Vigo escolle hoxe ó seu rector e en Santiago comeza a carreira electoral

O día "V"

Logo de quince días de promesas todos os membros pertencentes á Universidade de Vigo (os campus de Pontevedra, Ourense e Vigo) escollen ó seu rector. Dous homes: Domingo Docampo e José Tojo, con dous programas que conciben a dúas universidades diferenciadas dependerán do que decidan as máis das 31.000 persoas que están convocadas hoxe ás urnas. E noutra das universidades, a de Santiago, xa comeza a campaña electoral. Tamén dous candidatos -Senén Barro fronte a Xosé Manuel Sabucedo- competirán polo cargo de rector na votación que terá lugar o día 21. Unhas eleccións que se caracterizan por ser as primeiras que se fan trala aprobación da polémica Lei Orgánica de Universidades.

Votación


Antes as eleccións á cúpula da Universidade tiñan un proceso simple. A comunidade universitaria escollía ó claustro e, desde o claustro, escollíase ó rector. Agora, trala aprobación da LOU o proceso é diferente e máis directo. De feito son os propios votantes os que escollen, por unha banda, ó rector (cunha papeleta co nome único do candidato) e, pola outra, ó claustro (marcando cunha aspa ós candidatos que se quere votar).
E este é o sistema que hoxe están a a estrear os 31.000 membros da comunidade universitaria viguesa que teñen dereito a voto para escoller ó seu rector. Desde as oito da mañá o persoal da universidade viguesa está mans á obra para garantír a normalidade nos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra) no que se desenvolverán as eleccións desde as nove da mañá. Están convocados ás urnas 29.045 alumnos, 1.400 profesores (725 funcionarios-doctores, e 853 persoal docente investigador) e 637 integrantes do personal administrativo. En función do reparto ponderado que lle outorga a LOU, ó alumnado correspóndelle un peso no resultado final dun 30%, ó sector de profesores funcionarios doutores dun 51% (o que convirte en marioritario ó Claustro) e mentres que o colectivo de profesores non funcionarios é dun 9%, o 10% restante correspóndelle ó persoal de administración e servicios.
Se todo sae en función do previsto, os colexios electorais pecharán ás sete e o reconto comezará tran pronto se pechen todas as mesas electorais. O primeiro reconto será para coñecer o nome do novo rector, que se podería coñecer sobre as nove.
E en función do calendario mañá se fará unha proclamación provisional dos resultados de ambas votacións, tralo que abrirá un prazo de dous días para posibles reclamacións. Os resultados definitivos conoceranse o 21 de maio.












O proceso en Santiago


E mentres os universitarios de Vigo escollen á súa elite directiva, en Compostela a campaña electoral xa comezou. Por diante quedan doce días nos que os dous candidatos teñen que defender o seu modelo de Universidade. Unha "Universidade en positivo" para Xosé Manuel Sabucedo, ou "A universidade que imaxinas. A universidade que queres" para Senén Barro. Dous eslógan que recollen moito do espírito e dos principais puntos que figuran nos programas de cada un dos candidatos.

Para Senén Barro a prioridade da Universidade de Santiago figura en crear unha universidade de calidade que parte dunha revisión e mellora continuada da docencia, investigación, xestión e prestación de servicios. E para conseguir esa calidade, o programa de Senén Barro aséntase en tres piares. Para os estudiantes: fomentando novas maneiras de aprender, con máis xornadas informativas, incentivando o asociacionismo estudiantil. Para o profesorado: cun plano de estabilización do profesorado contratado e axudantes, programa de promoción do profesorado. Para o persoal da USC creando programas que axuden á reciclaxe do cadro de persoal actual ademais de reforzar a política de Acción Social. A estas propostas engádeselle a importancia que lle adica á investigación, ó terceiro ciclo e ás propias instalacións (un parque científico nos Campus de Lugo e Compostela -UNIPARC-, a Biblioteca Virtual e a Universidade Virtual.

Sabucedo prepara, pola súa parte, un programa máis populista, que pretende conseguir unha universidade máis próxima que se centra en puntos claves como a creación dun campus agropecuario de referencia e un novo modelo de xestión. O programa de Sabucedo tamén se centra en catro piares claves, destinados ós diferentes membros. Para os PAS, este programa prepara unha xestión máis eficaz, que aposta pola xestión de calidade, adecuación de planteis, simplificación da burocracia e máis servicios para todos. Para os estudiantes promete crear o Consello de Estudiantes, aulas en galego e noutras linguas científicas, e bolsas para a igualdade, sen esquecer a promoción da mobilidade dos estudiantes. E para o profesorado pretende incentivar a calidade, unha maior transparencia, un rigo e dotalos de maiores e mellores recursos, para o que incorporará un plan de estabilización do profesorado.

Dous programas que tratarán de facer públicos a toda a comunidade universitaria durante o período que durará a campaña electoral e que concluirá o 19. Dous días despois, o 21, terá lugar a votación definitiva. E o 22 terá lugar a proclamación provisional do vencedor, ou dos candidatos a rector no caso de que se precise unha segunda votación. Que, de realizarse, terá lugar o día 28 de maio. Se se precisase esta segunda volta, non se coñecería o candidato ata o día 1 de xuño.





E na Coruña

E na Coruña de momento non haberá eleccións ó rector, aínda que sí ó Claustro. Segundo figuraba no primeiro borrador da LOU a entrada en Vigor do novo proceso implicaría a cesión de todos os rectores e a convocatoria de eleccións. Un matiz que foi eliminado no texto final da lei, e que dicía que os actuais rectores podían agotar a súa lexislatura. E isto mesmo foi o que pasou na Coruña, onde o actual rector, Meilán Gil, manterá o seu cargo ata que se celebren as novas eleccións.