A figura do Oso fai do Entroido de Salcedo unha festa única no noso país

Marmotas, osos e antropólogos no Entroido

Un Entroido é moito máis do que unha celebración festiva. En Salcedo, por exemplo, encontramos ritos con ramificacións que alcanzan ata Alemaña e manteñen grandes paralelismos co coñecido "Día da Marmota" de Estados Unidos. Complexas simboloxías sobre a chegada da primavera, a morte e a parte animal do ser humano mestúranse nun evento que para os veciños é, fundamentalmente, unha festa.

Cada dous de febreiro (Día da Candeloria na nosa tradición) celébrase, na localidade estadounidense de Punxsutawney (Pennsilvania) o Día da Marmota. Nesta celebración, un destes animais anuncia se a primavera vai tardar ou se o bo tempo é xa inminente, segundo olle ou non a súa sombra no chan. Por curioso que pareza, en Galicia temos tamén un caso semellante. Só que desta volta a marmota é un oso, e o ritual encóntrase totalmente inserido nas celebracións de Entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón. Nunha primeira ollada, esta festa ten un lote de elementos comúns coas tradicións doutras partes do noso país, como os xoves de Comadres e Compadres ou a sátira aos feitos de cada ano. No entanto, a todas estas cousas súmase unha celebración que non se conserva na actualidade en mais lugares do país, a Saída do Oso.

Unha festa viva
É este un peculiar disfrace no que un dos veciños, con peles de animal, simula ser un destes plantígrados e percorre a aldea, acompañado de "coidadores", asustando e facéndolles falcatruadas aos viandantes. A tradición mantívose en Salcedo sen apenas interrupcións, o que é un orgullo para os seus habitantes. "Só se deixou de representar durante a Guerra Civil, probablemente por falta de mozos. O resto do tempo, mesmo na ditadura, continuou", explica Felipe Castro desde a Asociación de Veciños. O evento congrega cada ano a totalidade dos veciños da aldea, que participan nos diferentes papeis tradicionais e mesmo desempeñan varios o mesmo ano. "Temos pouco capital humano, e ás veces o que fai de oso participa tamén como danzante", sinala Castro a lembrar outro dos personaxes do Entroido Local. "Practicamente participa todo o mundo, é un festexo para todas as idades, e mesmo vén xente que vive fóra". En total, unhas duascentas persoas poden involucrarse directamente na festa, que cada ano congrega unha masa cada vez maior de visitantes foráneos. E non é para menos. "Aos poboadores de Salcedo o suponlles un orgullo ter unha personaxe coma esa, tela conservado tanto", completa Castro.

Osos do mundo
Segundo nos lembraba xa o pasado ano o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, "a tradición do oso estaba estendida por boa parte de Europa", ao igual que outras das nosas celebracións do Entroido. "Este animal representa, polo xeral, a natureza salvaxe", lembra este investigador, e completa a explicación dándonos a pista de por qué o Oso de Salceda é un equivalente da marmota americana. "Existía en moitos lugares a crenza de que polo Entroido o oso saía do seu tobo, e se atopaba a lúa chea metíase de novo, se a vía nova, xa quedaba fóra". Como podemos ver, falamos de dúas variantes da mesma tradición, e non son as únicas, xa que desde Euskadi ata a Alemaña, pasando por Suíza, Italia e os Pireneos un lote de plantígrados simulados eríxense en protagonistas do Entroido como uns símbolos complexos e en ocasións contraditorios.
Osos do outro mundo
Se ollamos artigos sisudos sobre este elemento encontramos complexas simboloxías que asocian este animal coa Lúa, pola súa aparición e desaparición esporádica, ou que fan del un tótem protector das aldeas, ao tempo que un ser temido e relacionado co alén. É de observar como é común, en moitos dos lugares que teñen un oso nas súas tradicións de Entroido, que este animal desfile acompañado por uns "coidadores". Estes personaxes supoñen por unha banda unha posible humanización do animal, ao tempo que son os responsables de lanzalo contra os veciños que encontran o seu camiño. No caso de Salcedo, encárganse de lle levar ao monstro incautos que este emporcalla.

Unha festa máis
Claro que, á par de todas estas significacións esotéricas, o evento é unha festa que os veciños viven cunha total normalidade, sen pararse moito a pensar qué significa o oso, os coidadores, as datas ou o lugar por onde sae o sol. "A verdade é que na aldea non se ten discutido moito ao respecto", sinala Castro. "Á xente o que lles preocupa sobre todo é seguir conservando a personaxe. Si hai certa curiosidade e desenvólvense algunhas discusións sobre se o que din os especialistas é certo". De calquera xeito, que se lle dea algunha volta non supón que os protagonistas do rito chegasen a conclusións. "Todas as teorías nos resultan curiosas, pero non se pode un inclinar cara a unha ou outra porque non hai datos históricos, e para falar das orixes sempre se especula".

Interpretacións locais
Desde a asociación de veciños, e coñecendo boa parte das ideas académicas que inspira o oso, Felipe Castro achega a súa propia visión sobre estes complexo rito. "Penso que independentemente doutros factores, algo terá que ver o feito de que Salcedo estivese nunha zona oseira. E logo podería estar relacionado tamén con que viñesen determinadas representacións de ciganos que incluísen a figura do oso no espectáculo", completa, sen desbotar todas as posibles significacións relixiosas ou sobrenaturais que poida ter o evento. "Podería simbolizar o medo que os habitantes da zona tiñan aos osos que baixaban ás alvarizas próximas para se alimentar", sinalan tamén desde a asociación. Alén das propostas dos especialistas e das análises intelectuais, na aldea a figura do oso continúa a ser sinónimo de medo. "Para os maiores que o viviron dun xeito máis intenso, cando era a actividade máis particular da aldea e non se abría tanto a xente de fóra, o oso era unha figura que significaba medo. Ao coñecela desde pequenos, conservan aínda hoxe un certo pánico á personaxe", lembra este veciño.

Auxe do Entroido
Os habitantes de Salcedo descubriron con sorpresa nos últimos anos a dimensión internacional que ten a figura do oso. "Soubémolo a partir dunha visita a unha escola de Pantín, en Ferrol, que estaba a desenvolver un programa sobre o Entroido a nivel europeo", explica Castro. "Alí estaba tamén un matrimonio francés que estaba a traballar sobre o tema, e contáronnos o que sabían sobre diferentes osos de Europa". Desde aquela foron xa varias as visitas que membros da asociación veciñal fixeron a festas homólogas no estranxeiro, e este mesmo ano un investigador francés e un xaponés estarán presentes na festa. De xeito paralelo ao recoñecemento internacional, o Entroido de Salcedo está a vivir nos últimos anos un certo auxe. "A asistencia de público vai en aumento, tamén grazas ao apoio dos medios de comunicación, que cada vez é maior", explica Felipe Castro. Precisamente, o traballo da asociación de veciños desde comezos dos anos noventa para revitalizar esta celebración ten boa parte de responsabilidade na actual difusión da festa.

Máis ca un oso
Por se fose pouca peculiaridade a do oso, o entroido de Salcedo conta tamén con outros riscos peculiares. Aos xa mentados xoves de Compadres de Comadres, que anticipan a festa grande, súmase memoria dun extinto Domingo Corredoiro en todo semellante aos que aínda se manteñen en boa parte da nosa xeografía. Canda a isto, en Salcedo manteñen, co nome de disfraces de campo, actuacións nas que se parodian diferentes acontecementos da vida social do ano. "Son pequenas representacións mímicas que parodian as vivencias da aldea", explican desde a Asociación de Veciños. A isto sumouse, xa desde mediados dos anos cincuenta, a curiosa tradición de facer cada ano unha representación teatral con todas as da lei. "Son obras normalmente de autores locais e con xente da aldea", completan. A cita congrega nos últimos anos máis de 800 persoas nas dúas sesións que se ofertan. Para máis, en Salcedo desenvólvese tamén, con ocasión do Entroido, unha danza de Madamas e Galáns semellante a outras que hai no país.

Resumindo, encontrámonos ante un dos máis completos Entroidos do país, tanto en significados profundos como en variedade de propostas para pasalo ben. Se as interpretacións dos estudosos non nos convencen, será cousa de se achegar a Salcedo e, véndoo cos nosos propios ollo, elaborarmos a teoría que nos pareza máis axeitada.