Casares, candidato á Gran Cruz de Afonso X e Alfredo Conde, novo "Honoris Causa"

Cruces, causas e cátedras

Distincións, posibles distincións e cátedras de estudio. Estas son as principais noticias do día de hoxe. E cada unha destas distincións e nominacións teñen un nome propio. Empezamos por Alfredo Conde, que acaba de obter un novo "Honoris Causa". Un mérito que lle chega desde a universidade de La Trobe en Melbourne. E máis cerca, o presidente da Xunta de Galicia e o ministro voceiro do Goberno, Pío Cabanillas, acaban de remitir sendas cartas á Pilar del Castillo, para que Carlos Casares ingrese, a título póstumo, na Orde Civil de Afonso X "O sabio", en grado de Gran Cruz. E máis preto aínda, o Concello de Santiago e a Universidade Compostelana acaban de crear unha cátedra para promover a figura de Valle Inclán.

Conde e Australia


A relación entre Alfredo Conde a Australia é unha amizade ben cultivada e de admiración mutua. E o último exemplo desa relación é o "Honoris causa" que a Universidade de La Trobe de Melbourne lle acaba de conceder ó escritor galego. Non é o primeiro (nin desde Australia, nin desde esta universidade) porque, precisamente, desta Universidade xermolou a candidatura de Conde para o Nóbel. Unha candidatura que respaldaron universidades de Nova Zelanda, Xapón, Rusia, Canadá, USA, Italia, Francia e Arxentina.
Polo pronto, Alfredo Conde viaxará á cidade australiana en agosto para recoller a súa distinción. Un evento que terá lugar dentro dunh econtro de escritores que organizada o campus australiano.












Casares e "O Sabio"


Carlos Casares segue a recibir premios e condecoracións a título póstumo. A última é unha petición que o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, e o ministro voceiro do goberno, Pío Cabanillas lle remitiron á titular de Cultura. Dous apoios que pretenden conseguir que o escritor e presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, ingrese na Orde Civil de Afonso X "O Sabio" en grado de Gran Cruz. E ambos os dous xustifican a súa decisión en que "adicou a maior parte da sua vida á literatura e á cultura galega, sen do á súa vez, un referente da mesma e un exemplo de moderación" , en palabras de Manuel Fraga. E non só iso, senón porque este recoñecemento, continúao presidente da Xunta, "unha homenaxe a el e á cultura galega".
De conseguir este mérito, a título póstumo, a Gran Cruz seríalle entregada á súa familia.




Valle de Cátedra

Non é un mérito, senón unha necesidade e o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago colaboran xuntos na creación da Cátedra Valle Inclán. Una cátedra de extensión cultural, que nace co obxectivo de difundir, promover a figura e a obra do xenial literato galego a todos os niveis. E iso implica por unha banda atender a eruditos, promovendo encontros, e achegarse tamén ó público xeral, con actos de carácter menos especializado e máis divulgativo.
Na presentación desta Cátedra, o Concello de Santiago, xustificaba o seu interese na promoción da figura de Valle-Inclán pola relación do literato con Compostela,xa que foi aquí onde cursou os seus estudios universitarios e onde redactou algunhas das súas grandes creacións literarias.