Nos últimos días, Ánxela Bugallo, a conselleira de Cultura apuntaba que só se executarían os proxectos que están sen rematar da Cidade da Cultura, o proxecto deseñado por Peter Eisenman podería sufrir un recorte con respecto ao seu deseño inicial xustificado en función dos seus usos. Eisenman foi o gañador dun concurso de ideas en 1999 convocado pola Xunta de Galicia, ao que se presentaran nomes tan coñecidos como Ricardo Bofill, Manuel Gallego, Joaquín Navarro, Jean Nouvel ou César Portela. O proxecto de Eisenman, segundo figura no sitio web da na cidade histórica de Compostela, nas cinco rutas de peregrinación da cidade medieval que conducen á catedral, ás que superpón unha cuadrícula cartesiana e transporta ao cumio da montaña. A topografía desigual do monte deforma o plano e as rutas mestúranse coas liñas da cuadrícula cartesiana distorsionada en deformacións que son tratadas como as formas estriadas e suaves da superficie dunha vieira, o símbolo tradicional de Santiago. Pero non vén só, xa que o arquitecto norteamericano incorporou as dúas torres que John Hejduk deseñara para o parque compostelán de Belvís, que non se chegaron a realizar, e que agora ocupan un lugar central no complexo do Monte Gaiás.
Os motivos da impronta internacional
Cando falamos de arquitectos estranxeiros non é por fixarnos exclusivamente no seu lugar de nacemento, senón noutra serie de factores que fan que sexan relevantes. O arquitecto Fernando Agrasar verbaliza esas peculiaridades como é que son estrelas mediáticas, que lle dan valor xa non tanto pola súa obra senón tamén polo seu propio nome. Son reclamos turísticos e a súa presenza en Galicia implica, segundo Agrasar un síntoma máis de que Galicia está no mundo e non é outro planeta estraño. O mundo das ideas, e das creacións faise efectivo coa chegada de proxectos deseñados desde fóra para o noso contorno.
A chegada de arquitectos de renome internacional fíxose efectiva desde finais dos setenta e principios dos oitenta. Segundo Agrasar, foi un desenvolvemento paralelo ao propio impulso do país. A medida que se foi configurando e desenvolvendo a autonomía foise fraguando e consolidando esta dirección. Os dous camiños básicos de oportunidade de conseguir obra importante de arquitecto de fama internacional, explica Agrasar, son os encargos particulares con cartos privados e obra pública que se resolve cun concurso internacional. Existen múltiples variedades e variantes no procedemento, poden ser desde concursos entre un grupo de arquitectos previamente seleccionados ata concursos abertos con carácter nacional ou internacional, coa correspondente publicidade en medios especializados.
Santiago
A Cidade da Cultura é un dos múltiples edificios que se erixen na cidade compostelá que están asinados por arquitectos de autor, é dicir, por personalidades recoñecidas e relevantes do número. Álvaro Siza (CGAG, Facultade de Ciencias da Comunicación, Parque de San Domingos), Josef Plau Kleihues (Pavillón Polideportivo San clemente), Antón García Abril (Escola de Altos Estudos Musicais e a futura sede da SGAE), Hedjiuk (Centro Sociocultural da Trisca), Julio Cano (Auditorio de Galicia) e son só algúns dos autores que acuñaron as obras máis representativas de todos cantos hai en Santiago. Desta listaxe Fernando Agrasar explica que cómpre destacar os traballos de Hedjiuk porque é un autor con pouca obra e cunhas características particulares que o convirten nunha referencia. S
on todos edificios públicos construídos entre os oitenta e os noventa. Un feito que temos que relacionar cun nome propio, o de Xerardo Estevez. Foi o alcalde de Santiago ata 1989 e o seu perfil de arquitecto fíxolle desenvolver unha política urbanística que deixou tras de si un regueiro de colaboracións de primeiro nivel con grande proxección internacional. Neste sentido, Fernando Agrasar explica que en Santiago se desenvolveu unha política urbanística única, que apostou polo crecemento da cidade dun xeito regulado, a rehabilitación do seu casco histórico e unha arquitectura de calidade. En Santiago fixéronse obras moi emblemáticas que teñen un certo sentido balsámico, en parte porque se fixeron en espazos particulares véxase o caso da Trisca coa actuación de Hedjiuk-, ou noutros lugares como a actuación do que hoxe é o Centro Galego de Arte Contemporáneo, que supuxo resolver un problema de adecuación no contorno do casco histórico.
De feito, Incolsa (a oficina de promoción turística do Concello de Santiago) desenvolveu baixo o nome Vivir Compostela unha campaña para dar a coñecer diferentes aspectos da cidade. Entre eles, destacou a arquitectura cunha ruta que María Salvador, guía oficial de turismo, se encargou de impartir e da que explica, comezábamos e empezábamos con Álvaro Siza, aínda que a súa visita se centraba no urbanismo da cidade pasando polo CGAC, por Bonaval, a marquesiña de Xoán XXIII, o parque de Vista Alegre para rematar na reurbanización do Burgo das Nacións feito desde os anos setenta ata hoxe
Nas cidades
Santiago concentra o principal traballo de arquitectos de recoñecido prestixio, pero non son os únicos. Este febreiro, a Fundación Caixa Galicia abría as portas da súa nova sede, un edificio deseñado polo británico Nicholas Grinshaw que se fixo co concurso internacional cun proxecto que lembraba a unha gran onda de mármore acristalada. Foi o último deseñador en incorporarse á cidade herculina que conta con outras referencias. Comezamos coa Domus, a Casa do home que é o resultado da unión dun galego con moita proxección de futuro como César Portela e o nipón Arata Isozaki. Seguimos cun tándem, o formado por María Victoria Acebo García e Ángel Alonso, son os autores do edificio Prisma de Cristal, construído pola Deputación e que se converterá na sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, trala sinatura do protocolo de colaboración entre a institución provincial, o Concello da Coruña, e a Secretaría de Estado de Universidades e Investigación. Este edificio (antes ía ser o Centro das Artes), ao igual que aconteceu coa Cidade da Cultura, conta con gran proxección internacional, xa que o proxecto se exhibiu no Museo de Arte Moderno de Nova York (MOMA).
Vigo é outro dos polos que contan con abondosos proxectos deste tipo de arquitectura de autor internacional. Guillermo Vázquez Consuegra (co proxecto Abrir Vigo ao mar), Aldo Rossi (Museo do Mar, proxecto que continuou César Portela á morte do arquitecto italiano), Enric Míralles e Benedetta Tagliabue (Campus Universitario de Vigo), Esteve Bonell e Josep María Gil (Edificio Institucional da Xunta de Galicia) son algúns dos nomes instalados na cidade olívica e que foron os artífices de darlle un novo aire.
Proxectos con premio
Algunhas das obras que estes arquitectos proxectaron en Galicia, foron determinantes para que recibiran mencións e premios internacionais. Ademais dos premios Secil e Prizker para Álvaro Siza, o Centro Universitario das Ciencias e da Saúde da Universidade da Coruña e o Pazo da Cultura de Pontevedra, obra pola que foi Premio Nacional de Arquitectura son obras de Manuel de las Casas, que é outra das referencias indiscutibles ao falar de arquitectos internacionais.
Neste repaso, e aínda que non é arquitectura pública senón privada, a casa que o arquitecto británico David Chipperfield ten en Corrubedo pode ser en, palabras de Fernando Agrasar un exemplo perfecto de como un arquitecto se integra nun espazo.
Edificios con DNI estranxeiro
Auditorio de Pontevedra
Arquitecto: Manuel de las Casas
Fonte Turgalicia
Edificios con DNI estranxeiro
Centro de Saude A Silva
Arquitecto: José Ramón Garitaonaindía (arquitecto nado no País Vasco, pero afincado en Galicia desde hai moitos anos)
Fonte Turgalicia
Edificios con DNI estranxeiro
Domus
Arquitectos: Arata Isozaki (Xapón) e César Portela (Vigo)
Fonte Turgalicia
Edificios con DNI estranxeiro
Interior Auditorio Pontevedra
Arquitecto: Manuel de las Casas
Fonte: Turgalicia
Edificios con DNI estranxeiro
Vista do CGAC
Arquitecto: Álvaro Siza
Fonte Turismo de Santiago
Edificios con DNI estranxeiro
Centro Cultural A Trisca
Arquitecto: John Hedjiuk
Fonte Turismo de Santiago
Edificios con DNI estranxeiro
Centro Sociocultural A Trisca
Arquitecto: John Hedjiuk
Fonte Turismo de Santiago
Edificios con DNI estranxeiro
Vista exterior do Centro Galego de Arte Contemporánea
Arquitecto: Álvaro Siza
Fonte Turismo de Santiago
Edificios con DNI estranxeiro
Escola de Altos Estudos Musicais
Arquitecto: Antón García Abril (Este arquitecto turolense está a deseñar a sede que a Sociedade Xeral de Autores está a construír en Santiago, no mesmo espazo que a Escola de Estudos Musicais)
Fonte Turismo de Galicia
Edificios con DNI estranxeiro
Facultade de Ciencias da Comunicación
Arquitecto: Álvaro Siza
Fonte Turismo de Galicia
Edificios con DNI estranxeiro
Facultade de Ciencias da Comunicación
Arquitecto: Álvaro Siza
Fonte Turismo de Galicia