Posuír elementos do patrimonio galego esíxelle aos donos un especial coidado á hora de tratar os seus bens

O patrimonio na casa

Por eses azares da vida, acaba de chegar ás nosas mans unha vella reliquia familiar da que non tiñamos noticia. Sexa unha obra de arte popular ou un antigo documento de propiedade, á hora de pensarmos en vendela, movela ou facer algo con ela, xorde unha pregunta inevitable (para os que teñen un mínimo de conciencia). ¿E non haberá que falar con Patrimonio para isto? De xeito inadvertido, no noso contorno máis próximo atópanse a miúdo elementos que debemos coidar e que teñen unha serie de requisitos de conservación.

O caso é do máis común. Acabamos de facer unha casa nova (ou de restaurar unha antiga, que sempre é de máis mérito) e pensamos que lle quedaría moi ben un hórreo ao carón. Mesmo poida que lle deamos utilidade ao piorno e gardemos dentro millo, patacas ou bicicletas. E temos aí ao carón un veciño voluntarioso que nos agasalla un e dinos que só temos que ir co tractor e levalo. E entón xorde a pregunta. ¿Non cómpre un permiso para isto? Segundo aseguran desde a Dirección Xeral de Patrimonio, cinguíndose á Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, todos os hórreos e tamén os cruceiros que teñan máis de cen anos "teñen a consideración de Ben de Interese Cultural" (BIC). Iso implica que, para o mercar ou que mude de mans, cómpre avisar á Consellaría de Cultura que, atención, poderá exercer o dereito de tenteo "para si ou para outras institucións sen ánimo de lucro". É dicir, que se o elemento é de interese, poden compralo, no prazo de dous meses, pola mesma suma na que se valorou a venda. No caso de non se lle comunicar axeitadamente, a Administración dispón de seis meses aínda para exercer o dereito de retracto, e facerse igualmente co hórreo.

Mover as pedras
Así que, nestes casos, mais nos vale comprobar, para evitarnos problemas, que a construción ten menos dun século, que non se trata dun exemplo único de arquitectura popular e que as pedras que o conforman non teñen petróglifos inscritos nin que a cruz procede dunha igrexa bizantina, por exemplo. Claro que, nestes casos, a venda é o máis sinxelo. Se unha vez que temos este conxunto nas nosas mans queremos levalo para o carón da nosa casa, a cousa complícase, de novo sempre que estamos a falar dun Ben de Interese Cultural. Segundo deixa moi claro a Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia, "un inmoble declarado Ben de Interese Cultural é inseparable do seu contorno". Segundo iso, "non se poderá proceder ao seu desprazamento agás que resulte imprescindible por cause de forza maior ou interese social". Será de novo a Consellaría a que determine se aplican eses supostos, e desta volta deberá contar con cadanseus informes favorables de dúas das institucións consultivas en materia de patrimonio (o Consello da Cultura ou as Reais Academias, por exemplo).

Modernizar o hórreo
Se queremos pórlle luceciñas, cataventos ou placas solares ao noso hórreo, tamén precisaremos o preceptivo informe, e a obra deberá ser tamén autorizada polo correspondente concello. E isto aínda que o conxunto non chegue a ser BIC e só acade á categoría de ben inventariado, que evita un bo número destes requisitos. Segundo explica a lei "Os bens inventariados... gozarán dunha protección baseada en evitar a súa desaparición e estarán baixo a responsabilidade dos concellos e da Consellaría de Cultura, que deberá autorizar calquera intervención que os afecte". Así que aínda é cousa de o pensar, se nos queremos meter a adornar o chalé cun típico hórreo.

Unhas madeiras vellas
Tamén nos pode pasar que, por exemplo, ao comprarmos un vello pazo en ruínas (¿quen non o fai algunha vez na vida?!) achemos na capela un antigo retablo que precisa de restauración.¿Que facemos desta volta? Segundo nos explican en Patrimonio, "un retablo, por regra xeral, é un obxecto de ornamentación colocado en igrexas de tal forma que revela a intención de unilos dun xeito permanente ao edificio". Deste xeito, de estar instalado no seu lugar, a protección deste elemento dependerá da que posúa a propia capela. Se é de Ben de Interese Cultural, como no caso do hórreo, xa podemos ir pedindo informes para calquera reparación que lle queiramos facer, e que sexa con coidadiño.

Aberto ao público
Para máis, se a nosa capela e retablo son BIC, deberemos contar cun horario no que estea aberta ao público, cun mínimo de catro días ao mes e de balde. Se, aínda non tendo esta categoría, a obra está catalogada (unha figura intermedia entre as inventariadas e os BIC), os propietarios deben facilitar o acceso á mesma de inspectores da Administración e aínda de investigadores que teñan realizado unha solicitude motivada. Un bo xeito de aproveitar o patrimonio para facer relacións sociais. Aínda no caso de ter só a categoría de ben inventariado, non se poden tratar estes bens coma se fosen cachopos de piñeiro, e cómpre sempre garantir a súa correcta conservación. Nese sentido, segundo explican desde Patrimonio "non existen liñas de axudas ou subvencións para a conservación e restauración dos retablos. Porén a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural leva a cabo intervencións de restauración ben de forma de directa, ben a través de convenios", e amosan a súa disposición a colaborar con quen estea interesado en desenvolver accións deste tipo.

Uns papeis vellos que había no fallado
Tamén é habitual que ao fedellarmos na carpeta onde se gardan os títulos de propiedade das leiras familiares apareza polo medio un antigo documento, quizais das épocas napoleónicas ou mesmo anterior, que acredita que un remoto antepasado mercou ou vendeu quen sabe cantos ferrados. E un pensa, ¿e isto non terá que estar nalgún museo ou algo polo estilo? Para comezar, en tendo máis de cen anos, todo papel forma parte do Patrimonio Documental de Galicia. E se o texto en cuestión é de carácter público ou conta coa intervención dun notario, con máis de corenta anos xa ten esa categoría. Dun xeito ou doutro, hai que "conservalos, coidalos e protexelos debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración", así que nada de empregar o pergameo para poñer a secar os vasos enriba, que iso lle fai mal. Iso si, non cómpre levalo ao museo nin telo no salón exposto ás visitas.

Evidentemente estes casos son só pequenos exemplos do complexo mundo do patrimonio protexido. Laxes con inscricións, petos de ánimas nas paredes, petróglifos ou mámoas no medio das leiras, imaxes que santos que levan xeracións na casa... toda unha serie de elementos máis ou menos achegados poden formar parte do patrimonio galego, e como tais, requiren os seus coidados. Por se acaso, o mellor ha ser preguntar sempre, non vaia caer unha multa.