O audiovisual bateu marcas no número de estreas cinematográficas malia o retroceso que supuxo a paralización da primeira rodaxe

Tendencias: audiovisual

O 2006 non foi o mellor ano do sector audiovisual. A paralización da rodaxe de “Os mortos van ás presas”, a dimisión do presidente da Academia Galega do Audiovisual, e menos candidaturas para o audiovisual galego nos Goya son algúns exemplos. Con todo, o sector bateu marcas de estreas e acabou o ano con tres portais para recoller o seu traballo así como cun incremento nas liñas de axudas. A iso se lle engade que o 2007 apunta moi alto, con máis de vinte filmes para estrear.

O ano despois de que rematara a chamada “Lexislatura do audiovisual”, nome que lle deu o anterior conselleiro de cultura, Xesús Pérez Varela, no que se crearon as principais entidades públicas do audiovisual (Consorcio e a Santiago Film Comission). Co cambio de goberno saínte das eleccións do 19 de xuño de 2005, e coa nova situación orgánica da Xunta, as competencias en materia de audiovisual pasaron de Cultura á Secretaría Xeral de Comunicación. O sector comezou o ano ollando cara dúas direccións: a cultura e a comunicación.

As consecuencias do cambio político
Miguel Anxo Fernández, crítico de cine e profesor da Facultade de Comunicación Audiovisual considera que “desde o punto de vista institucional estamos nun ano de cambio, no que se iniciaron moitas das reformas previstas. Comezaron a notarse neste ano pero será no 2007 cando comezaremos a recoller os froitos”. Explica que as competencias de audiovisual repartidos en dous departamento deriva dúas lecturas. “En primeiro lugar unha lectura política, xa que a situación actual é culpa dun pacto e, polo tanto, habería que pedir responsabilidades aos señores que se sentaron a pactar. A partir de aí hai unha realidade incuestionable e entramos na segunda lectura. O dato obxectivo é que o audiovisual non debería ter saído nunca do ámbito da cultura. Agora ben, o campo da promoción e da difusión está na área da comunicación, mentres que a de produción está en mans de cultura”. Pero Miguel Anxo é optimista e considera que ao tratarse do mesmo goberno non debería haber problema algún de aplicarse unha “boa coordinación destes departamentos”.

Estas dúas dirección reforzaron a súa política audiovisual creando novas institucións e, o que é mais importante, novos mecanismos de promoción e difusión. Cultura creou a súa Axencia Audiovisual Galega (28 de novembro de 2006), co seu correspondente portal do audiovisual, mentres que a Secretaría Xeral de Comunicación presentou o seu portal do audiovisual de Galicia con servizos como buscadores, almacenamento para descargar en “streaming” os traballos e unha presenza continuada na rede de creadores. O Consorcio actualizou o seu decreto para adaptarse á nova situación orgánica e continuou coa posta en marcha do seu “Plan de Internacionalización do audiovisual galego”, as súas actividades de formación e o fomento da produción dentro do fondo “Raíces”. A nota máis negativa neste ámbito, foi os problemas administrativos que impediron o nomeamento de Jaime Pena como director do CGAI despois do intento frustrado de Antonio Simón.

O sector
O 2006 foi un ano que deixou tras de si numerosas longametraxes. Un número que oscila entre as dez que contabiliza o Consorcio (que toma como referencia a data de estrea) e as nove que figura na base de datos do Ministerio de Cultura (que data as producións no momento no que a produtora lles pasa o filme acabado para a súa cualificación). Aínda que o número non difire moito, si existe discrepancia nos títulos que cada entidade cuantifica no seu listado anual. En canto aos resultados das producións estreadas no 2006 as cifras oscilan entre os 3.273 espectadores de “Sempre Habana” (17.093,31 euros) e os 293.581 de “Un franco, 14 pesetas” (con 1.512.832,08 euros). Película coproducida por Adivina e unha das tres producións candidatas ao Goya nesta edición na que continúa o valor fixo da animación. Nesta categoría compiten a produción artesá de Miguelanxo Prado contra o saber facer da factoría Filmax, “O ratiño dos teus soños”. Miguel Anxo Fernández considera que “se o analizas friamente, é certo que este ano houbo un baixón que repuntaremos o ano que ven”.

Entre as notas negativas deste ano destaca a paralización da primeira rodaxe do audiovisual. “Danou considerablemente a imaxe do cine galego a paralización de “Os mortos van ás presas”. Primeiro porque nos espertou dun pequeno espellismo, aquí non hai industria, aquí si hai industria no contexto da animación. Tendo en conta que a TVG é o motor do audiovisual galego hai que ter moito coidado de falar da industria audiovisual. Aínda se cuestiona a industria audiovisual española como tal, para falar da galega”. Ademais “que si é certo é que nos espertou a todo dun mal soño, había un exceso de triunfalismo e, despois tamén un caso particular, dunha xestión dubidosa dunha empresa concreta como foi o caso de Dygra”. A paralización da rodaxe derivou na dimisión de Manolo Gómez á fronte da Academia Galega do Audiovisual, decisión que supuxo un punto de inflexión na crise. En todo caso, Miguel Anxo destaca que no eido da produción, é un fito histórico. “Ata agora non houbo tantas estreas, de aí que poidamos dicir que neste campo se está a producir unha normalización”.

O futuro
Entre ficción, animación e documental, no 2007 estrearanse nos cines ata 23 producións. Voz Audiovisual estreará as dúas películas de Mario Iglesias “De Bares (coproducida con Matriuska) e “Catalina”, así como “O menor dos males”. Adivina presentará este ano “O neno de barro”, que conta con axuda do fondo de produción Raíces. Filmanova presentará a coprodución “Os totenwackers” así como a segunda longametraxe de Antón Reixa, “Hotel Tivoli” que chegará ás carteleiras en marzo. Aldea Films achegará “Santos” e Continental presenta unha batería de estreas. “Concursante”, “Unha muller invisible”, “Abrígate” e “De profundis” e “A crise carnívora” no campo da animación; de Atlántico filmes “A sombra de Nova York”. Filmax “Nocturna” e “Donkei Xote” e Deboura estreará “Bieito Dubidoso”. Perro Verde Films asegurou que neste ano que comeza estreará as producións de animación “Zombis do leste” e “Gritos no corredor” e a longa de ficción “A puta e o pan” . No campo do documental “E todo o demais tamén” de Voz audiovisual e “Pic-nic” de IB Cinema.

Haberá que agardar para ver se se concretan todas as estreas, se o público responde ás apostas feitas polas produtoras e o audiovisual mantén a súa tendencia á alza.