Cultura achegará o teatro ao público cando se cumpren 125 anos da primeira representación en galego

Que non pare o teatro

O 13 de agosto de 1882 o Liceo Brigantino da Coruña programaba a representación de “A fonte do xuramento”. Non era unha representación costumista máis, foi a primeira obra de teatro en galego que puxo enriba dun escenario os costumes das Mariñas coruñesas. Unha efeméride que o IGAEM festexará ao longo do ano con diferentes actividades previstas para achegar o teatro ao público. Vexamos que deron de si estes 125 anos.

“ A fonte do xuramento” tivo tanto éxito, que a obra de teatro foi representada dúas semanas despois. De feito, nese mes de ano en outubro presentou outra posta en escena e a obra apareceu impresa. ¿Cal foi a clave do seu éxito? Pois que puña sobre as táboas un drama costumista que reflectía a sociedade das mariñas coruñesa. Inma López Silva, escritora e analista teatral, explica que “A obra tivo que ser representada porque o público a reclamou e se sentiu identificada con ela. Penso que o idioma non estaba lonxe desta identificación que o público traballador sentiu”. En todo caso, a obra marcou o camiño seguido por moitos outros e o inicio da dramaturxia galega.

Explorando os inicios
Malia que “A fonte do xuramento” está considerada a primeira obra representada de inicio do teatro galego, non foi a única. De feito, Inma López Silva destaca que “A Casamenteira” de Benito Fandiño é unha obra anterior, “o seu autor escribiuna en 1812 mentres estivo na cadea e coñecemos a data porque datou o manuscrito”. Segundo explica Laura Tato no seu libro “Historia do teatro galego” (A Nosa Terra, 1999) foi unha obra escrita por encargo dun amigo que impuxo o tema e o número de personaxes.

Non foron os únicos, López Silva destaca “a Euxenio Carré e a toda esta xente que está arredor deste primeiro teatro coruñés”. Canda eles estivo a xente da Real Academia Galega nos seus inicios que estivo moi preocupada polo desenvolvemento teatral. Sen embargo, se hai algún autor que Inma considere destacado ese é Lugrís Freire. “Porque foi importante para o teatro e hai que reivindicar a importancia do teatro emigrante e do teatro exiliado porque moitas veces non somos conscientes do que se tirou polo teatro de aquí”. É o caso de obras como “Esclavitude” de Lugrís Freire ou “Filla” de Galo Salinas, unha obra representativa nesa época. “Era un teatro moi ruralista, moi costumista” explica mentres aspostilla que “nesta época comezaban os grandes teatro da arte nas grandes cidades, e nós estabamos facer un teatro rural que aquí tiña o seu sentido. E moito este teatro o herdamos de autores que estiveron na emigración que alí tiña moito sentido, era o teatro da nostalxia”. Máis tarde, “nos anos quince ou no vinte hai un dúo que son como os Tonechos da época que eran o dúo Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida que tiveron unha popularidade enormes e gustaron moitísimo a xente”.

Un público para cada teatro
O teatro a fins do XIX era nas cidades, e sobre todo na Coruña. Non era de estrañar que “A fonte do Xuramento” se estrease na Coruña e que fose no Liceo Brigantino, niño do teatro amateur . Tendo en conta este sector para Inma López Silva hai 125 anos había dous tipos de público. “Dunha banda había un público burgués, castelán-falante, e que ía a un teatro en castelán. Logo había un público popular que asistía a espazos como o Jofre de Ferrol, ou ían aos coros de Declamación que eran o equivalente hoxe aos espazos do teatro afecionado”. Este tipo de público estaba vencellado ás parroquias, era máis popular e funcionou. Na súa opinión o nacemento do teatro en galego arrinca este tipo de público e por iso está tan tematicamente condicionado, en obras costumistas e ruralistas.

“125 anos despois, segue habendo ese público burgués que segue a ver a espectáculo da programación Caixanova, que só ve o teatro galego poruqe está programado dentro da súa temporada de abono”. Canda isto, Inma López Silva reivindica que hai que empezar a romper coa teoría do público militante. “Ese público, apunta, formou parte dunha época e dáme a sensación de que hoxe en día non é tanto así, é máis esixente e está a asumir o teatro como unha cuestión de lecer e non relacionado co idioma”.

Unha obra en actos
A traxectoria do teatro en galego pódese dividir en etapas. Malia que estudosas como Laura Tato fixeron unha división moi exhaustiva (que distingue ata sete etapas desde os séculos escuros), Inma López Silva distingue etapas moito máis amplas. Hai unha primeira que vai desde 1882 ata 1936 que é, para ela, non está nun documento concreto senón nun contexto. “A marcaxe do nacemento de teatro galego é máis simbólica se cadra que real, quizais o verdadeiro rexurdimento teña lugar cando hai, non só a vontade, senón a realidade. En 1913 créase a escola de declamación que demostra unha vontade total dun sector galeguista que pretende levar a adiante un proxecto teatral. Pero fracasa. Estes hai que telos en conta non só cando xorden senón tamén cando fracasan porque sirve para ver o pouco que duran. Porque creo que a verdadeira iniciativa real nace máis tarde, cos homes das Irmandades e cos de Nós que teñen un proxecto ben claro e que o seu Conservatorio Nacional de Arte Galega tamén fracasa, pero xorde unha infraestrutura de homes escribindo e eles animando unha actividade escénica que se ía dar na Guerra Civil que despois tería continuidade”.

No 1936 hai un parón que continúa no exilio onde reaparecen autores e figuras que crean e representan obras de teatro. Así ata 1973 cando A Asociación Cultural Abrente marca o rexurdimento do teatro galego. “Eu, que son partidaria de distinguir elementos simbólicos dos reais, explica Inma, considero que Abrente supón a recuperación real, pero desde 1965 arredor da figura de Manuel Lourenzo comezou a haber unha serie de fitos que determinaron a posterior aparición de Abrente”.

Desde entón hai unha etapa continúa na que Inma marca un punto de inflexión no ano 1984 cando se crea o Centro Dramático Galego. “Hai xente que o marca con anterioridade no 1980 co estatuto de autonomía, pero eu penso o CDG supón a implementación teatral do que di o Estatuto: cartos e institucións para a práctica teatral”.

O presente
“Creo que como puntos fortes hai unha moi boa creatividade. Temos creadores: directores, técnicos de escena que están a altura dos seus homólogos de calquera sitio. Creo que podemos quitarnos de enriba esa especie de autoódio que tamén existe no teatro que di “nosotros facémolo todo mal”. Creo que temos unha liteartura dramática que non está nada mal, aínda que algunha peneira ás veces non viría mal, e temos moi boas obras e creo que temos unha base moi boa coa creación da Escola de Arte Dramática de Vigo que dará unha canteira de estudosos do teatro. É a pata que nos faltaba da masa, creo que necesitamos reflexión sobre o propio teatro que se traducirá na propia creatividade”.
Sen embargo, esta analista considera que “hai que darlle un tirón de orellas á xestión do teatro, tanto desde o punto de vista da programación e das iniciativas públicas cara o teatro. Herdados unha situación bastante precaria que o cambio de goberno está tentando paliar pero de momento aínda non se deu”. Ademais, outro dos hándicaps pasa pola profesionalización do tecido teatral “creo que hai unha precariedade laboral impresionante e é onde debería incidir a Administración, non é tan necesario pular a creación como a situación laboral. Creo que hai certo intrusismo, creo que hai espectáculos postos moi profesionais que xorden á par doutros que realmente os hai, e que crean unha desorientación do público. Ademais tamén se podería resolver un pouco se a institución crítica fose outra. Hai moi poucos críticos e moi poucos espazos de coñecemento do teatro.

Por último, “o sistema editorial non é moi bo. Non é lóxico que só se publique teatro ás editoriais ás que lle paga a Administración a edición. Non é lóxico porque no mundo editorial hai unha falsa concepción de que o teatro non vende, mentres se está insuflando a edición doutros xéneros que teño as miñas dúbidas de que veñan. Hai unha serie de falsos preconceptos no mundo editorial que habería que cambiar e a falta de profesionalidade dalgunhas editoriais”.

Un camiño difícil no que se están a dar os primeiros pasos. NO 2006 presentáronse os primeiros resultados sobre o público teatral e a través do IGAEM, a Consellaría de Cultura acaba de anunciar a elaboración do Plan Galego de Artes Escénicas, no que se implicarán todos os organismos e institucións vencellado ao teatrao,a demais de creadores, produtores, distribuidores e receptores.