O seu nome mestura a raíz galega co sufixo toon, que significa debuxo animado, e no fondo isto é o que fan: animacións. "É certo, explica Andrea Bayer, unha das tres responsables de Galitoon que o que nos facemos non se considera animación en España pero sí, no resto do mundo". No fondo esta empresa situada no Montouto fan personaxes animados que se diferencian doutros muñegotes cómicos feitos para outras cadeas nos materiais. Pero non só iso, a súa peculiaridade radica en que son os creadores de todos as fases do proceso: desde o decorado ata a gravación no estudo que teñen no Montouto pasando pola elaboración do guión.
Casualidades animadas
Galitoon é unha empresa que conta xa cunha gran familia. Basilio, Raquel, Franki, Moncho, Bato, Bunkaa, Pepote... son algúns dos personaxes que foron creados durante estes dous anos de traballo. Pero realmente, quen está detrás de todo isto son só tres nomes: os de Chisco Casteleiro, Santiago Alonso e Andrea Bayer. Esta última explica que o nacemento da empresa foi azaroso. A vida, di Andrea, xuntounos por casualidade e comezamos a ver que estabamos os tres na mesma onda pero en campos diferentes. Chisco traballaba daquela na televisión e achegou a súa experiencia no sector; Santiago levaba moito tempo traballando con México con muppets (un tipo de marioneta) en Plaza Sésamo (a versión mexicana de Barrio Sésamo) e, polo tanto, coñecía ben as características destes bonecos e os seus movementos. Por último, Andrea manxeábase perfectamente no mundo infantil porque é mestra e, ao mesmo tempo dá clases nun grupo de teatro. Con estes tres ingredientes deron cunha receita saborosa para divertir ao público infantil. Desde o principio estabamos abocados á liña infantil, asegura Andrea, pero non pechamos ningunha fronte e, para máis adiante, queremos facer un programa para adultos.
Polo demais, Galitoon traballa basicamente para televisión e teatro pero Andrea recoñece que tamén lles gustaría chegar ao campo cinematográfico. O cine chegará, asegura, pero non polo de agora.
Uns personaxes moi especiais
O habitual é que Galitoon se encargue de todas as fases do produto, desde a concepción do produto ata a súa rodaxe. De feito, os polémicos galeñecos foron un encargo pouco habitual do que Galitoon só elaborou artesanalmente os personaxes. Os seus fillos, como lles gusta chamar aos seus bonecos, non están feitos de látex, como se fan habitualmente este tipo de personaxes en Europa, senón de gomaespuma e peluche, que é o que os caracteriza como diferentes. Andrea di que "os feitos por látex teñen unha aparencia moito máis realista, mentres que os que están feitos de gomaespuma aparecen máis caricaturizados".
Cada personaxe, explica Andrea, é especial e pasa por un proceso de creación diferente e moi traballado. Primeiro facemos entre todos os bosquexos, para que a caracterización física sexa acorde coa personalidade do noso personaxe. Despois é Santi, como director de arte e deseño, quen se encarga de retocalo, de dar o visto bo. Logo comezamos o proceso de produción.
Os seus proxectos
Agora mesmo, Galitoon está a traballar basicamente en Galicia, aínda que as súas creacións tamén se poden ver en Miami. É o caso de Tepam e Pepote que crearon para unha fundación que loita contra o cancro infantil nesta cidade de Florida. Foi outra casualidade, explica Andrea, o presidente da Fundación vén moito a Galicia, viu o que facíamos e foi así cómo acabamos creando unhas personaxes para esta fundación que están alá, en Florida. Ademais, están a desenvolver Cousiñas, un proxecto didáctico encargado por Vicepresidencia de Igualdade. É un programa para nenos de 0 a 3 anos que conta con diferentes materiais didácticos como puzzles e por unha serie audiovisual formada por dez capítulos de cinco minutos. Outro dos proxectos de produción propia é Castelo da Meiga, para o que conseguiron unha subvención da Consellaría de Cultura. Castelo, explica Andrea, está definido para nenos de 3 a 6 anos en canto a obxectivos, aínda que é ampliable a outras idades".
"Para poder vender, explica Andrea, temos que ter algo grabado para que a xente poida compralo e, de momento, estamos facendo pilotos (episocios de proba de mostra do proxecto)". Ata o día de hoxe xa teñen iniciado numerosos contactos que o tempo acabará por concretar.
Á marxe dos seus proxectos de produción propia, están a desenvolver con CTV proxectos de didácticos como Bosquimonos e Homosapiens. Pero non son os únicos. Como empregan uns bonecos diferentes, están a dar cursos para ensinar a manipulalos xa que levan unha técnica diferente e son peculiares. Nesta liña, entre os seus proxectos de futuro está o de crear unha escola de titiriteiros, "pero isto, explica Andrea, é un proxecto a longo prazo.
Coñece a familia Galitoon
Basilio e Raquel no programa "Cousiñas"
Coñece a familia Galitoon
Outra vista de Basilio e Raquel no programa didáctico "Cousiñas"
Coñece a familia Galitoon
Programa piloto titulado "Avengard". Tato, Franky e Moncho son as tres gaivotas.
Coñece a familia Galitoon
Outra vista dos tres bonecos do programa piloto "Avengard"
Coñece a familia Galitoon
Tamén do "Avengard" e son dous Body puppets: Bato (o da esquerda) e Bunkaa.
Coñece a familia Galitoon
Outra visat de "Avengard" e con dous Body Puppets (marionetas de corpo) que son Bato, o da esquerda e Bunkaa. A rapaza (María Castro) é a capitana Turana.
Coñece a familia Galitoon
Vista dun dos bonechos de Galitoon
Coñece a familia Galitoon
Tepam (á esquerda) e Pepote son os personaxes que Galitoon doou á fundación contra o cancro infantil que está en Miami (Florida)