O Bierzo e Pontevedra inician as actividades en homenaxe a Sarmiento

Arrinca Sarmiento

O Bierzo inicia o día nove, aniversario do nacemento de Sarmiento, as actividades en lembranza do homenaxado no Día das Letras. Nesta xornada celebrarase o I Encontro Martín Sarminento da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo. Ese mesmo día en Pontevedra inaugurarase unha placa en homenaxe ó ilustrado e pouco despois porase en marcha unha exposición homenaxe.

O Bierzo



O nove de marzo celebrarase no Bierzo o I Encontro Martín Sarmiento da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo. Será a partir das once e media da mañá no Teatro de Vilafranca, comezando coa proxección dun diaporama titulado "Un ilustrado galego de Vilafranca, vida de Frei Martín Sarmiento", elaborado por Héctor M. Silveiro. A continuación o historiador Miguel García falará sobre a vierzo na época de Sarmiento, e a continuación Francisco Carballo falraá sobre a faceta de ilustrado do relixioso. Para a tarde quedan as intervencións de Manuel Tuñón, director do Atlas Lingüístico do Bierzo e Francisco Fernández Rei, que analizarán a lingua do homenaxeado.
Ese mesmo día a Comisión Sarmiento 2002 celebrará unha xuntanza para ampliar a súa composición a novas entidades da comarca alleas a Vilafranca.
Ademais, vimos de coñecer que o 18 de maio iniciarase no solar da casa natal de Sarmiento a construcción dun centro cultural en memoria do ilustrado. Este centro realizarase en virtude dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.











Pontevedra



O día nove tamén será o inicio das actividades de homenaxe a Sarmiento en Pontevedra. Este sábado descubrirase unha placa de homenaxe na casa da rúa da Palma onde viviu o relixioso. Neste acto intervirán Pilar Allegue Aguete, profesora da Universidade de Vigo, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade. O acto rematará cun conceto da Banda Municipal de Música nos soportais da Casa da Luz.
Para o día 12 está previsto que se abra no Pazo de Mugartegui unha mostra sobre Sarmiento coordinada polo historiador Francisco Carballo. Poderá visitarse ata o doce de maio, estando previsto que despois se traslade a outros concellos galegos que amosaron interese por ela.