veciños de Seoane, non se comezou. O albergue de Folgoso, que contou con fondos LEADER+ está aínda sen abrir. Hai un vertedoiro de lixo enriba dun castro e agora van facer a estrada a Quiroga que tamén vai destruír parte da serra", completa. En xeral, este activista destaca que a presenza das empresas pizarreiras dificulta o aproveitamento destes recursos turístico e culturais. Así está a cultura no Courel. A inevitable pregunta é ¿cal pode ser o seu futuro?