Coñécense novas opinións de membros da RAG sobre a reforma normativa

Os académicos opinan

Inocentadas á parte, continúan a xurdir novidades a respecto da reforma da norma do galego rexeitada pola Real Academia Galega (RAG). O actual presidente, Xosé Ramón Barreiro, deixa en mans do plenario da RAG a decisión sobre retomar o debate. Mentres a serie de entrevistas que publica "O Correo Galego" cos membros da Real Academia Galega está a permitirnos coñecer unha por unha as súas opinións a respecto do debate sobre a reforma da norma do galego. Así poden constatarse a existencia de dúas correntes no seo da RAG. Mentres uns académicos afirman a necesidade de retomar o debate sobre a reforma, outros dan por pechada a polémica e celebran a decisión da RAG.


O presidente fala


Xosé Ramón Barreiro, en recentes entrevistas publicadas en "La Opinión" e en "Diario de Ferrol" manifesta que o debate sobre a reforma "pode rexurdir" aínda que "a proposta haberá que modificala algo e teremos que buscar un momento de axeitadao de paz social para que non se politice o tema" aínda que deixa a decisión final sobre o tema en mans do plenario da RAG. Para Barreiro, o rexeitamento da reforma produciuse "quizais pola forma de presentala, quizais porque non estaba suficientemente madura e tamén pola coxuntura política que estabamos vivindo". Tamén influíu moito, ó seu ver, a presión mediática, que fixo que, "nin a propia academia foi capaz de discernir axeitada e obxectivamente o que había de positivo neses cambios".
Para Barreiro, se se retoma o debate "hai que convencer á opinión pública de que co cambio non se mancha o tronco da linuga e que esta non é intocable", ó tempo que sinala que "non se pode museizar o idioma" e que "o galego está buscando o seu patrón".





En contra da reforma



Dentro da serie de entrevistas con membros da RAG que está a realizar a Real Academia, estamos a coñecer as opinións de diferentes académicos en contra da reforma normativa. Así, o pasado día 26 de decembro, Xulio Francisco Ogando defende que "toda polémica que obriga a un diálogo é positiva" pero sinala que "o que non se pode é converter a lingua galega en dialecto do portugués cando o galego é nai da lingua portuguesa". Segundo el, "a lingua é algo vivo, é o pobo quen a dicta" e "os problemas veñen porque se están intentado dictar leis á lingua".
Pola súa banda o catedrático emérito de filoloxía galega Xesús Alonso Montero, sinala que "hoxe causaría rechifla" que a RAG aceptase a reforma, que califica como "da discordia". Para Alonso Montero, o problema fundamental veu de que "uns colectivos extraacadémicos poñen enriba da mesa da RAG un corpus que cómpre aceptar na súa totalidade". Ademais, afirma que "dentro dos que elaboraron ese novo corpus había persoas seriamente interesadas en que non se aprobase".
Finalmente, Miguel Ángel Araujo, antigo bispo de Mondoñedo-Ferrol, sinala que a RAG "estuvo moi acertada en non consentir ese traspaso subterrráneo da nosa lingua ó portugués". Para el, "o galego que eu falo e o que falamos todos é un castrapo, pero a historia das linguas faina un pobo" e non un grupo de técnicos".




A favor de seguir falando


Na mesma serie de entrevista tamén estamos a coñecer opinións favorables a que a RAG retome o debate sobre a reforma normativa. Un dos máis acendidos defensores desta postura é Manuel González, actual secretario da Academia e un dos redactores da reforma normativa explicaba a súa postura o pasado venres 28. Para González a Academia "ten que responder ás demandas da sociedade" e manifesta a súa esperanza "se a institución o considera pertinente, de que se arbitre un novo método de traballo e se abran novas canles para solucionar este problema". Para el "produciuse certa crispación" no momento do debate e "recomendaría que se tratase de recuperar a tranqulidade". González sinala que nunca entendeu "os calificativos de lusista" que se lle deron á reforma e manifesta o seu convencimento de que a "Academia lle saberá dar a vía máis axeitada" para resolver esta cuestión.
Tamén Xosé Neira Vilas, nunha entrevista do día 27, cre que "ó mellor convén, para todos" reabrir o debate "sen urxencia", xa que para el a "cuestión resulta dabondo complexa" e "hai un rebulir de opinóns que debemos atender."Do contrario non se pode falar de concordia". En calquera caso, para o académico a polémica "significa, cando menos, que a lingua está viva".
Pola súa banda, Andrés Torres Queiruga, profesor de Filosofía e un dos responsables da traducción da Biblia ó noso idioma, maniféstase, na entrevista do día 31, a favor "de buscar dunha maneira orgánica a maior converxencia posible co portugués". Para el deberíase revisar a normativa do galego "nun período razoable de catro a cinco anos".
Máis moderado na cuestión de retomar a concordia se amosa Francisco Xavier Río Barja, doutor en Filosofía e Letras e catedrático en Xeografía, o pasado sábado 29. Barja sinala que a reforma non foi aprobada porque "non chegamos a unha concordia coas outras institucións" e sinala que "se seguimos traballando podemos chegar a un acordo" tendo claro que "temos que loitar por un idioma plenamente galego".