Hai un ano anunciábase a posta en marcha dun ambicioso programa que pretendía reconciliar os galegos coa súa memoria histórica. A Guerra Civil e a represión franquista presentábanse coma un muro de silencio e aínda de medo contra os que loitar. Doce meses despois ollamos como se multiplicaron as homenaxes ou como se exhumaron cadáveres, e abondan as placas lembrando a represión. Congresos e investigacións teñen revelado datos inéditos sobre unha Galicia activa que foi truncada polo golpe militar do 36 e, da outra banda, o alcance da represión. Mais ¿conseguiu este ano mudar a nosa concepción sobre ese período da historia?
"Os historiadores enchemos o ano falando de historia, cousa que outras veces non é tan doado". Así de contundente resume Lourenzo Fernández Prieto, membro do Consello da Memoria, a importancia que o Ano da Memoria acadou no panorama cultural de 2006.
Neste sentido, destaca o carácter pioneiro do programa que promoveu a Consellaría de Cultura: "Eu destacaría dúas cousas. Por unha banda é unha innovación que se fai desde Galicia, xa desde o ano 2005. Iso permite que ao longo de 2006 se desenvolva e se fagan actividades, e que sexa retomado polo Goberno do Estado xa mediado este ano, o que demostra o carácter de anticipación da iniciativa", explica. "E logo a nivel dos investigadores, que traballamos intensamente nos últimos anos, e especialmente este co proxecto `As vítimas, os nomes, as voces e os lugares´ é que comprobamos que os medos, as reservas e mesmo o descoñecemento que había encol de certos materiais víronse modificados por mor do carácter aberto do ano da memoria".
Novas fontes para a historia
Deste xeito, documentos coma cartas, xornais da época, fotografías e mesmo o propio testemuño oral de determinada xente "que antes carecían de valor porque ninguén quería escoitalos" están saír da escuridade, fornecendo unha chea de novo material para a nosa Historia. "Queda moitísimo por facer. Con este ano comézase un camiño que haberá que percorrer ao longo dunha xeración polo menos. Estamos comezando a recompilar información e recoñecemento sobre asuntos que a sociedade decidira non lembrar. Hai que entender o que pasou no pasado na lóxica do pasado, pero hai que derruír tamén todos os mitos que se crearon, primeiro polo franquismo e despois polo silencio", explica este investigador. Un duro traballo que ha dar sen dúbida nun mellor coñecemento da nosa realidade.
Eventos que marcan
En canto á programación do ano, este membro do Consello da Memoria lembra varios eventos que para el exemplifican en boa medida o que foi 2006 neste sentido. "Eu destacaría dous. O acto de San Simón, que dentro da súa modestia foi unha homenaxe ás vítimas e que penso debía ter continuidade con outro acto. E logo un evento que presentei na parroquia de Asados, no Concello de Rianxo". Segundo explica este historiador, "foi a homenaxe a un militante antifranquista que aínda non fora recoñecido polos seus veciños, porque durante a ditadura fora acusado de ladrón. E para min resultou un momento moi emotivo e unha mostra do que é recuperar a memoria, no sentido de descubrir a outra verdade que estaba oculta". Aínda sinala Fernández Prieto unha charla en Ribadeo onde, logo de falar da República, varias persoas achegaron documentos e novos testemuños sobre aquela época. En xeral, desde o Consello da Memoria destacan a proliferación de homenaxes e a creación de numerosos lugares da memoria: placas, monumentos e todo tipo de recordatorios físicos encol desta época que quedan xa para o futuro.
Sociedade de lembranzas
Aínda que as propostas sociais como as asociacións de recuperación da memoria xa viran nos últimos anos un espallamento destacado, sen dúbida este 2006 foi decisivo na consolidación e multiplicación de iniciativas deste tipo. "Este é un fenómeno relativamente novo. Non hai tantos anos que apareceron estas asociacións, e o máis importante é que isto revela que se está a dar unha nova actitude xeracional, un fenómeno dos netos da guerra. Os fillos saíron da ditadura a pensar no futuro e agora os netos quizais se poden permitir o luxo de ollar o pasado", asegura este historiador. "Estamos convertendo en importantes cousas que non o eran. Hai actividades, hai encontros, hai recoñecemento das vítimas e dáse unha capilarización social de todas estas actividades, ábrese un camiño ".
A memoria e a creación
Debemos agardar entón de cara ao futuro unha multiplicación de propostas arredor destas cuestións tanto desde o punto de vista da creación literaria como da cinematográfica e, como non, da investigación histórica. Boa mostra do xeito en que a memoria histórica penetrou este ano na creación témola, sen ir máis lonxe, nos libros de dúas grandes figuras das nosas letras. Tanto Manolo Rivas coma Suso de Toro abordan esta temática nas súas últimas propostas. E canda a eles son e serán moitos os que recollan o testemuño de tantas historias como están a saír nos últimos tempos (e aínda sairán) e as reconvertirán en argumentos, poemas, pinturas ou calquera outra manifestación artística. A medio camiño entre a creación e a investigación, os documentais están a ser, neste sentido, un xénero especialmente propicio para abordar a cuestión. Unha liña específica de axudas promovida desde a Consellaría de Cultura dá pé a un ronsel de producións que nos levan aos anos trinta e corenta. "A cidade da selva", de Nemedón Producións, as "Historias de Vida" e o "Atila en Galicia" de Xan Leira, "O Alquimista" de Ignacio Benedetti ou "A sombra negra", sobre o movemento anarquista galego son unha breve lista das producións que nos deixou o ano neste sentido. Á contra do que podía parecer, Fernández Prieto sinala que "a Guerra civil está no cine e na literatura, pero curiosamente non está na Historia. Aínda non hai un historiador reputado que fixese novas achegas a este período nos últimos trinta anos desde aquí, empregando fontes novas e materiais novos", e salienta a procedencia foránea dos autores das grandes obras sobre o período a nivel estatal. Nese sentido é de agardar que un resultado deste proceso de recuperación sexa tamén a aparición de novas achegas de magnitude neste campo.
Enchentas
De certo que o recorrente do tema, e o anuncio de que é posible que continuemos encontrando a Guerra e a Posguerra en diferentes ámbitos aínda durante unha temporada, pode facer que moita xente se canse deste tema. E desde o propio Consello da Memoria son conscientes deste risco. "Pode ocorrer. É o perigo das conmemoracións. Como historiadores levamos moitos anos traballando temas que non son sempre o eixe dun debate social, e que isto ocorra ten o seu interese, pero tamén pode conducir ao cansazo". De calquera xeito, advirte que a continuidade irá aos poucos. "Os historiadores estamos a traballar de cara os vindeiros anos, non para que isto se esgote agora". Está por ver ata que punto se pode acadar, cunha axeitada dosificación, manter vivo o interese social por este tema. Polo momento prométense novas revelacións sobre aquela época da nosa historia e de certo han continuar as homenaxes e as iniciativas sociais arredor desta cuestión, que conta aínda cun bo feixe de voluntariosas persoas dispostas a evitar que o esquecemento continúe.