Cervo proxecta facer do concello un Ecomuseo e Cangas ultima o Museo da Balea

Museos especiais

Aproveitar os recursos medioambientais e históricos de Cervo e promocionalos conxuntamente coma un ecomuseo é a intención do alcalde desde concello, José Ínsua. Espacios naturais e conxuntos históricos e etnográficos reúnense nun proxecto que quere implicar a toda a poboación da zona. Por outra banda, en Cangas está a estudiarse a creación do Museo da Balea nos terreos da antiga conserveira Massó, un centro que, segundo o concello, acollería tamén pezas arqueolóxicas e artísticas da zona. Mentres, os veciños deste concello do Morrazo solicitan un museo unicamente para albergar o patrimonio artístico do concello.


Facer do concello un museo

Cervo podería contar co primeiro ecomuseo do país de prosperar os planos que o alcalde de Cervo, José Insua Penas, revelou nunha entrevista publicada onte por "El Progreso". Segundo o alcalde, a intención e aproveitar os diferentes recursos naturais, etnográficos e históricos existentes no concello para obter rendemento económico ó tempo que se promove a súa conservación e recuperación.
José Insua sinala que o proxecto do ecomuseo dividiríase en cinco áreas temáticas. Por unha banda resaltaríase a tradición mariñeira de Cervo, potenciando o museo do mar de San Cibrao e recuperando instalacións coma as carpinterías de ribeiras ou as fábricas de salazón. Neste mesmo sentido, proxectase o acondicionamento e promoción das praias de Torno, Cubela, Rueta, Caosa e Lieiro. Doutra banda, e potenciando a riqueza ambiental e etnográfica da zona, quérense recuperar as concas dos ríos Xunco e Covo con todos os muíños que se atopan no curso destes ríos, ademais de aproveitar as fragas de Rúa e Trasbar. Finalmente búscase potenciar o conxunto de Sargadelos coma mostra da riqueza histórica e industrial da zona. As accións desenvolverase en cinco áreas que serán o mar, a industria, o patrimonio, a recuperación dos ríos e Sargadelos.
A intención do concello con este proxecto non é só, segundo o alcalde, atraer turismo á zona, senón que tamén pretende servir para que os veciños respeten os seu patrimonio histórico e cultural mediante a súa valorización económica.












Museo da balea



O Concello de Cangas creará un Museo da Balea nos terreos que ocupaba a antiga conserveira Massó. Este centro pretende recoller a histórica relación desta localidade coa pesca de cetáceos, unha das principais ocupacións da zona aínda ata finais dos anos setenta. Segundo o plano do concello, este centro albergaría tamén pezas arqueolóxicas e artísticas de Cangas. Con este centro o alcalde, Sotelo Villar, pensa que se atraería unha boa cantidade de visitantes dada a orixinalidade do proxecto.













Outro museo para Cangas


Máis de trinta representantes do mundo da cultura e de diferentes colectivos do Concello de Cangas entregaron o pasado venres as máis de tres mil asinaturas que recolleron solicitando que se cree un museo no edificio do antigo Concello, tal como acordara en 1995 o pleno municipal.
No acto de presentación das sinaturas recollidas estiveron presentes historiadores coma Antonio graña ou fernando Acuña, poetas coma Bernardino Graña ou pintores coma María Núñez Jalda ou Henrique Harguindey. Segundo sinalou Bernardino Graña, O Morrazo "é a comarca con máis artistas por metro cadrado de todo omundo". Pola súa banda o investigador Eugenio Eiroa subliñou que "noutros lugares levantáronse museos con menos fondos" e lamentou que "as pezas de Cangas están repartidas polo mundo". Os participantes no acto salientaron que non están en contra de ningún outro proxecto museístico que se poida desenvolver no concello.