A Real Academia non escolle un novo membro por problemas co regulamento

Académicos pendentes

O ata o de agora ignorado artigo dez do regulamento interno da Real Academia Galega (RAG), que impide que as propostas e a elección de novos membros se realicen na mesma xornada impediu o sábado cubrir a vacante deixada pola morte de Marino Dónega. De calquera xeito, o pleno da RAG tivo unha xuntanza moi apretada, xa que se discutiu o programa de actos para o Día das Letras, inaugurouse a rehabilitación de parte da sede desta institucións e propuxéronse varios académicos correspondentes, ademais de elexir a Xosé Ramón Barreiro coma representante da RAG no Consello da Cultura Galega.

Vacantes e eleccións


O debate sobre quen substituirá a Marino Dónega na RAG queda adiado para a vindeira xuntanza do pleno da Academia, previsto para dentro de dous meses. A lembranza do décimo artigo do regulamento interno, que impide escoller académicos o mesmo día en que se propoñen impediu cubrir onte esta vacante. Ata o de agora a RAG ignorara este artigo nas súas xuntanzas.
Os académicos tamén declararon o sábado oficialmente baleira a cadeira que ocupaba Carlos Casares, recentemente falecido, realizando ademais unha declaración de pesar pola morte do antigo académico, destacando a importancia da súa figura e do seu labor na institución. Tamén se escolleu a Xosé Ramón Barreiro coma substituto de Casares para representar a RAG no plenario do Consello da Cultura. Ata o de agora Barreiro participaba nesta institución en calidade de membro electo.
O pleno da Academia rexeitou a demisión de monseñor Araúxo, bispo auxiliar de Mondoñedo-Ferrol, que alegaba razóns de saúde e de falta de tempo para deixar o seu posto. Desde a RAG sinalouse que, aínda que hai xa máis de quince anos que o relixioso non acude ós plenos da institución, consideran segue a ser "necesario e útil" para a mesma.
O sábado tamén se propuxeron seis candidatos para para ocupar os cargos de académicos correspondentes. Trátase de destacados membros do mundo da cultura que colagoran cos traballos da Academia sen ter nin voz nin voto na institución. Os candidatos son Xulio Ríos, Francisco Pérez-Barreiro, Teresa Barro, Ramón Lugrís, Xosé Lema Suárez e Xosé Luis Regueira.











Actos das Letras


Logo da xuntanza que o pasado venres mantiveron representantes da RAG co goberno local de Pontevedra o sábado confirmáronse os actos que terán lugar en Pontevedra o con ocasión do Día das Letras.
Está previsto que nesta xornada se despracen á Cidade do Lérez Xosé Ramón Barreiro, Xesús Ferro Ruibal, Xesús Alonso Montero e Francisco Díaz Fierros para participar, ás doce e media da mañá, nunha sesión extraordinaria da Academia no Teatro Principal. Neste acto participarán tamén representantes de distintas entidades sociais e culturais da cidade. Antes deste evento os visitantes realiarán percorridopola rúa da Palma, onde vivíu o ilustrado, e pola rúa Sarmiento.
Para día 18 está previsto que se trasladen a Vilafranca Xosé Luis Méndez Ferrín, Francisco Fernández Rei e de novo Francisco Díaz Fierros.
En Pontevedra ademais está a celebrarse o Día das Letra cunha mostra que permanecerá aberta ata o día doce de maio no Pazo de Mugartegui, ademais de varias plantacións de árbores por parte de escolares. Tamén se están a instalar nas rúas paneis de lectura con textos literarios en varios idiomas. Para os días vintecinco e vinteseis están previstas as xornadas "Martín Sarmiento. Un ilustrado. Su época", organizadas polo Centro de Estudios Humanísticos José Filgueira Valverde de Madrid e a Universidade Complutense.












Ademais

A xuntanza do sábado tamén serviu para que o pleno da Academia inaugurase o terceiro andar da súa sede na rúa Tabernas da Coruña, recentemente rehabilitado. Durante o pleno, Xosé Neira Vilas propuxo que a institución se encargase de rehabilitar a coroa de Curros Enríquez que el trouxo desde Cuba.