A Mesa inicia unha campaña para unir esforzos a prol da lingua en todo o país

Turrar cara a normalidade

"Necesitamos un novo pulo normalizador" é o lema co que a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) está a convocar un Encontro Nacional sobre a Língua que se celebrará en Compostela o vindeiro vintecinco de maio. A intención deste colectivo é unificar os esforzos que se están a realizar a prol do idioma, definir a situación real do idioma e promover novas estratexias de actuación no campo da normalización lingüística. Para isto, a Mesa vén de remitir a máis catrocentas cincuenta asociacións, colectivos e entidades de todo o país un texto marco de análise e de propostas sobre o que traballar de cara á xuntanza de maio.

A análise da situación



A MNL denuncia, no documento remitido a asociacións e entidades de todo o país, un empreoramento na situación do idioma desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Así, sinalan unha grande ruptura na transmisión interxeracional, un descenso no emprego do idioma e nas cidades, a ausencia case total do galego na prensa, nas empresas e nos concellos e o incumprimento da lexislación en materia lingüística.
Con respecto ó traballo das institucións, a Mesa denuncia a inexistencia dun Plano Xeral de Normalización e a "marxinación ou represión de calquer iniciativa realmente impulsora dos usos do galego". Ademais cre que o obxectivo oficial de acadar o "equilibro coa outra língua oficial" levou na realidade a unha "oficialidade subalterna" do idioma na que o seu emprego é "postizo e ritual".
Segundo esta asociación, "non estamos inmersos nun proceso de normalización digno de tal nome" xa que non hai "obxectivos xerais e concretos no curto, meio e longo prazo". Ademais, "non están avaliados os meios e as medidas" para desenvolver campañas, non se avalían os resultados e "non se deseñan políticas concretas para sectores de importancia estratéxica".











Na busca dun novo pulo



Desde a Mesa sinálase a necesidade dun novo pulo normalizador non país, "conseguir avanzos cualitativos no uso social do galego que sirvan de arrastre no necesário incremento cuantitativo de usos". Para acadar isto proponse retorma a presencia social dos colectivos normalizadores, realizar unha planificación colectiva e eseñar novas campañas e accións reivindicativas concretas.
Unha das propostas que realiza o texto é a de crear un listado de entidades, negocios e profesionais comprometidos coa lingua que sirva coma orientación de cara ó consumo e na busca de apoios a accións concretas. Tamén se insiste na necesidade de que as accións a prol da lingua se realicen cun carácter moito máis lúdico e aberto, buscando unha "proxección positiva sobre a sociedade". Finalmente, a mesa reclama a recuperación de campañas coma a de galeguización de nomes e apelidos, recuperación toponímica ou boicotes a empresas e institucións hostís ó galego.
Rematando o texto, a MNL deixa abertas cuestións estratéxicas a debatir coas asociacións e colectivos. Así, expón cuestións sobre se realizar moitas campañas de baixo custo ou facer menos actividades pero máis ambiciosas, centrarse en ámbitos descoidados ou insistir nos que xa houbo algún avanzo e mesmo pregunta como aproveitar a relación con Portugal para avanzar na tarefa normalizadora.




O Encontro

Para o vintecinco de maio está prevista a realización do Encontro Nacional Sobre Língua baixo o lema "Necesitamos un novo pulo normalizador". Neste encontro, ó que están convidados todos os colectivos preocupados pola lingua no país realizarase unha análise da situación do idioma, realiarase un debate entre todos os asistentes e decidiranse as estratexias cívicas para a normalización.
Antes disto, todas as asociacións e colectivos que recibiron o borrador da "ponéncia-marco" teñen ata o vinte de abril para facer chegar á MNL todas a suxestións, propostas e enmendas que queiran facer.