A incorporación de novos contidos e a adopción das ferramentas do Web 2.0 son as tendencias máis destacadas na Internet galega

Tendencias: Rede

Non hai volta atrás. Sen dúbida ningunha unha das características que máis marcou a cultura do país en 2006 foi a consolidación da súa presenza na rede. Multiplicouse o emprego de blogs por institucións e iniciativas privadas, mentres continuou a expansión do Blogomillo. Un lote de propostas galegas incorporáronse a ferramentas como YouTube ou Flickr. Canda a isto, o éxito de propostas colectivas coma a Galipedia, Chuza! ou Escoitar.org revelan que a nosa cultura está a incorporar con forza, e con pouca diferenza con as zonas máis avanzadas, ao Web 2.0.

"Penso que a tendencia de Internet en Galicia é un pouco a mesma que tivo Internet en xeral. No caso galego deuse un crecemento sostido, non houbo grandes revolucións pero vai habendo mais usuarios cada vez máis participativos, e entón o que se está a ver un pouco é a entradas das ferramentas web 2.0, como son os blogs ou os wikis.
Aínda que vai un pouco atrasado a respecto doutros ámbitos coma o hispano ou o internacional, vese que este ano houbo bastante crecemento". Quen así fala é Juan Freire, profesor da Universidade da Coruña e autor do coñecido blog Nómadas sobre a Sociedade da información.

Consolídase o caderno
Sen dúbida, unha voz plural e ampla está a marcar a o desenvolvemento da cultura galega na rede. A explosión dos blogs do pasado ano mantense e consolídase este ano. "Os blogs son xa unha ferramenta que se popularizou e emprega bastante xente. Vanse asentar e van ir aparecendo novas ferramentas baseadas en vídeo e en wiki, cun carácter máis colaborativo que individual", explica Freire. Realmente, o formato está a se incorporar mesmo a iniciativas institucionais, e todo tipo de asociacións e propostas aproveitan esta ferramenta para estar presentes na rede. O fermento blog deu tamén na consolidación de aplicacións que optimizan estes webs, como son os buscadores Blogalego e Blogoteca ou a plataforma Blogaliza. Tamén destilado dos blogs xurdiu Chuza!, un sistema no que os usuarios os que publican as novas que máis lles interesan mediante votacións. A proposta, nada en febreiro de 2006, multiplicou as súas visitas e conta xa con 823 persoas rexistradas que envían, votan e comentan novas. De calquera xeito, Freire matiza a evolución desta iniciativa: "A nivel galego falouse moito do fenómeno de Chuza!. Eu penso que é unha proposta interesante pero que, do mesmo xeito que o Menéame! castelán ,está moi acoutado a unha comunidade específica cun perfil moi marcado. Entón, aínda que en Internet se fala moito destas propostas teñen moi pouco impacto no exterior", puntualiza.

Videos para todos
Canda á multiplicación dos contidos, tamén se está a dar unha sofisticación dos formatos. Ao mesmo tempo que o resto do mundo coñecía e aproveitaba as posibilidades de propostas coma YouTube ou Google Video, Galicia foi incorporándose a esta plataforma. Os contidos son do máis variados. Encontramos, por exemplo, os xogos tradicionais de O Varal TV ou os experimentos poéticos de autoras coma María Lado ou Antía Otero. Un dos campos que está a dar mais contidos audiovisuais galegos á rede é o musical, con propostas de grupos coma Los Santos, Niño y Pistola, Nordestin@s e moitos outros. Esta tendencia deu mesmo na creación de espazos especializados da difusión de música por esta canle como A Regueifa. Material televisivo e vídeos de arquivo, trailers de filmes, documentais, chistes, gravacións afeccionadas de todo tipo e mesmo os últimos anuncios de libros encontraron o seu oco na rede. As propostas multiplícanse, e mesmo medios coma a TVG van incorporando este tipo de contidos. Tamén desde este mesmo portal levamos xa tempo a apostar polo vídeo na rede e incorporamos contidos coma as series "Xeografía de Galicia" ou "Historias de Vida" na nosa CulturagalegaTV entre outros contidos deste tipo.

Música on-line
Non só de vídeos vive a rede. A falar unicamente de son, este ano tamén se multiplicou a circulación de música pola rede. Grupos coma The Homens, Projecto Mourente, Fanny e Alexander puxeron a libre disposición do público os seus discos en formato Mp3. A tendencia ampliouse tamén a discográficas, e firmas coma Zouma Récords ou Falcatruada xa aproveitan Internet para dar a coñecer os seus grupos con temas descargables. A outro nivel, desde Chuza! lanzáronse á aventura "radiofónica" mediante o Podcast. A proposta tamén está a interesar a concellos coma o de Betanzos, que permite a descarga de audioguías turísticas desde a rede. E aínda hai máis. Desde Escoitar.org achegáronnos unha innovadora proposta colaborativa baseada tamén nos arquivos mp3. A recollida de paisaxes sonoras son a base dun proxecto onde se integran ademais ferramentas web de última xeración como os mapas de localización interactivos. "Hai proxectos como é o de escoitar.org, que me parece moi interesante. Coñécese pouco pero está a ser moi coñecido fora de Galicia e mesmo se está a copiar noutros ámbitos xeográficos. E para moita xente situou Galicia no mapa do web 2.0, amosou que hai xente que está na vangarda no ámbito hispano e mesmo internacional", recoñece Freire.

Galipedia
Sen dúbida, outro dos protagonistas do ano na rede foi a Galipedia. Se nos seus dous primeiros anos de vida, entre 2002 e 2004, acadara 1.712 artigos, o proxecto acaba 2006 con máis de 20.000 entradas, o que nos dá unha idea de como medrou a participación galega nos proxectos en rede. Estas cifras non fan mais que confirmar que a enciclopedia interactiva e construída colectivamente é xa un referente indispensable á hora de coñecer o país e que a súa importancia non fará se non medrar no futuro.

Os problemas
De calquera xeito, non se pode considerar que esteamos á vangarda no emprego de Internet. As baixas taxas de conexión que mantemos no país continúan a ser un problema destacado de cara á penetración social destas ferramentas. "Creo que un pescozo de botella claro é o acceso á rede, e no caso galego hai un déficit importante. Todas estas ferramentas do web 2.0 precisan de xeito case ineludible un acceso de banda ancha", explica Freire. No entanto, este investigador da rede salienta que non é este a única pexa a superar. "Logo hai unha segunda barreira que é cultural, un xeito de entender a participación e a cultura. Estamos afeitos a ser consumidores e espectadores, e o que se está a fraguar agora é ser activos, e iso bate coa mentalidade tradicional de cultura".

A lista continúa
Dun xeito ou doutro, a lista de contidos galegos que se suman á rede mediante as súas últimas ferramentas é inabarcable. Lugares localizados e mapeados en Tagzania, incorporacións ao bookcrossing, tesouros agochados no Geocaching, fotografías en flickr, pdfs, ligazóns en de.li.cio.us, propostas con licencia creative commons, novas experiencias artísticas e mesmo un bo número de contidos que se comparten nas redes P2P son propostas que medran día a día. Canda a estas, moreas e moreas de iniciativas xorden dos propios usuarios e están a incorporar a nosa cultura á rede e a rede á nosa cultura dun xeito inédito ata o momento. Desde as propostas máis actuais ata discos ou artigos xa descatalogados e dificilmente localizables, Internet está chamada a ocupar un crecente espazo na nosa cultura tanto desde o punto de vista da investigación como no propio xeito de consumo. Agardamos a ver o que nos achega 2007.