Olaia Sendón únese ao movemento de video-denuncia co seu documental “A casa de Lola”

Críticas en frames

Dicía Godard que o travelling é unha cuestión moral. No fondo, semellante aseveración evidencia o punto de vista que un director adopta en relación coa historia a coas personaxes que presenta. Isto é o que acontece con todo un movemento social que se está a desenvolver no país e que ten o documental como xénero de expresión. Os profesores do instituto Terra do Xallas e Olaia Sendón con “A casa de Lola” son os últimos en incorporarse á listaxe de "denuncias" aproveitando a linguaxe audiovisual.

“Non só as persoas morren. Tamén morren as aldeas, as casas, os sentires, e en ocasións morren os sitios. A Costa da Morte é, hoxe por hoxe, máis morte que nunca. Morren os peixes, morren os barcos, e morre o entorno salvaxe mítico no que viviu a xente que tamén está a morrer». Así comeza o guión escrito por Olaia Sendón Ogando, documentalista e profesora na escola de Imaxe e Son da Coruña e filla de Manuel Sendón un dos creadores e estudos mais coñecido da fotografía galega contemporánea.

Un traballo no que Olaia parte dunha vivencia persoal (está moi arraigada coa Corta da Morte malia nacer en Vigo e vivir na Coruña) para dar a coñecer en 34 minutos o que cambiou o barrio do Sardiñeiros por culpa da presión inmobiliaria. É o primeiro paso dun proxecto máis amplo que se denominará “A Costa Defunta” no que pretende dar a coñecer a través de experiencias audiovisuais, gráficas e escritas sobre os cambios que se producen na Costa da Morte.

Vídeo denuncia
Desde a propia orixe do cinema como forma de comunicación, foron os moitos que se empregaron as súas características para dar a coñecer as súas ideas. Pero desde o repunte do documental, experimentado desde hai uns catro ou cinco anos, en Galicia agroman numerosos proxectos nesta liña. Non foi algo casual, o abaratamento das cámaras dixitais e a posibilidade de editar no propio ordenador espertou ás conciencias que saíron coas súas cámaras na man a denunciar. Non fai falla mái que unha volta por Youtube para ver videos (tanto editados como sen editar) para denunciar a situación dos lumes, da especulación urbanística da que nos fala Olaia Sendón ata o medio ambiente.

Entre os últimos casos en saír á luz está o vídeo elaborado por Manuel Arroyo e protagonizado polo claustro de profesores do instituto Terra do Xallas de Santa Comba no que denuncian a perigosidade dun dos traxectos más polémicos da rede viaria de Galicia: a estrada Santiago-Santa Comba. Un trazado de 30 quilómetros e, segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico conta con 25 mortos e 674 feridos.

Pero non é unha cuestión reducida unicamente ás poderosas (pero tamén anónimas) redes sociais, senón tamén numerosas produtoras aproveitaron para dar a coñecer a súa opinión en determiandos temas. É o caso de TV Siete que presentou no último festival de Cine Independente de Ourense un documental codirixido por Ruth Chao e Javier Silva titulado "2050: É xa demasiado tarde?". Un traballo que aborda o cambio climático desde a perspectiva das consecuencias sociais que acarreará ao planeta e ao ser humano a partir de puntos clave dun informe do Pentágono de 2004 que advirte ao presidente dos EEUU que os cambios climáticos poden conducir ao planeta ao bordo da anarquía e da guerra nuclear.

Outro exemplo claro disto que estamos a analizar é "A cidade perdida", un documental que se centra no patrimonio arquitectónico esquecido de Vigo. Ao amparo do movemento Docomomo (orquestrado por arquitectos que defenden as obras creadas ata mediados de século dentro do Movemento Moderno desta arte e especialmente aquelas construccións destinadas á industria), Miguel A. Romero elaborou un traballo no que deu a coñecer moitas das construción das factorías industriais. Edificios como a Panificadora, a Metalúrxica ou a Fábrica de almacenaxe de Santa Clara que conformaron a urbe de Vigo ao amparo da auxe económica de principios do século XX, e que hoxe corren o risco de desaparecer para sempre.

Non son os únicos, "A sombra negra" e "Granados e Delgado: un crimen legal" son as dúas primeiras partes dunha triloxía da CNT galega sobre a represión franquista; "Galicia, o imperio dos sentidos" fai un percorrido sobre o mundo do erotismo e o sexo en Galicia pasando desde locais de ambiente, a música, as asociacións ata o recente salón erótico de Vilgarcía "Seda".


Dos primeiros: hai que botalos
Hai case dous anos un grupo de guionistas, directores, actores, actrices e realizadores, entre outras profesións do sector, traballaron para ofrecer “Hai que botalos”, unha longametraxe audiovisual conformada por 25 curtametraxes que farán un percorrido polo país de cara ás eleccións. Aquela campaña de estimulación do "boto", tal e como o chamaron os promotores daquela iniciativa, Burla Negra e A Fraga Maldita, contou coa participación de boa parte da intelectualidade galega. Manolo Rivas, Séchu Sende, Rosa Aneiros, Suso de Toro, os actores e actrices Mabel Rivera, Luís Tosar ou Miguel de Lira, e Margarita Ledo, Ricardo LLovo ou Xosé Zapata como realizadores forman parte dun proxecto que se distribuíu a través de canles non comerciais, con proxeccións nas cidades e vilas do país así como a venda en lugares atípicos deste proxecto.