As busca de financiamento e de promoción son as principais debilidades das compañías de teatro

Os duros inicios

Habitualmente estamos afeitos a analizar as compañías teatrais polas súas propostas e pola calidade dos espectáculos. Pero…¿que pasa coa súa situación empresarial? En Galicia existen 83 compañías teatrais profesionais, e desde o ano 2001 produciuse un crecemento continuado do número de compañías. ¿Por que aumenta o número malia precariedade laboral que habitualmente denuncian?

A Guía de Actividades Empresariais relativas ás Artes Escénicas en Galicia é concluínte: “Os principais clientes das empresas de Artes Escénicas son as Administracións Públicas, posto que son as entidades que máis orzamento destinan á realización de actividades culturais”. Isto evidencia que o principal cliente do teatro do país son os poderes públicos e, ao tempo, son os mesmos axentes que conceden axudas para a realización dos espectáculos.

Radiografía da situación
En Galicia hai 83 compañías profesionais que se concentran nas provincias de A Coruña (66%) e Pontevedra (24%). Ademais, revélase un como un sector moi dinámico que nos últimos cinco anos continuou mantendo un ritmo elevado de creación en empresas (dentro do epígrafe 923 do CNA relativo a “outras actividades artísticas e de espectáculos”). Non obstante, os datos deste informe compleméntanse coas continuadas críticas da precaria situación dos integrantes do sector que apuntan que a súa supervivencia se reduce ás subvencións. Non esquezamos que son profesionais e, polo tanto, empresas coa súa correspondente figura xurídica, que pagan os seus impostos e que pretenden vivir deste negocio.

A guía de actividade empresarial asegura que “segundo a información recollida nas entrevistas relativas a empresas do sector e no directorio empresarial Ardan, a facturación das compañías de teatro en Galicia oscila entre os 50.000 euros e os 300.000 euros anuais”. Hai que ter en conta que a facturación dependerá de factores como a dimensión, do número de traballadores que teña ou os tipos de actuación e que as cifras que achega esta guía son relativas a 2004. O 60% das empresas de Galicia facturan ata 100.000 euros anuais, o 30% de 100.000 a 200.000 euros e só o 10% máis de 200.000 euros.

Aínda así...
Nut Teatro é unha compañía creada o 22 de maio de 2006 e unha das últimas en incorporarse ao panorama teatral. César Abella e Carlos Neira son os promotores desta compañía. Xa coñecían o sector cultural, pola banda de César porque ten unha empresa de xestión cultural (“Trivium, estratexias en cultura e turismo”) e pola banda de Carlos Neira porque é o director de “Espazo Aberto” (centro de formación vencellado ao teatro e á danza) pero non tiñan unha experiencia específica neste tipo de empresa do ámbito teatral.

“A fórmula, explica César, era crear, producir, distribuír espectáculos teatrais. No IAE xa había un epígrafe concreto que ocupaba o noso obxectivo. Fixemos unha Sociedade Limitada que era a forma xurídica que máis nos conviña e iniciamos os trámites como calquera outra empresa”. De feito a fórmula escollida por “Nut Teatro” é a máis empregada no tecido empresarial. De feito, o 80% das empresas optaron por esta condición xurídica, o 8% pola de persoa física e o resto por outras. A guía de recursos editada polo IGAEM explica que “a condición de Sociedade Limitada como forma de constitución presenta a vantaxe de que os socios só responden das débedas da empresa ata o límite do achegamento que realizaran á mesma”.

Tendo en conta que as perspectivas laborais non son moi esperanzadoras resulta curioso ver que se seguen a crear empresas no sector. Carlos Abella explica que a súa non foi unha arroutada, non descoñecían o sector e pensaron que tiñan algo diferente que ofrecer. “Eu tiña certa curiosidade polo sector e antes de formar a empresa dediqueime a ver teatro. Coñecía o mercado, as grandes compañías que había en Galicia e pensaba que o teatro que fai Carlos é un pouco diferente. Entón nós pensabamos que había un nicho de mercado que estaba por ocupar, e o que tratamos de facer con estas propostas é comezar a traballar nel”. Agora ben, recoñece que “sabiamos que ía ser complicado. Nós acabamos de chegar, temos que coñecer o mercado, aínda nos queda moito traballo por facer pero ás veces é complicado”.

Fortalezas e debilidades
“A principal ameza para as empresas do sector é a escaseza de empresas produtoras e distribuidoras de espectáculos, que se encarguen de buscar financiamento e de promover este tipo de espectáculos”. E a experiencia de case un ano de César Abella confirma esta análise DAFO do sector empresarial teatral. “O principal problema que tivemos, asegura César, é distribuír o espectáculo, facelo chegar ao público. Tiñamos os cartos para facer a produción porque conseguiramos unha subvención do IGAEM pero non tiñamos bolos. Competiamos con outras empresas que coñecían as canles de distribución”. Remontaron esa desvantaxe acudindo persoalmente a moitos dos concellos que fan parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios “presentando un dosier, comentando o traballo que estabamos a facer. Fomos á maioría dos concellos para explicar personalmente a nosa proposta. E funcionou”.

As súas miras de cara o futuro pasan por combater a debilidade da distribución, buscando contactos e conseguindo formas para poder chegar ao público e aos programadores. “Os obxectivos inmediatos é seguir na RGTA tanto no primeira e no segundo semestre. Saír fóra: Madrid, País Vasco, Cataluña e Portugal”. De momento, acaban de ser seleccionados pola Sala Triángulo de Madrid para participar en “Simulacro 07 ”, o segundo Concurso de Novas Tendencias Teatrais, que supón a primeira visita á capital do Estado.