Solicitan a implicación internacional para protexer os galeóns de Rande

Protección para a ría

A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo vén de solicitar os países que estiveron implicados na batalla de Rande que esixan á Xunta a protección dos galeóns que xacen no fondo do mar. Segundo esta plataforma, accións coma os recheos ou a estracción da vieira están a danar os restos arqueolóxicos.Mentres, e coincidindo coa vindeira posta en marcha do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a Demarcación de Costas está a estudiar a degradación das dunas das illas Cíes.

Protexer os galeóns

A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo vén de remitir cadansúa carta ás embaixadas de Holanda, Reino Unido e Francia para que soliciten á Xunta a paralización de todas as actividades que poidan danar os restos dos galeóns de Rande.
Segundo denuncia esta plataforma, actuacións coma os recheos ou a extracción da vieira, que se realiza arrastrando pesadas pezas sobre o fondo da ría, poden danar irreversiblemente os restos dos barcos afundidos.
O convenio asinado da UNESCO o oito de xullo de 2001, asinado pola maioría dos países europeos, entre eles España, sinala que os asinantes deben protexer os restos de buques de máis de cen anos de antigüidade. Ademais o mesmo convenio sinala que o estado no que se atopen os restos deberá consultar con calquera outro país que teña vinculación cos mesmos para decidir as mellores medidas para a protección. Recordando este convenio, a Plataforma reclama ós tres países implicados hai dous séculos na batalla que reclamen medidas de protección eficaces.
A Dirección Xeral de Patrimonio, pola súa banda, lembrou que os restos xa están protexidos pola Lei do Patrimonio Cultural de 1995.
Mentres, e coincidindo cos actos que se preparan para celebrar o terceiro aniversario da batalla de Rande, o xornal "Faro de Vigo" vén de anunciar que o vindeiro domingo día 14 iniciará a publicación dun coleccionable sobre este feito no que incluirá reproduccións de doce láminas históricas.












Protexer as Cíes


Logo de que a Comisión de Medio Ambiente do Congreso aprobase recentemente a creación do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, desde Vigo chégannos noticias sobre a protección das Illas Cíes. A Demarcación de Costas está a realizar un estudio sobre a degración do complexo dunar deste enclave natural, coa intención de coñecer o estado real de conservación das dunas e das praiase de desenvolver as tarefas de recuperación necesarias.
Unha vez completado este estudio, deberá remitirse á Xunta para que decida as inversións a facer.
Para o vindeiro día 17 reunirase a xunta rectora do parque natural para decidir as actuacións que se realizarán este mesmo verán mentres non se produce a declaración oficial como parque nacional. As intencións da xunta rectora son manter as restriccións de 2.200 visitantes diarios e 800 acampados que rexen na actualidade. Será a partir do vindeiro ano cando diminúan estas cifras e se prohiba o atraque de barcos privados e a práctica de submarinismo.