Os festivais de cine de Santiago e Ourense repetirán unha ducia de películas na mesma semana

Ourense vs Santiago

Os dous principais festivais de Galicia, o de Cine Independente de Ourense e Cineuropa de Santiago coinciden no tempo. Pero este ano tamén comparten unha ducia de títulos, orzamentos semellantes malia ser proxectos que teñen estilos e traxectorias moi distintas. Pero pode ser a última vez que coincidan no tempo.

“O camiño de San Diego” de Carlos Sorín, “Grbavica, el secreto de Esma” de Jasmila Zbanic ou “Indigènes/ Days of Glory” de Rachid Buchareb son os títulos dalgunhas películas que poderemos ver esta semana en Ourense pero tamén en Santiago. Tamén é certo que dez títulos dentro dun festival que presenta cento vinte como Cineuropa ou cento corenta como o de Ourense non son moitos, pero é unha evidencia de que é un camiño polo que non se debe seguir. Sobre todo agora que parece os seus responsables anuncian cambios importantes de cara ó futuro.

O último mes compartido?
Os directores de ambas citas, César Silva pola banda ourensá e José Luís Losa pola santiaguesa, están de acordo en que non é bo que coincidan no tempo. Sen embargo, cada un ofrece unha explicación e unha visión diferente. Silva apunta que “é moi importante tratar de pórse de acordo nas datas, é dicir, procurar que non coincida no tempo”. Xusto despois explica que “este ano e dentro do marco do festival haberá unha reunión da “Rede de Cines” que vai poñer sobre a mesa uns criterios que determine que se unha actividade se pode considerar un festival de cine ou non. Uns criterios que son, por exemplo, a súa antigüidade, o seu xurado ou as súas actividades paralelas. Cando a rede estea constituída establecerase un mapa de festivais e a partir de aí haberá que facer os cambios”. Pola súa banda José Luís Losa propón un exercicio de memoria e ver cantas edicións ten cada festival. Mentres, lembra que “Cineuropa levaba preto de dez edicións cando chegou o Festival de Ourense, con moitos máis apoios económicos por parte da administración e, cunha falta total de cortesía situouse no mesmo mes no que xa estaba traballando o de Santiago”. Iso si, os dous coinciden que en Galicia só hai espazo para un festival.

Ourense e a súa particularidade
Este ano, o festival de Cine de Ourense recibiu preto de 700 títulos, cen máis que no último ano que acabaron conformado a sección competitiva con 10 longametraxes, 60 curtametraxes e 10 documentais. Reparte a mesma contía en premios, uns 45.000 euros malia que o seu orzamento se conxelou con respecto á última edición. Por primeira vez, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual realizou unha convocatoria de axudas con carácter competitivo para festivais e xornadas (nas que valoraba o proxecto e a súa antigüidade, entre outros criterios) que rematou por concederlle á cita ourensá 20.000 euros menos dos que recibía antes do cambio de goberno. Pero o orzamento mantívose, explica César Silva “grazas a que conseguimos a implicación de empresas privadas e porque a Consellaría de Cultura achegou unha partida para financiar as V Xornadas de Formación do Audiovisual (que son unha das actividades paralelas do festival)”. Resolto o aspecto económico desta edición, César apunta que os criterios de selección da sección competitiva veñen a ser os mesmos que os dos últimos anos “un tipo de cine social, cine de autor e se é posible, que traten algún tema de actualidade”.

En canto aos retos de futuro para este festival son, segundo o seu director, “en primeiro lugar seguir medrando, porque cremos que o teito aínda non está conseguido e aínda hai moito camiño por diante. En segundo lugar, atraer a máis profesionais dos medios de comunicación que sirvan para darlle visibilidade ao evento”. Entre as cousas que lle quedan por mellorar está o “de incrementar o número de espectadores, películas, poder facer retrospectivas, e “internacionalizarnos” entre comiñas, e logo intentar afondar no convenio que este ano inauguramos con Fantasporto”. Pero César apunta tamén que cómpre manter o nivel de actividades, xornadas de formación, as reunións internacionais, a presentación de rodaxes e documentais en Galicia e seguir incrementando as publicacións. De momento hai catro: a publicación relacionada coa sección de “Memoria histórica”, o catálogo, o programa de man e un libro de Elixio González”. Por último, explica César “tal e como o investimento privado foi determinante para suplir o recorte de axudas, tamén nos gustaría mellorar neste aspecto”. Pero iso está todo moi relacionado

Santiago e os seus cambios
Da sección competitiva de axudas da que falabamos antes, se a Ourense se lle reduciu a subvención en 20.000 euros, a Santiago concedéuselle, por primeira vez na súa historia, unha axuda económica. Pero iso, para o seu director técnico, José Luís Losa “non vai supor ningunha cortapisa á hora de programar porque Cineuropa vai manter a súa independencia”. Iso significa que “seguiremos buscando títulos que non cheguen ás salas, cun cine persoal, trangresor e películas que non deixen indiferente ao espectador”. Cineuropa conta nas súas costas cunha sólida traxectoria de vinte anos e un respaldo do público total e absoluto que permite a José Luís Losa lexitimar o seu traballo. Ata o momento Cineuropa funcionou como un “festival de festivais, que permitía traer a Santiago un cine que gse ve noutros certames e que, polos embrutecidos criterios comerciais das salas de exhibición, non chega ás salas”. Pero Cineuropa emerxeu este ano, grazas aos 75.000 euros da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, como un festival de transición cara o que será o ano que vén. “Procuraremos, explica Losa, que haxa unha sección competitiva pero que non é doada de elaborar porque cómpre ter un xurado, películas novidosas e, sobre todo, porque é un traballo a longo prazo, de moitos anos de traballo”. Cómpre ter en conta que ten aspectos a favor e outros en contra. “Nós, di Losa, non imos descubrir o cine, pero si é certo, que un festival pequeno pode asumir unha maior capacidade de risco á hora de programar”.

Algún dos cambios que veremos o ano que vén, comezan a fraguarse este ano. É o caso do Chano Piñeiro “por un problema temporal, dado que o convenio entre o concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Comunicación se asinou un pouco tarde, está sen pechar de todo. Pero o obxectivo deste certame é dobre: dunha banda buscar novos valores galegos e ao mesmo tempo premiar a alguén cunha traxectoria internacional xa consolidada e reputada para darlle prestixio ao premio. En todo caso, o que nós, non pretendemos repetir os Mestre Mateo, senón ofrecer un galardón cun matiz diferenciado”. Iso si, Cineuropa seguirá sendo fiel ao seu estilo consolidado durante dúas décadas, programando películas que non poderemos ver en salas comerciais.

Como o propio Losa dicía, situar un festival na axenda de festivais do mundo é un proceso lento e moi custoso. Haberá que agardar para ver qué acontece con estas dúas propostas e ver como evolucionan.