Un dos principais activistas internacionais a prol do software libre analiza para nós os camiños da Sociedade da Información

Marcelo Branco: O software libre é unha cuestión chave para o desenvolvemento da Sociedade da Información

Asesor do goberno brasileiro e mais da Generalitat de Cataluña en materia de Sociedade da Información, Marcelo Branco é recoñecido internacionalmente coma unha das voces máis autorizadas á hora de falar de software libre. Moi consciente das implicacións sociais que ten a revolución tecnolóxica, este "activista pola liberdade do coñecemento", como el mesmo se define, explícanos nunha entrevista as claves da evolución da sociedade da información. Branco achegouse a Compostela para participar nas xornadas "Cara a unha cultura 2.0" que organizou o Consello da Cultura Galega.

¿Como se presentaría para o público galego que non o coñece?
Son activista pola liberdade do coñecemento e un profesional en tecnoloxía da información. Actualmente traballo na secretaría de Sociedade de Información da Generalitat de Cataluña axudando a construír a política catalá neste sentido. Estou a coordinar unha rede de administracións públicas sobre software libre, a idea é transmitir entre as diferentes administracións as experiencias de implantación emigración con estes sistemas, e iso é o meu traballo remunerado nese momento. Tamén fago consultorías sobre migración e redes, pero niso estou un pouco parado. A miña orixe é a tecnoloxía, todo o que ten a ver coa socioloxía veu despois, coa miña actividade política. Aínda que en xeral a miña vida profesional mesturouse moito co meu activismo social e político. Participei na fundación do Partido dos Trabalhadores hai xa 25 anos.

¿Cal pensa que é a cuestión máis importante no desenvolvemento da Sociedade da Información?
O do software libre é unha cuestión chave para o desenvolvemento da Sociedade da Información. Se pensamos que esta sociedade ten como principal capital o coñecemento e a formación, non se pode masificar unha tecnoloxía pola que o pobo dunha determinada rexión, investigadores, académicos empresarios ou mesmo o goberno non teña dereito a coñecer como funciona. O software libre é a chave porque é a única tecnoloxía capaz de garantir que o coñecemento dixital pleno sexa absorbido por unha sociedade. En realidade, conectar ordenadores con software propietario en Internet incrementa a exclusión dixital, porque incrementa a dependencia do coñecemento que posúen determinados países. Ademais, o software libre é a chave a outro nivel. Esta é a primeira experiencia en grande escala de relación en rede e iso é histórico. Penso que este xeito de relación e de produción, que a comunidade de software libre é quen máis experimentou, pode estenderse a outras áreas. Así desde o punto de vista do desenvolvemento económico, pódese falar de empresas que se articulan en clústeres de produción. Na cultura este é un elemento chave para o desenvolvemento dunha cultura local ou nacional de xeito compartido.

¿Coñece experiencias concretas neses ámbitos?
A idea de comunidades en rede é anterior ao desenvolvemento de Internet. O propio modelo económico europeo da posguerra traballou un pouco nesa idea, con pequenas empresas en clúster. Penso que as novas tecnoloxías poden facilitar que iso se potencie e quizais se consigan facer cousas que non se acababan no pasado. Por exemplo, acontecerá que nun mesmo mercado haxa empresas que no lugar de competir sexan complementarias e traballen de xeito colaborativo. Outro exemplo é propia revolución que está a sufrir a cultura á hora de falar da produción de música, por exemplo. Hai anos custaba millóns de euros, construír un estudo de gravación, agora con moito menos acádanse resultados de calidade. Penso que algúns produtores e autores xa empezaron a percibir que o modelo anterior discriminaba, permitía ter éxitos a poucos. Penso que hoxe existen propostas, coma as obras con licenza Creative Commons que teñen éxito, e tamén hai modelos comerciais que funcionan coma o iTunes, ou o Emusic, sendo un propietario e o outro non.

__________________________________________________________________

"GALICIA TEN QUE CONSTRUÍR O SEU MODELO DE SOCIEDADE A PARTIR DO COÑECEMENTO QUE TEN DA REXIÓN"
__________________________________________________________________

¿Cales poden ser as actuacións básicas para acadar o desenvolvemento da Sociedade da Información?
O que acontece é que teñen que se construír exemplos locais. Non existe unha receita que se poida importar para construír a Sociedade da Información. Galicia ten que construír o seu modelo de sociedade a partir do coñecemento que ten da rexión. Non se poden obviar as experiencias históricas dun pobo para construír un modelo. As experiencias galegas, o que teña de mellor ten que ser o que se empregue para construír a sociedade do coñecemento, importar modelos de fóra non é unha boa estratexia. Podemos dicir que este modelo é novo, Internet existe de facto desde hai só catorce anos, de xeito que está a comezar. Hai exemplos de desenvolvemento económico a partir dun apoio institucional ao software libre, como os casos de Estremadura e Andalucía, que permitiron o desenvolvemento dunha industrial local e rexional neste sentido. En xeral, a tecnoloxía ten que estar ao servizo da sociedade. Impulsar o desenvolvemento tecnolóxico sen que haxa necesidades concretas é un proceso co que non concordo. As novas posibilidades que xorden a partir destas tecnoloxías da información e da comunicación teñen que estar dispoñibles para a sociedade civil. Agora, iso non significa que toda a xente vaia ver iso como unha utilidade. Todos os programas de inclusión dixital de éxito son os que fan que a xente empregue esas ferramentas porque lles é útil para o cotián, non porque sexa moda. No caso da cultura galega, o feito de estar moi rexionalizada é un potencial no sentido de a difundir de xeito máis amplo. Hai que traballar o xeito en que esa cultura pode ser internacionalizada e non ao revés. Sería unha traxedia para as comunidades se lles acontecese ser consumidores de cultura e de realidades que non sexan as propias, perderían moito. O desafío é colocar o pobo na rede e non o pobo a consumir contidos foráneos da rede.

¿A posibilidade a coñecer a fonte dos programas debe implicar uns maiores coñecementos a nivel de usuario?
Penso que todos os usuarios dun computador teñen o dereito de coñecer por si mesmos ou mediante un profesional no que confíen as tecnoloxías que están a empregar. Unha persoa pode saber os compoñentes químicos dun produto industrial, pero en informática ese dereito é negado. Se alguén tenta descubrir o que hai dentro do seu computador, pode ser considerado un crime. Pero non creo que todo usuario teña que ser un enxeñeiro da tecnoloxía. A inclusión dixital non debe ser unha clase de informática. Ten que ser un xeito de amosar como se mover nese novo escenario, aproveitar as posibilidades para as necesidades da vida de cada un. O que si é importante é a posibilidade de aprender a programar. Un programa non é máis do que unha ecuación matemática, e segundo Piaget esa capacidade desenvólvese sobre todo na preadolescencia, e cando a xente vai estudar informática xa ten vinte anos. Entón as posibilidades de crear bos matemáticos e bos programadores a partir do software libre é moito maior do que co propietario. En Brasil, onde a maior parte da xente non ten formación académica superior temos bos exemplos disto, xente que aprendeu soa en Internet coma un xogo. Os videoxogos estimulan moito a aprendizaxe de programación, os mellores programadores brasileiros autodidactas comezaron con xogos aos dez ou once anos, e poida que esa sexa a mellor idade para aprender a programar. E para iso cómpre ter un código dispoñible. A informática é aínda unha profesión nova, e como en todas as profesións novas hai quen quere gardar os segredos da profesión. Pero penso que a tendencia é que a xente se vaia apropiando dela.


¿Ata que punto a inclusión dixital pode ter efectos beneficiosos para inclusión social?
Se dúbida a baixa estima é unha das razóns que leva a moita xente nova a entrar na criminalidade. En Brasil, por exemplo, hai moita xente nova que vive na periferia dunha cidade pobre onde non se valora o que fai, e iso conduce ao crime. Existen programas de inclusión social que parten da base da inclusión dixital, e teñen grande éxito. Demostrouse que a traballar en zonas pobres con telecentros onde se dá acceso a computadores diminuíu bastante a criminalidade. Penso que esa idea de que o computador e Internet colocan unha persoa humilde no primeiro mundo é moi forte. Nas escolas de Porto Alegre, onde se fan orzamentos participativos, os pais e os alumnos eran sempre os que pedían computadores, mentres os profesores pedían bibliotecas ou máis equipamentos. Existe esa idea de que acceso ao computador e á tecnoloxía é o xeito de se incluír nunha sociedade de forma plena.

__________________________________________________________________

"ESTAMOS NUNHA TRANSICIÓN DA SOCIEDADE INDUSTRIAL Á SOCIEDADE EN REDE, E SEGUNDO COMO SE FAGA DARASE UN NOVO POSICIONAMENTO DOS PAÍSES"
__________________________________________________________________

¿Poden tamén axudar estas políticas para diminuír a fenda dixital entre países?
Penso que é obriga dun estado ter unha política pública en relación á Sociedade da Información, do mesmo xeito que ten unha política económica ou cultural e ninguén o cuestiona. Pero na área da tecnoloxía si se cuestiona, fundamentalmente por parte da grande industria, que reclama que os gobernos sexan neutrais nese sentido. Pero os gobernos non deben ser neutros, deben desenvolver a política tecnolóxica que lle interese ao país e ao pobo, que xere autonomía e riqueza do coñecemento na súa rexión e non de consumo de tecnoloxía, como fai a maioría dos gobernos. Estamos nunha transición da sociedade industrial á sociedade en rede, e segundo quen faga mellor ou peor esa transición darase un novo posicionamento dos países a escala global. Quen non dea ben o paso quedará coma un país pobre ou atrasado. Non se trata dunha política sectorial, é un tema que chega a todas as políticas sectoriais. A política de saúde debe empregar estes recursos, a política cultural debe empregalos, non se pode ver a acción sobre a sociedade da información como unha política illada e vertical. E existe unha dificultade para isto porque os gobernos e os partidos políticos teñen dificultades para comprender o que está acontecendo, porque se formaron nunha lóxica da sociedade industrial.

¿Pensa que esta cuestión entrará en breve na axenda política?
O propio proxecto que estou a desenvolver en Cataluña, unha rede de administracións públicas, implica que as propias administracións teñen que cuestionar problemas políticos centrais, coma as patentes de software, os estándares abertos de comunicación entre programas, a troca de arquivos ou o xeito de acceso aos datos polos cidadáns. Penso que o Cumio Mundial da Sociedade da Información que se desenvolveu en Xenebra e en Túnez colocou este tema como central para os gobernos, e alí xa se deu unha división entre países ricos e pobres en temas coma a propiedade intelectual ou o goberno de Internet. O que acontece é que ese tema aínda non contaminou a dinámica dos políticos, e penso que ese é o desafío. As políticas sobre a sociedade da información son moi empregadas como propaganda, pero falta aínda unha preocupación cotiá por iso.

_____________________________________________________________________

"NON PENSO QUE VEÑA UN MUNDO MELLOR DE XEITO NECESARIO POR ESTA REVOLUCIÓN, QUE É TECNOLÓXICA E NON SOCIAL. ESE MUNDO TEN QUE SE CONSTRUÍR."
_____________________________________________________________________

¿Veremos cristalizar os sistemas de traballo en rede e as reclamacións sobre software libre en novos movementos políticos?
Os partidos políticos que existen son estruturas formadas na revolución industrial. Cando entran en Internet por exemplo, actúan de xeito tradicional. Publican os seus contidos de xeito masivo, non empregan blogs, wiki ou ferramentas colaborativas. Empregan a rede coma unha canle de televisión ou radio. A xerarquía dos modelos organizativos da sociedade industrial é pouco necesaria na sociedade en rede. Podemos dicir que un partido político asume estes principios se as dúas decisións son tomadas de xeito democrático e colaborativo, pero mentres os partidos manteñan esa estrutura e esa forma de funcionamento, será só unha aparencia. Eu non coñzco ningún partido que funcione cos presupostos da sociedade en rede. Pero pode habelo, e nin sequera ten por que se chamar partido. Eu estou afiliado a un partido, pero penso que a sociedade non vai precisar ter un organismo coma un partido, que ten un programa completo para todos os ámbitos. Hoxe en día un pode construír o seu propio programa político a través de diferentes organizacións. Podo apoiar a Greenpeace no ámbito da ecoloxía, no desenvolvemento de comercio xusto estou a afiliado a outra organización... Entón é posible ser activo politicamente a partir de diversas organizacións, e isto era moito máis difícil antes de existir esta tecnoloxía. Entón podemos pensar ata que punto esa estrutura organizativa dos partidos é algo que vai continuar. Penso que non, que a tendencia será que os partidos continúen perdendo prestixio na sociedade como xa está acontecendo nos últimos tempos. De calquera xeito non penso que veña un mundo mellor de xeito necesario por esta revolución, que é tecnolóxica e non social. Ese mundo ten que se construír. A carreira polo alcance tecnolóxico da revolución industrial produciu sociedades fascistas, sociedades totalitarias de esquerda, estados do benestar ou sociedades individualistas coma a americana, e todas elas coa idea de ser potencias. Agora todos queren tamén entrar na revolución dixital, e pode estar acontecendo o mesmo. É unha cuestión moi aberta, ver que modelos sociais poden xurdir desa mesma base que son as potencialidades da revolución tecnolóxica.


¿E estanse estas mudanzas tamén a nivel social?
Os movementos sociais aproveitaron moito mellor do que os partidos políticos os sistemas de traballo en rede. Hai unha nova xeración de movementos sociais que traballan con estes conceptos, e que teñen accións de masas moi superiores ás das organizacións convencionais. Os movementos de contestación á globalización son exemplos diso, organizacións moi pequenas, mesmo con grandes contradicións entre elas, que acadan grandes movementos de masas a partir dos puntos comúns. Penso que o modelo de grandes organizacións políticas ou sociais é un modelo da era industrial.

__________________________________________________________________

"CHEGA A HORA DE QUE OS AUTORES E OS PRODUTORES CULTURAIS VOLTEN A SER PROTAGONISTAS DA INDUSTRIA CULTURAL".
__________________________________________________________________

¿Como afectará a sociedade en rede á industria cultural?
Penso que chega a hora de que os autores e os produtores culturais volten a ser protagonistas da industria cultural. Hoxe son os intermediarios os protagonistas, e boa parte dos recursos que pagan os cidadáns van para a industria intermediaria. Unha produción dun concerto de música, por exemplo, é unha industria saudable, onde hai un electricista, un iluminador, un artista, que fan o seu traballo e cobran. A partir de agora vai haber unha maior industria cultural, o peso diminuto que existe da produción e da autoría debe recuperar espazos, e esa industria intermediaria que fai copias, distribúe e controla a distribución, vai ver cuestionado o seu papel. E tamén é por iso que reacciona chamando a policía e facendo leis reaccionarias. ¿Que é a SGAE hoxe? É algo prehistórico, medieval. Pero claro, estas son as industrias poderosas, a fonográfica, a cinematográfica, as grandes editoras e a industria do software privativo. Pero van perder moito peso, porque a copia e a distribución Internet faina soa. No seu día tiñan xustificación porque facían investimentos en materias primas, fabricaban os discos, imprimían, facían promoción, distribuían.... Pero agora xa non cómpre que existan, xa está a desaparecer o proceso industrial, queda o de produción e o de distribución, que se fai automaticamente por Internet. Dise que esa industria xera emprego, pero facer unha bomba nuclear xera emprego, vender droga tamén. Temos que ver a utilidade que ten esa industria hoxe. Eu penso que vai saír unha nova industria cultural deste proceso, existe a posibilidade de que a relación entre o autor e o público se faga de xeito máis directo, grazas á revolución dixital. E o mesmo vai acontecer coa industria de telecomunicacións, todo o que antes se facía mediante estas empresas, como chamadas internacionais, agora pódese facer mediante o meu computador.

Xa para rematar, ¿cales son os seus vindeiros proxectos nestes ámbitos?
O proceso de desenvolvemento na rede de administracións é un desafío para min. Non son diplomático nin político e estou a facer relacións entre gobernos. Estou a aprender moitas cousas da lóxica política. Outro desafío que teño, bastante importante, é conseguir que Brasil acade superar o estado de subdesenvolvemento ao que se viu sometido nos últimos anos. E penso que a revolución dixital e as tecnoloxías de software libre son a chave.