A prensa gratuíta e a influencias das novas tecnoloxías marcaron a comunicación do 2006

As tendencias: Comunicación

Este ano que remata deixa tras de si un regueiro de novidades no eido da comunicación. A proliferación de varios xornais gratuítos (tanto galegos como de compañías estranxeiras), a delegación para Galicia de El País e a concesión das licenzas de televisión dixital terrestre son as principais novidades deste sector que olla cada vez máis cara o usuario. Chega o periodismo cidadá.

O informe deste ano da Asociación de Editores de Diarios de España (AEDE) confirma a caída da difusión dos periódicos no estado por mor de tres factores: a competencia de Internet, a aparición masiva de prensa gratuíta e a multiplicación da oferta televisiva. Unha tendencia á que Galicia non foi allea. Este 2006 apareceron en Galicia novos xornais gratuítos, aumentaron as cifras de consumo da rede e, ademais, comeza a andar a televisión dixital terrestre. A caída da prensa non foi tan acusada como no resto do Estado, segundo evidenciou a última vaga do EGM e o OJD (que controla a difusión) indicaba que se situaba case nos mesmos niveis. Xunto con todo isto, existe un maior interese por conseguir a participación do público no discurso informativo dos medios. Os blogs e a información elaborada polo lector contan cunha importancia crecente.

Os impresos
O 2006 foi o ano da comunicación. O 18 de xaneiro as cidades de Vigo e A Coruña comezaron a distribuír “Qué!”, un novo xornal que aparecía en doce cidades do Estado. Esta cabeceira contaba cunha edición dixital na que os lectores/usuarios podían incluír as súas novas. Dous meses máis tarde, en marzo, aparecía un novo xornal, “ADN”, lanzado polo Grupo Planeta co apoio de "La Voz de Galicia" máis cinco grupos de prensa rexional. Segundo explicaron no seu momento os promotores da idea, o seu valor diferencial con respecto a outros xornais gratuítos estaba en que ofrecía un produto máis reflexivo, con importancia da fotografía e información en profundidade. O xornal conta con catro bloques temáticos: actualidade (que inclúe internacional, política e economía), vida (sociedade e tecnoloxía), deportes e lecer.

Foi o ano dos xornais económicos, xa que o 28 de febreiro aparecía “El economista”, de martes a sábado e editado por Ecoprensa que, uns meses máis tarde compartiría espazo con “Nova+”. A aparición deste último fíxolle merecedor do premio Galicia de Comunicación a Sar Comunicacións XXI (sociedade do Grupo Progreso).

No campo da prensa tradicional, o 22 de novembro de 2006, o xornal madrileño El País abría en Santiago a súa delegación no noso país. Deste xeito comezou a ofrecer información propia sobre o país feita desde aquí. Dentro dos obxectivos desta edición, destaca o suplemento cultural que achegan cada venres con información do noso país. Este ano tamén se anunciou “Faro de Galicia”, o novo xornal dirixido por Pedro Pablo Alonso, que pertence ao “Faro de Vigo” pero cuxa iniciativa está sen concretar.

O protagonista do ano es ti
A revista norteamericana Time escolleu este ano aos propios usuarios de Internet coma o persoeiro destacado do ano, e non facía máis que recoller a gran maré que anegou Internet este ano: a inxente publicación de contido en Internet creado polos propios usuarios e o xurdimento de aplicacións web que o xestionan definiu o que xa se coñece como a segunda etapa de Internet, a web 2.0. Sen dúbida, os blogs foron o formato máis destacado deste fenómeno social e Galicia non foi allea a este fenómeno. Como se constatou no congreso EnBlogs’06, a partir do ano 2005 a creación de blogs multiplicouse, así como o xurdimento ou perfeccionamento de novas ferramentas de creación e distribución de información. A Blogoteca, promovida pola empresa Abertal, os directorios sindicados de blogs, tanto Blogalego como Blogaliza (que, ademais, proporciona hosting para os blogs galegos) ou de plataformas non xerárquicas de publicación de noticias, como Chuza! achegan unha nova dimensión a Internet: a dos cidadáns.

Ademais dos fenómenos dos blogs, a prensa volveu a súa mirada cara a sociedade, facéndoa partícipe da redacción da información. El Correo Gallego comezou desde o pasado novembro coa súa sección “Periodismo Cidadá”, na que se publicarán reportaxes e novas que xa foron redactados polos lectores. A información, segundo anunciaba o propio medio “serán valoradas por un equipo especializado e serán retribuídas”.


A multiplicación da oferta televisiva
O 6 de xullo de 2006 o Consello da Xunta outorgou as 46 licenzas de Televisión Dixital Terrestre de ámbito local. En total presentáronse 87 propostas para cubrir a xeografía (distribuída agora en 21 demarcacións) e, para algún experto consultado por este medio “supuxo a entrada de capital privado en Galicia”. Das 46 licenzas de televisión dixital que abranguen todo o territorio galego o grupo “Prensa Ibérica” foi o que acaparou un maior número de concesións. Un total de sete que se corresponden cos núcleos urbanos máis poboados: Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Carballo. Practicamente os mesmos territorios que tamén se fixo outro grupo estatal,“Prisa e asociados” que conseguiu seis. Os grupos rexionais que se fixeron con 23 concesións están asociados a prensa impresa como La Capital (editora de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol), La Región, El Progreso e Editorial Compostela (El Correo Gallego e Galicia Hoxe).

Ao tempo que o Consello da Xunta concedía as licenzas da televisións dixital local, anulaba a convocatoria de radio dixital. Os motivos? O mercado para a radio dixital non estaba completamente desenvolvido.

En todo caso, o que queda claro é que a ollada social unido á diversificación dos soportes convértense na tendencia destacada desde 2006.