Edítase a "Crónica de Iria" último texto literario medieval escrito en galego

Vellas historias, libros novos

A colaboración entre o Seminario de Estudos Galegos e o Cabido da Catedral de Santiago vén de permitir a primeira edición paleográfica e crítica da "Crónica de Iria", último texto literario escrito en galego durante a Idade Media. Estes días coñecemos tamén a publicación de "Romanceiro en lingua galega", un estudio antropolóxico e lingüístico que analiza as características e a simboloxía deste xénero da lírica popular.

Crónica de Iria"



Catro anos de traballo levoulle a José Antonio Souto Cabo preparar a edición da "Crónica de Santa María de Iria". Este documento, escrito na Catedral de Santiago entre 1467 e 1468 polo crego Rui Vázquez pretende "fundamentar en autoridade os dereitos e propiedades da Igrexa de Santiago", especialmente no referido á recadación de impostos, e recolle testemuños sobre o alzamento irmandiño.
Segundo Souto este texto "é o último exemplo do galego espontáneo naquela altura, o que se fixo despois foi máis artificioso" e está recollido unicamente en documentos notariais. Esta edición, patrocinada polo Cabido da Catedral e o Seminario de Estudos Galegos foi editada por Ediciós do Castro e inclúe nas súas trescentas páxinas un estudio lingüístico, un glosario e bibliografía, ademais de reproducir fotograficamente parte do manuscrito. Antes desta edición, a máis exhaustiva das realizadas só existía unha realizada en 1888 por López Ferreira e outra de Jesús Carro García de 1950.
O libro é o segundo título da Colección Histórico-Documental da Igrexa Compostelana, aberta en 1998 co "Tumbo A" da Catedral de Santiago. Está a piques de entrar en imprenta o que será o terceiro número, o "Tumbo B". A máis longo prazo está prevista a edición conxunta do "Tumbo III de Tenencias" e do "Libro da Tenza do Hórreo", sobre os que tamén está a traballar José Antonio Souto.












Romanceiro galego


O antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro e o crítico literario Carlos L. Bernárdez veñen de publicar na colección Xerais Universitaria o "Romanceiro en lingua galega", que recolle e analiza a fondo unha boa parte das pezas deste xénero conservadas ata os nosos días.
Este xénero, orixinario da fin da Idade Media e que se veu trasmitindo oralmente ata o século XX é un dos menos investigados da tradición galega. Este descoñecemento débese en grande medida á ausencia dunhas compilacións escritas deste xénero que en España ou Portugal se realizaron nos séculos XVII e XVIII. Ademais, segundo sinalan os autores, "as mellores coleccións de romances -as de Casto Sampedro e Víctor Said Armesto- quedaron inéditas ata hai pouco".
Esta recompilación é particular en canto recolle textos en galego, aínda que a maior parte do corpus romancístico do noso país está en castelán ou fortemente influenciado por este idioma. Este traballo resalta e as composicións en lingua galega, a pesar de ser minoritarias, son moitas máis das que se pensaba ata o de agora.
Esta obra indaga ademais nos elementos simbólicos destas composicións. Segundo afirman os autores, os romances "non son resultado dun programa previo moralizante, senón que simplemente describen historias". Sen embargo, a dimensión simbólica destas composicións "moldea os comportamentos, hábitos e valores" da sociedade.