Slavoj Zizek argumenta en Compostela contra o “multiculturalismo liberal”

Unha antropoloxía do noso veciño

O torrencial Slavoj Zizek recuperou a historia negra de Europa para diagnosticar as estreitas relacións de veciñanza que crea o novo contexto internacional. Nun mundo cada vez máis cheo de fluxos migratorios, no conflito entre unha globalización intensa e multitude de conflitos locais, Zizek defendeu no Consello da Cultura Galega non “unha alianza de civilización, senón unha alianza de loitas”. Recollemos algunhas das ideas da brillante conferencia do filósofo.

Slavoj Zizek é o filósofo de moda nestes primeiros de século. Requirido en cátedras e salóns de todo o mundo, este esloveno ofrece un cóctel intenso de filosofía, psicanálise, cultura popular, cinema e investigación sobre os traballos do psiquiatra francés Lacan, xunto cunha participación deshinbida en películas e documentais. No ateigado Salón de Actos do Consello da Cultura Galega ofreceu o venres a súa reflexión sobre o que el definiu como a “culturización da política”, o enfoque actual con que se abordan os problemas da diferencia social en Occidente trala caída do Muro de Berlín e a Unión Soviética.

“¿Por qué hai hoxendía tantos conflictos percibidos como problemas de intolerancia, non como problemas de desigualdade, explotación ou inxustiza? ¿Por qué o remedio proposto é a tolerancia, non a emancipación, a loita política, mesmo a loita armada?”, argumentou Slavoj Zizek. Para o esloveno, a clave está en que é un produto do que chamou “multiculturalismo liberal”: “as diferenzas políticas, condicionadas pola desigualdade política ou económica, son neutralizadas dentro das diferenzas `culturais´, algo que non pode ser superado senón meramente `tolerado?´”.

Este proceso é un fenómeno dos últimos anos, afirma Zizek: “Luther King nunca falou de tolerancia, senón de igualdade e xustiza económica. Non se lle ocorre esixir que se toleren aos negros. Iso ocorre tamén no caso do feminismo: sería aberrante que as mulleres pediran ser toleradas”.


¿Quen é o veciño?
Para Zizek, a clave está na comprensión do outro, do veciño: “este concepto forma parte da tradición xudeucristiá”. Sen embargo, non é doado entender ao veciño: “non podes tentalo comprender na súa totalidade. Iso é unha mentira. A verdade é que se queres saber quen es realmente, tes que illar cada risco, cada trazo particular. A verdade non é o conxunto”.

Segundo o filósofo: “en cada persoa podes atopar algún trazo que o tornará humano, pero ese non é o mecanismo de valoración. A primeira lección da ética freudiana é que non hai unha correlación inmediata e directa entre a túa verdade interna ou íntima e o bo ou malo dos teus actos”. Para o filósofo unha compresión extensa do suxeito non tende a exculpalo, nin a boa fe dos actos puntuais tende a redimilo. “Milosevic era atentísimo coa súa muller, Hitler tamén tivo os seus comportamentos humanitarios, o Pere Joseph, asistente de Richeliu, escribía profundas cartas de meditación espiritual”. A ollada, polo tanto, debe ser desde outro ángulo.

A clave, en Zizek, está en entender que o mecanismo que vincula a diferentes culturas, civilizacións e países son as súas loitas internas. Máis que aspirar a comprender e integrar, desde o punto de vista occidental, ás outras culturas, débese ir cara unha “unha coalición de loitas. Todas as civilizacións teñen a súa propia loita”, en clara contraposición á idea de Alianza de Civilizacións propugnada polo Presidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. “A miña universalidade”, afirma Zizek, “non é falar do multiculturalismo, senón incidir na universalidade do concepto de loita. É a única universalidade real que compartimos”.

O fundamentalismo, para Zizek, nace da absoluta predeterminación do individuo pola cultura na que se atopa: “Hai dous tipos de persoas: os que están predeterminados pola súa cultura e os que están por riba e poden escoller a que prefieron. Cando hoxe falamos do fundamentalismo ou da barbarie fundamentalista, falamos de que os bárbaros actuais son os que están predeterminados pola súa cultura”.

Pesimismo pesimista
Zizek recoñeceu non poder dar respostas definitivas nin solucións. “Pode que sexa mago”, ironizou o pensador, “pero non teño sombreiro nin coello que sacar del. Fico sendo un marxista no sentido de que o capitalismo global, hoxe por hoxe, aínda ten unhas tensións antagónicas no seu interior e a día de hoxe non foi capaz de resolvelas”. Neste sentido, referiuse á situación a política internacional: “os presidentes de esquerdas atopan un límite ao cabo de dous anos. Nese tempo teñen que aceptar o capitalismo ou non, como foi o caso de Lula no Brasil”.

O Salón de Actos do CCG quedouse pequeno para escoitar ao turbulento filósofo, de discurso hipertextual, sinxelo, cotián e irónico e humorístico. No coloquio posterior, despois dunha extensa reflexión motivada por unha interpelación do público, Zizek explicou: “¿comprenden agora por que me chaman o Fidel Castro da filosofía?”.