O simposio Portugal Hoje reclama en Santiago unha maior comunicación co país luso

Portugal aquí

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

Comezou o luns en Compostela o simposio Portugal Hoje, un encontro que pretende dar a coñecer a actualidade do país luso e que trae a Galicia durante toda a semana ós nomes máis destacados da cultura e a arte do Alén Miño. Foi precisamente na xornada de onte deste encontro cando o director do Servícios da Língua Portuguesa e Intercâmbio Cultural do Instituto Cam›es anunciou a creación en Santiago dun Centro de Língua Portuguesa, o cuarto de todo o estado.

Portugal Hoje

O simposio Portugal Hoje, que se está a celebrar en diferentes facultades da Universidade de Santiago (USC) pretende ser un punto de encontro entre as realidades galega e portuguesa. Enfocado desde un punto de vista académico, o encontro conta coa participación de representantes da mediciña, a universidade, a economía e os medios de comunicación de Portugal, ademais de escritores, actores, músicos e persoeiros do mundo cultural luso.
Xa na primeira xornada do encontro, o luns, Felisa Rodríguez, unha das organizadoras do encontro denunciou a ausencia dunha comunicación fluída estable entre Galicia e Portugal. Segundo ela, "temos dificultade para saber o que acontece en Portugal, non hai o fluxo de comunicación que debería haber". Nesta primeira xornada tratouse tamén a situación económica portuguesa e a Facultade de Ciencias da Información acolleu a proxección do filme "Jaime" e contou coa presencia do realizador António Pedro Vasconcelos".
A xornada de onte estivo centrada na saúde da lingua portuguesa, que foi analizada pola filóloga María Elena Mira Mateus, que sinalou a necesidade de integrar o idioma na rede para asegurar a súa supervivencia. No mesmo sentido, o galego Carlos Quiroga denunciou a invasión lingüística que o portugués está a sufrir por parte do castelán en Brasil e Mozambique. Quiroga reivindicou a necesidade de que o galego aproveite o mercado cultural luso para favorecer a supervivencia da nosa propia lingua.
Unha mesa redonda sobre a situación do teatro en Portugal e a representación da obra "A barca do Inferno" completaron os actos de onte.
A literatura e a música centran os actos do mércores que contan coa participación de Álvaro Manuel Machado, profesor da Universidade Nova de Lisboa, a escritora Clara Pinto Correia e a editora e poeta Maria do Rosário Pedreira entre outros. Pola tarde realizarase unha mesa redonda sobre música coa participación de Enmanuel Frazao, José Carlos Dias, Pedro Pyrat e Alberto Augusto Miranda. A xornada rematará cun recital.
O encontro está organizado pola Cátedra UNESCO de Cultura Luso-Brasileira da Universidade de Santiago e é a continuación das xornadas "Brasil: 500 anos despois" que se celebraron o ano 2000.



Centro de Língua Portuguesa

Francisco Nuno Ramos, director de Servícios da Língua Portuguesa e Intercámbio Cultural do Instituto Cam›es anunciou onte no marco do simposio Portugal Hoje que esta entidade pretende crear en Compostela un Centro de Língua Portuguesa.
Este centro pretende facilitar o ensino de lingua portuguesa e un achegamento á cultura lusófona, e contará cunha ampla biblioteca e material multimedia. O Instituto Cam›es encárgase de potenciar a lingua e cultura lusa no estranxeiro e é expide os títulos internacionais de coñecemento do idioma portugués.
Actualmente só existe no Estado Español un centro deste tipo en Barcelona, aínda que están proxecto dous máis en Cáceres e Madrid. A elección de Compostela como sede para este centro obedece, segundo Francisco Ramos, á existencia da titulación de Filoloxía Portuguesa na cidade.
Tamén existe en Vigo unha delegación deste centro, que realiza diversas actividades de promoción da lingua portuguesa na cidade.



Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito