O Día do Orgullo Gaiteiro reivindica desde Ourense, cun ton festivo, a importancia da nosa música tradicional

Son gaiteiro e estou orgulloso

Haberá quen pense que se un instrumento tradicional está normalizado abondo, ese é a gaita. No entanto, e alén de loitas sobre variedades e xeitos de tocala, hai quen considera que se debe reivindicar. Desde Ourense, a Aula de Música Tradicional Gomes Mouro, celebra o Día do Orgullo Gaiteiro. Unha festa, non exenta de retranca, que aproveita para reflexionar sobre a historia e o futuro do mundo do fol.

En todo houbo alguén que foi pioneiro. Mesmo na gaita. Aínda que este instrumento leva ben tempo instalado na nosa terra, e teñen sido múltiples os seus intérpretes, non foi ata o 17 de decembro de 1458 que Ourense documentaba a existencia dun gaiteiro profesional. Segundo explica Fran Gómez, da aula de música tradicional Gomes Mouro, "é a primeira referencia escrita dun gaiteiro en Ourense, e penso que a segunda en Galicia, logo doutra que hai na catedral de Tui. O documento é un acordo polo que o Concello contrata os servizos de por vida de Gomes Mouro. Foi o primeiro gaiteiro funcionario". Tan histórica data non podía menos que ser lembrada, e con esa intención, a Aula de Música Tradicional Gomes Mouro aproveitou a efeméride sobre o músico que lle dá nome para instituír, en 2004, o Día do Orgullo Gaiteiro.

Razóns de orgullo
"Como con moitas outras cousas, parece que valoramos máis o de fóra que o propio tamén no mundo da gaita. Con este acto dicimos que estamos aquí. Hai moitas cousas que non se coñecen nin se valoran abondo na música tradicional, e non temos por qué asumir estéticas nin valores que non son nosos, entón pensamos que neste caso concreto e mesmo a outros niveis fai falta", declara Gómez. Detrás deste discurso adivíñase que persiste o debate encol das bandas de gaitas de carácter marcial fronte ás formas máis tradicionais do instrumento. "A verdade, nós nunca entramos nun debate real sobre isto, porque pensamos que non hai tal debate, inicialo sería como lles dar a razón", apunta Fran.

Os hórreos de aluminio
"A nivel de rúa, de asociacións e actos o mundo da gaita está moi vivo e o futuro vese asegurado. Outra cousa é a nivel institucional e de apoios, aínda que co cambio de goberno parece que comezou a mudar isto", destaca este membro da aula Gomes Mouro. "En grande medida o problema é descoñecemento por parte dos responsables culturais do que é a realidade da tradición, e iso leva a apoiar determinadas cousas e colectivos. É como se a consellaría de vivenda comezase a apoiar hórreos de aluminio. A xente levaría as mans á cabeza. Pois no mundo da gaita acontece iso a miúdo". Alén deste debates, as posibilidades laborais do mundo da gaita demostran que Gomes Mouro conta con herdeiros tamén no campo profesional. "Hai xente que toca a certo nivel e vai tirando, pero para vivir ben o normal é compatibilizar as actuacións en escenario co traballo coma mestre, senón é algo imposible", apunta Fran. De feito mesmo existen, en diferentes administracións, prazas laborais destinadas a instrumentistas deste tipo. "Na Deputación de Ourense, por exemplo, convócanse prazas de mestres para dar aulas en diversas escolas".


Festa e formación
A celebración que se vive cada 17 de decembro recolle unha xa longa herdanza de celebracións informais. "Decidimos institucionalizala un pouco. Coincidiu ademais en 2004 cunha situación algo especial porque había problemas co tema das bandas de gaitas marciais. Entón pensamos en, ademais da festa en si, facer unha serie de actos e charlas e, a verdade, está a funcionar bastante ben", completa Gómez. Deste xeito, nesta terceira edición contan coa presenza de Xosé Lois Miguélez, primeiro titulado superior en música tradicional especializado en gaita do noso país, que falará precisamente sobre o ensino regrado deste instrumento. "Parécenos moi interesante o tema do ensino regrado. Hai moitos gaiteiros que se meten neste mundo e chegado certo momento pensan en tomalo en serio e descoñécese en xeral que hai vías para o facer e obter unha titulación oficial", explican deste a aula Gomes Mouro. Nesta edición, tamén varios membros da familia Seivane presentarán o seu traballo coma artesáns de gaita.

Premios
Dentro do esforzo por mellorar a estima gaiteira, desde Gomes Mouro instituíron uns premios para recoñecer o traballo neste sentido. Este ano, por primeira vez, institúense en dúas vertentes, unha destinada a lembrar un traballo histórico a prol da música traidicional, e outra na que se recoñece o labor que se desenvolve na actualidade. Deste xeito, a nivel histórico, lémbrase este ano a Faustino Santalices, autor do primeiro método de aprendizaxe de zanfona e destacado investigador do noso folclore. Santalices foi responsable tamén, en 1950, do pioneiro obradoiro-escola de instrumentos, e todo isto sen contar a súa importancia como intérprete de zanfona. Máis centrados na actualidade, os gaiteiros lembran o traballo de Emilio Espadañero, responsable do programa "Lume na palleira", que desde 1996 é o principal espazo do folk na programación da Radio Galega.

De Ourense e armarios
Ademais da reivindicación xeral, a festa tamén quere lembrar a presenza dun mundo da gaita en Ourense alén da coñecida Real Banda de Gaitas da Deputación. "Hai xente que está no mundo da gaita e aínda así sorpréndese ao descubrir que hai actividades deste tipo na cidade", recoñece Gómez. Sobre se esta celebración axuda a que "saian do armario" gaiteiros agochados ou a que novas persoas se inicien no instrumento, Fran ten claro que si. "Sae moita xente que é gaiteira aínda que non toca nada. `Gaiteiro´ tamén podería definir unha persoa orgullosa da súa cultura e da súa tradición musical, e hai moita xente que participa na cea e nas festas pero que non toca nada", apunta, "e logo tamén hai xente que se anima a participar, a partir da celebración, en cursos e actividades de música tradicional". Está por ver canto de pode estender este orgullo, e se en breve veremos personaxes públicos destacados a reivindicar a súa condición de gaiteiros.