Malia a súa imaxe coma conservador, Vicente Risco tiña unha ampla variedade de intereses na liña do seu tempo

Risco, un home do tempo

Nesta altura, a imaxe que temos de Vicente Risco é a dun intelectual conservador e centrado en Galicia. No entanto, este coñecido galeguista desenvolveu na súa vida unha inmensa cantidade de afección exóticas e un vivo interese polas vangardas que se movían en Europa durante o primeiro terzo do século XX. O cubismo, o ocultismo, o orientalismo e todo tipo de propostas que daquela estaban á moda confluían neste curioso pensador ourensán.

Unha das constantes máis destacadas da vida de Risco é, sen dúbida ningunha, o Orientalismo. "Desde os anos dez ata practicamente a súa morte a temática oriental preocúpalle. Aínda nos anos corenta e cincuenta practicaba ioga", sinala Luís Martínez-Risco, actual presidente da fundación que leva o nome do seu devanceiro. Este orientalismo que abranguía desde o antigo Exipto á cultura xaponesa, pero tiña na India un centro destacado. Como exemplos do seu coñecemento desta cultura, Luís Risco cóntanos que "cando estaba a estudar en Madrid e lle deron o Premio Nobel a Rabindranath Tagore, en 1913, non encontraban a ninguén na cidade que puidese dar unha conferencia sobre el. E foron buscar a Risco, que a deu. Nós na propia Fundación temos escritos del en hindi, en sánscrito e en devanagari dos anos 12 e 13, e tamén libros sobre este tema desa mesma época". Por boa parte da súa obra aparecen as pegadas desta fascinación oriental do ourensán. Por exemplo, en "O sentimento da Terra na Raza Galega", cita o Rig-Veda hindú ao sinalar "O Desexo nasceu pirmeiro, e foi a pirmeira semente do Esprito. Il produciu unha soparación, unha corda tendida...". Do Ganges ao Miño.

Co espírito da época
Aínda que pode parecer unha extravagancia illada, debemos ter en contar que daquela, a nivel europeo cando menos, non eran tan estraños estes intereses. "Se colles a Hermann Hesse, no fondo é o mesmo. Hai cousas que semella que se puxeron de moda nos sesenta, pero xa o estaban nos anos vinte", explica o seu descendente. "Na súa época, unha persoa cunha formación cultural semellante tamén tería esas preocupacións. A xente bebía basicamente da cultura alemá e moitos sabían este idioma. Todo o labor que se facía de epigrafía, a numismática, a arqueoloxía tiñan base alemá. Logo había unha corrente cultural francesa. E a partir de aí collen as correntes de vangarda Europea, onde empezan a entrar mesmo cuestión estéticas que estaban de moda daquela, como o ocultismo, o simbolismo ou a maxia". É neste mesmo contexto onde se deben situar as experiencias de Risco coas drogas, nomeadamente o kif ou o opio. "En determinados ambientes era unha cuestión normal", explica o seu descendente, que sinala que en todo caso se trataba dun consumo puntual. "Sei que fumaba coma un descosido, pero non o vexo coma un drogadito".

O Risco oculto
E é que entre os ámbitos que chamaron a atención de risco a comezos de século están o ocultismo e a Teosofía, unha doutrina que facía furor en Europa a finais do século XIX e que promulgaba a posibilidade dunha relación directa coa divindade e a transcendencia ada alma. Canda a isto, a súa fundadora, Madame Blavatsky, formulaba toda unha historia oculta da humanidade, desde a era Hiperbórea, con referencias a unha antiga Idade de Ouro e outros mitos. Xa no primeiro relato de Risco en Galego, "Do estraño caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros" (1919) amosa o autor o seu amplo coñecemento desta doutrina entre outras. "Todo isto ten moito que ver co propio budismo ou co zen", explica Luís Risco. "Persoas coma Rudolph Steiner (fundador da antroposofía, outra corrente mística), e toda esta xente miraba moito para Tíbet. Hai unha relación forte e unha cousa leva a outra".

Satanás e o Graal
A súa afección polo ocultismo pode comporobarse no xa mencionado relato do Doutor Alveiros e noutras obras coma o seu "Satanás, historia do diabo" ou "A porta de palla". "Ese pensamento acompáñao ao longo de toda a súa vida, tamén a visión do demo non como inimigo, senón como algo natural que debe existir, unha postura que lle deu bastante desgustos coa Igrexa", explica Martínez-Risco. Tamén a cábala o tentou, e mesmo a cartomancia, aínda que semella que nunca foi moito máis lonxe do coñecemento teórico. "Alguén que o tratou en vida comentoume que el en plan broma botáballe as cartas á xente. Un día acertou coas cartas e non as voltou botar, un pouco tamén por temor", explica Luís Risco. De calquera xeito, chegou a escribir os estatutos dunha suposta sociedade secreta chamada "Orde galega do Sancto Graal" que semella nunca se chegou a crear. "O Risco nacionalista enchoupado de cultura galega inventa unha Galicia ideal na Idade Media, mentres o Risco individual vira máis para Oriente", sinala o seu descendente.

As vangardas en Galicia
En xeral, ao longo de toda a súa biografía, Risco amosou un grande interese polas vangardas artísticas e culturais, ao tempo que era un declarado inimigo da modernidade e fervente defensor do irracionalismo. "Hai un interese pola vangarda e ao tempo un intento por asimilar esas vangardas á tradición. Iso pode supor unha contradición desde unha perspectiva de lóxica occidental, onde os contrarios se opoñen, pero se temos en conta que tiña unha formación oriental ben profunda do que semella, desde esa filosofía as contradicións son complementarias e non eliminatorias, enriquecen a súa personalidade", explica Luís. Unha creación de Risco que nos amosa a súa curiosa relación coas vangardas literarias é o relato "Dédalus en Compostela" que o autor mesmo apelida de "Pseudoparáfrase". Neste historia, de 1929, o ourensán leva á Cidade do Apóstolo un personaxe de James Joyce e mesmo mantén un amplo diálogo con el sobre todo tipo de cuestións existenciais e nacionais. A este autor e mais a Tagore pódense sumar aínda Arthur Rimbaud, Paul Verlaine, Apollinare, Max Jacob ou Omar Khayyam entre outros da súa devoción.

Humor e medo
Un aspecto pouco coñecido de Risco é, posiblemente, o seu humor. Ademais de obras coma "O porco de pé", cunha marcada tendencia neste sentido, "era un tipo moi divertido e transgresor. Disfrazábase e celebraba o Entroido cando estaba prohibido. Tamén era alguén moi pouco clasista, aínda que pode dar a impresión contraria. Era un dos poucos señores de Ourense dos que Blanco Amor fala ben e ten unha boa relación, mentres outros lles facían de menos pola súa homosexualidade", apunta o seu descendente. "Era alguén moi dogmático consigo mesmo pero heterodoxo cos demais. Facía recortables, tiña moitas habilidades manuais, e mesmo fabricaba cos seus amigos xornais manuscritos en clave humorística. Canda ao humor había unha certa "Era unha figura bastante contraditoria. Para comprender un pouco as actitudes antes certas problemáticas e a súa interpretación da encíclica sobre os Tempos Modernos", este texto, que falaba sobre o avance do coñecemento científico, prevía do pecado da soberbia intelectual. "Polo que comenta a xente que o tratou, cando dominaba moito un tema case o deixaba por temor a pecar", explica Luís Risco.