Vilafranca aspira a acoller os actos do Día das Letras Galegas dedicado a Sarmiento

O Bierzo reclama o Día

A dedicatoria dos Días das Letras Galegas a Frai Martín Sarmiento pode provocar que por primeira vez esta celebración se realice fóra das fronteiras da Comunidade Autónoma. Vilafranca do Bierzo, localidade natal do homenaxeado Frei Martín Sarmiento, aspira a concentrar os actos de homenaxe a un dos primeiros defensores do idioma galego. Esta aspiración coincide coas reclamacións de varios colectivos do Bierzo en favor do emprego do galego nesta zona.

Día en Vilafranca



O alcalde de Vilafranca do Bierzo, Agustín García, afirmou onte terse posto en contacto coa Real Academia Galega (RAG) e co Consello da Cultura Galega para ofrecer o seu concello como sede do acto institucional que en homenaxe a Frei Martín Sarmiento se celebrará o 17 de Maio, Día das Letras Galegas.
Máis concretamente, e segundo explicou en rolda de prensa o responsable de Cultura do concello leonés, José Luis Castro, enviouselle unha invitación á RAG para realizar os actos en Vilafranca e solicitouselle ó Consello da Cultura a exposición "Martín Sarmiento e o seu tempo" para instalala na vila.
De calquera xeito, e independentemente do resultado destas solicitudes, en Vilafranca xa se puxo en marcha a Comisión Cultural Sarmiento 2002, na que participan o concello e diferentes asociacións culturais e que pretende realizar diferentes actividades centradas na figura de Sarmiento entre o nove de marzo, data de nacementos do estudioso, e o Día das Letras.





Polémica



Segundo adianta Xornal.com, a proposta de Vilafranca non é vista con malos ollos desde a Real Academia Galega. Na súa sección "En clave", o xornal electrónico adianta que "o novo presidente da RAG xa está medio disposto" a celebrar por primeira vez o Día das Letras Galegas fóra do territorio da Comunidade Autónoma.
Á polémica que pode supor levar fóra da Galicia autonómica esta celebración engádese a controversia que pode espertar na veciña Castela e León esta celebración nuns intres nos que son constantes as reivindicacións do idioma galego na zona do Bierzo.
Segundo Agustín García, a reivindicación da celebración do Día das Letras Galegas no Bierzo non ten por que xerar ningún tipo de polémica. Segundo o rexedor de Vilfranca, natural de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) "os galegos deberiamos sentirnos orgullosos de que unha persoa nacida no Bierzo e afincada en Galicia faga o que fixo el".
O concelleiro de Cultura, José Luis Castro, manifestou que non ten constancia de que haxa oposición a que Galicia protagonice os actos de homenaxe a Sarmiento no Bierzo, "naceu na comarca do Bierzo pero é galego de traxectoria".