As posibilidades das novas tecnoloxías están a revolucionar o traballo dos grupos culturais de base

A rede C

A rede veu para se incorporar ás nosas vidas. Aos poucos, as posibilidades que achega Internet incorpóranse a máis e múltiples ámbitos e mudan, en maior ou menor medida, os sistemas e costumes tradicionais. O mundo cultural non é en absoluto alleo a ese fenómeno, e aos poucos, estamos a ver como os colectivos de base están a se enchoupar de rede e modifican o seu xeito de organización e as propostas que fan.

Non é unha panacea, está claro. Pero as novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación ameazan con mudar completamente o xeito en que se desenvolve o traballo dos diferentes colectivos culturais de base. Unha das achegas máis evidentes que fai á rede é a posibilidade de difundir as actividade das diferentes propostas culturais do país. As páxinas artesanais primeiro e despois os blogs e os webs xa profesionais outórganlle unha visibilidade inédita a iniciativas que ata hai pouco estaban condenadas a se dar a coñecer de xeito local mediante carteis e folletos. Ao mesmo tempo, o correo electrónico facilitou en grande medida o contacto cos medios de comunicación e, conseguintemente, a publicidade destas propostas.

Exemplos colectivos
Desde as Redes Escarlata, Elvira Riveiro apúntanos a importancia que tivo a rede para este colectivo. "Nos primeiros momentos non había un vencello tan forte con Internet, pero a Rede serviu para atraer xente que non coñecía o grupo fundador, e actúa como unha canle de difusión espectacular", asegura. Nese sentido, esta activista destaca a necesidade de manter unha actividade constante "se unha páxina queda estática é coma se estivese morta, hai que a renovar continuamente". Outro dos exemplos máis evidentes sobre o xeito en que a rede modelou un traballo cultural de base, e nos máis diversos sentidos, foi a Burla Negra, que logo de nacida en 2003 ao abeiro do desastre do Prestige, desenvolveu unha intensa actividade durante varios anos. Desde esta organización, Sechu Sende explica ata que punto a experiencia foi influenciada por Internet. "Foi absolutamente imprescindible desde o comezo. Nun momento en que era imprescindible a relación entre persoas facilitou ese contacto e permitiu falar e compartir historias", explica, achegando un exemplo concreto. "Eu vivino intensamente na organización da cadea humana, que supuxo dous meses de traballo para montar o desprazamento de arredor de 50.000 persoas nun mesmo día, e fíxose todo a través de Internet".

Fenda e posibilidades
Debemos pensar, de calquera xeito, que a difusión destas tecnoloxías non é en absoluto uniforme. Segundo explica Carlos Santiago, escritor e activo membro da Burla Negra e de Arredemo, "como no resto da sociedade, tamén no movemento cultural de base está moi presente a fenda dixital. Hai colectivos e proxectos cun contacto moi próximo coas novas tecnoloxías e outros que non se achegaron, pero é evidente que permiten practicamente unha revolución no xeito de actuar e de participar social e culturalmente". Concorda con el Elvira Riveiro, que lembra que "a rede é unha canle que chega a todo o mundo, dun xeito relativamente accesible, pero será cando chegue a todas partes cando teña máis poder". Como valores engadidos a estas tecnoloxías, Riveiro sinala que "a rede é tamén un espazo de liberdade cun valor impresionante. Os medios de comunicación están sempre dominados por grupos de poder, e en Internet podes amosar outros xeitos de pensar", mentres Sende sinala que "permite axilidade para adaptarse aos cambios sociais e amosa a evolución das sensibilidades políticas".

Novos produtos culturais
Ademais da publicidade e da comunicación, a capacidade de edición en liña que ten a rede deu forma en moitos casos a auténticas publicacións con deseños e contidos específicos ou permitiu novos xeitos para propostas convencionais. "Temos as Ediciós da Rotonda, o proxecto de cadáver exquisito que lanzou Igor Lugrís á rede, os blogs, a propia bitácora das Redes ou a súa páxina de opinión", explica. A estes pódenselle sumar outros exemplos coma Escoitar.org, Aduaneirossemfronteiras.org ou A Regueifa Plataforma. "Para nós é un xeito de facer cousas non diferentes ás que se facían, pero si facelas dun xeito diferente, darlles unha volta e que cheguen a todo o mundo", completa Riveiro. Pola súa banda, Carlos Santiago confía abertamente nas posibilidades que abre a tecnoloxía. "Mesmo no tipo de proxectos que podes abordar, dáse unha democratización dos medios de produción artística. Na literatura, no audiovisual ou mesmo no ámbito escénico abríronse campos inmensos. Desde o meu punto de vista, as institucións oficiais deberían promocionar o achegamento dos colectivos sociais ás novas tecnoloxías. Ese é un vieiro cultural revolucionario, un xeito de rescatar o movemento asociativo do seu adormecemento e da súa desestruturación", asevera.

Cristalización
No caso da Burla Negra, a cousa aínda foi alén dos produtos para a rede e deu no desenvolvemento da plataforma Arredemo, un proxecto integramente virtual. "Chegou un momento onde se viu que cumpría actualizar o movemento arredor do Prestige e abranguer outros ámbitos socioculturais, e Arredemo foi a resposta a iso. Esta plataforma posibilitou ademais que se desenvolvese `Hai que botalos´, que foi tamén unha acción social que se proxectou a través de Internet, a partir dun grupo concreto de persoas, e que foi recuperado despois pola propia sociedade para organizar as proxeccións", lembra Sechu Sende. Deste xeito vemos como rede actuou ata certo punto como medio que cristalizou e deu continuidade ao que era unha iniciativa de protesta máis ou menos puntual.

A nova militancia
Non cabe dúbida, neste sentido, de que a posibilidade dunha comunicación "en diferido" mediante correo electrónico e foros, axeitada ás dispoñibilidades temporais de cada membro, está a favorecer novas dinámicas de participación, que xa non están constrinxidas pola necesaria simultaneidade e urxencia das chamadas telefónicas e permite unha maior distribución espacial dos propios militantes. "A rede é un espazo de encontro para persoas que non se poden atopar na realidade, é unha especie de asemblea virtual", resume Riveiro. "No aspecto organizativo pode manterse unha comunidade social a través da rede. Dese xeito compártese un espazo común e logo vese esa participación de xeito público nos momentos de acción colectiva", reflexiona Santiago. Sende, pola súa banda, ten claro que Internet está a dar nun novo xeito de participación en movementos sociais. "Ata hai pouco, a idea da persoa que participaba en política ou do activista social era alguén que estaba na rúa. Nos últimos tempos, tamén hai cidadáns anónimos que poden participar na transformación social desde a súa casa mediante Internet. É máis sinxelo crear e compartir información, e sobre todo, ter o concepto de comunidade, onde se pode participar". Neste sentido as posibilidades superan a coordinación e comunicación, e chegan xa ás apostas de creación colectiva ou elaboración conxunta de materiais. O intercambio de vídeo, música, ou programas informáticos, revélanse vitais en proxectos coma os de Alg-a, Sinsal ou os diferentes grupos de usuarios de Linux que poboan a nosa xeografía.

Redistribución cultural
Afondando nestas ideas, vemos como a rede pode mesmo pode dar nunha vindeira mudanza na propia distribución xeográfica da cultura no país, unha cuestión na que coinciden todas as persoas consultadas. "Na Burla a idea era como dar o paso para tirar a cultura duns núcleos nos que había moita actividade, como Compostela. Co tempo demostrouse que había unha descentralización de xente que se comunicaba para participar nun proxecto común, e que as propias periferias tiñan esa necesidade de conseguir presenza na rede. Ao tempo a propia Internet está a orixinar a agrupación por intereses", lembra Sende. Tamén Elvira Riveiro apunta que ese é un dos obxectivos da organización á que pertence, xa que as Redes Escarlata queren "traballar á marxe das canles máis establecidas, descentralizar tamén a cultura e os movementos sociais, cómpre levar a acción e a cultura fóra do centro, cara a periferia".

A teoría dos electróns
Nesa reorganización espacial da actividade cultural incide, máis polo extenso, Carlos Santiago. Por unha banda, este activista destaca a aparición dunha "Galicia virtual" a partir das comunidades en rede, en certo xeito máis marcada ou organizada que a súa contrapartida real: "Mentres o país continúa desestruturado a nivel físico ou xeopolítico, o espazo virtual permite unha territorialización que antes non era posible. É evidente que a apropiación do espazo virtual galego é unha conquista, e iso ten un efecto estruturador brutal que é moi revolucionario dentro da propia cultura galega". Por outra banda, e dentro desta estruturación que Santiago xa ve, a rede provoca movementos de descentralización coma os xa comentados, o que el chama a "Teoría dos Electróns": "Consiste en que pasamos dun modelo cultural que eu chamaba nuclear ou protónico a un electrónico. Isto quere dicir que a cultura xa non está patrimonializada por un núcleo ou unha elite, senón que hai moita máis actividade nos electróns", explica. "Ademais eses electróns manteñen órbitas variadas. Hai tendencias centrípetas, que poden levar algúns a se incorporar ao núcleo, e outras centrífugas que os afastan, polo que poden escapar da órbita e buscar novos núcleos". Como resumo desta nova situación da cultura, para Santiago "descentralízase a propia acción cultural, con tendencias opostas, e fai posible acción na órbita e non só por parte dunha elite".

Arquivo
Outra posibilidade, a miúdo pouco considerada, que achegou a rede a estas propostas de base foi outorgarlles unha capacidade de arquivo nada desbotable. O carácter fundamentalmente textual que a ata o de agora tivo Internet e o baixo custe do almacenamento en liña permite en moitos casos dispor de rexistros, cada vez máis completos, das diferentes programacións, actividades ou manifestos que estas iniciativas manteñen ao longo do tempo. Do mesmo xeito as publicacións virtuais e mesmo gravacións sonoras ou de vídeo, poden consultarse fóra de datas cunha facilidade nunca vista antes. E aínda é posible revisar os propios procesos de toma de decisións, rascuños e todo tipo de propostas ao se empregar canles xa habituais coma os foros ou o correo electrónico, segundo apuntan desde a propia Burla Negra. "Como arquivo realmente permite conservar un anaco de memoria histórica. Grazas a infromática pódense recuperar cousas que durante aquel proceso se vivían de xeito moi instantáneo e sen case reflexión, pero aínda non está todo aí. Por exemplo, é aínda moi difícil atopar na rede imaxes da manifestación dos paraugas".

Coordinación
Logo de todo o dito, non debemos desbotar entón que Internet estea en boa medida detrás das diferentes coordinadoras que estamos a ver nacer nos últimos anos e que permiten superar o carácter local de moitos proxectos. Como exemplos, abonda con citar a de Radios Libres, a de Centros Sociais, a de salas de concertos, de Roteiros, a de Xogos Populares ou de Memoria Histórica. De certo non imos tardar moito en atopar aínda novas formas de organización cultural e aproveitamentos das novas tecnoloxías que polo momento non damos imaxinado.