A Compaña. Os aparecidos. Os esqueletos. A parroquia dos mortos. Os cemiterios. Todos estes elementos abondan nas historias da nosa cultura tradicional. Témolas de todo tipo: mortos que voltan porque non puideron cumprir unha promesa, ou para pedir misas, que van na forma de animais a San Andrés de Teixido, que fan procesións polos camiños na forma da Compaña pola noite, que buscan vivos para levar con eles ou que simplemente queren ver os familiares que seguen vivos. Na nosa cultura tradicional hai un acordo xeral en que os nosos falecidos continúan canda a nós, cando menos un tempiño despois do enterro. Esta idea vaga, e as súas variadas concrecións foron aproveitadas por moitos dos nosos creadores nas súas obras. Outros optaron por propostas foráneas sobre a vida detrás da morte. E mesmo hai quen fusiona crenzas e historias. O que si é certo é que temos unha boa colección de títulos nos máis variados formatos, onde a cultura dos mortos está ben presente.
O esqueleto do ollo
Quizais un dos mortos por excelencia da nosa literatura é o esqueleto protagonista de "Un ollo de vidro". Castelao amósanos nesta novela por extenso o mundo de ultratumba nun camposanto galego, a entroncar fondamente coa tradición popular. A historia emprega o comportamento dos mortos coma un reflexo do dos vivos, e aproveita para facer unha fonda crítica social. Entre moitas outras cousas, recóllese xa aquí a idea da reencarnación das almas en animais para poderen peregrinar a San Andrés de Teixido. Como elemento pouco común na tradición, encontramos nada menos que un vampiro-cacique.
Momias en Ourense
Nun outro ton, bastante máis erudito en canto a ocultismos, tamén Vicente Risco achegou algún morto vivinte á nosa literatura. Practicamente co-protagonista da historia, Roberto Dehmel é un defunto alemán que quere voltar á vida en "Do estraño caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros", xa en 1919. Tamén con feitura de esqueleto contaba mesmo cun criado na mesma situación. De feito, este morto vivinte sinala que só cando o corpo é reducido aos osos, pode darse esa non-vida, e aínda sinala que "o home só chega á súa perfección no esqueleto". O relato amosa todo un mundo subterráneo de ultratumba, con celebración de Danza Macabra incluída e mesmo momias do máis ortodoxo, como a de Tothankhamon, aparecen a tentar recuperar a súa mobilidade.
Outros mortos do camposanto
A verdade é que foi esta xeración unha época fecunda de mortos viventes. En 1926 Leandro Carré Alvarellos publicaba "O home que deu vida a un morto", onde nos achega un xeito de versión galega do Frankenstein, con abondoso humor negro. No mesmo ano Otero Pedrayo tiraba "O purgatorio de Don Ramiro" que, por non variar, ten como protagonista un esqueleto, desta volta, o dun fidalgo. Na mesma liña de esqueletos, Álvaro Cunqueiro sitúa os seus mortos revividos na Bretaña en "As crónicas do sochantre". Estes teñen a peculiaridade de que, durante o día, recuperan o seu feitío humano e ao caer á noite voltan ao aspecto óseo durante seis horas. Polo demais preséntase unha vida de ultratumba do máis variado, onde ata algún dos defuntos protagonistas conta cunha mascota, tamén falecida. E é que Don Álvaro tiña un bo coñecemento destas cuestións, xa que aseguraba ser propietario do misterioso "De masticatione mortuorum", un texto alemán do século XVII que analiza o retorno á vida e mais o vampirismo.
Un morto multimedia
A un nivel máis ectoplásmico, quizais unha das pantasmas que se implantou con máis forza no imaxinario colectivo fose Fiz de Cotovelo. A alma en pena que habita a Fraga de Cecebre na novela "O bosque animado" conseguiu trascender as páxinas e pasar ao cinema, primeiro da man da versión de José Luís Cuerda e despois no filme de animación de Dygra. O espectro Cotovelo vive, coma tantos outros, atormentado por non ter ido a San Andrés e busca quen lle faga a peregrinación. Polo medio, traba unha ben curiosa amizade co bandido Fendetestas. Finalmente marcha cunha Compaña de mortos que vai para o mar, por ver se cumpre o seu degoiro de visitar América, aínda que sexa en morte.
Unha saga de zombies
De calquera xeito, non é este, nin de lonxe, o único morto da nosa cinematografía. Hai un bo lote deles nos filmes do coruñés Amando de Ossorio. De feito pódese dicir que eran case unha especializade. Zombies cegos dunha seita templaria protagonizan a tetraloxía "O ataque dos mortos sen ollos", "O buque maldito", "A noite das gaivotas" e "A noite do terror cego". Logo temos vampiras en "A noite dos bruxos" ou en "A sobriña do vampiro", e todo tipo de monstros e seres sobrenaturais que poboan a prolífica obra deste autor. Tamén un dos títulos míticos do noso primeiro audiovisual "A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos" conta co seu morto no reparto. Aínda que desta volta non revive, "Roco", un cadáver en descomposición é o mellor amigo dun dos protagonistas.
Máis morte
Rafael Dieste, en "Sobre da morte de bieito", déixanos coa dúbida sobre se este tal Bieito se reanimara ou non no seu propio cadaleito. E en "O neno suicida" preséntanos o caso curioso do home que se da súa propia tumba para iniciar a súa vida ao revés. Tamén Fole nos seus abondosos contos recolle un bo feixe de manifestacións sobrenaturais producidas por defuntos, dentro do habitual das nosas tradicións. Castelao tamén ten presenzas de ultratumba na súa obra dramática "Os vellos non deben de namorarse". Os tres protagonistas, xa falecidos, laméntanse ao final da peza desde o cemiterio polo mal que fixeron por namorar de rapazas. É de supor que cando escribíu iso, o autor non tiña idea que tamén un día había saír el mesmo na forma de aparición nunha obra de teatro. E é que "Camiño longo. Antre as roseiras de Cabanillas ", de Teatro do Aquí, conta co presenza dunha boa colección de mortos ilustres da nosa cultura, e cando a Castelao pódese ver, por exemplo, o crego agrarista Basilio Álvarez.
Mortos recentes
Aínda que boa parte dos exemplos que achegamos están entre os clásicos das nosas artes, semella que o interese creativo polos retornados do alén continúa nos últimos anos. Un exemplo destacado disto pode ser "En salvaxe compaña". Nesta novela Manuel Rivas recupera e amplía a tradición da reencarnación en animais, pero desta volta, os resucitados non peregrinan a San Andrés, senón que quedan a interactuar cos vivos do seu contorno. Quizais a novela que mais se meteu nos temas post-mortem fose "Dentro da illa", de Dolores Ruíz, gañadora do premio Blanco Amor en 2004. Tamén en "Veu visitarme o mar" de Rosa Aneiros, unha anciá falecida dialoga coa súa neta cando esta soña.
Cadáveres en cadriños
Tamén a nosa banda deseñada sufriu os influxos desta parte da nosa cultura. A este respecto non podemos deixar de mencionar a obra de Manel Cráneo. Como o seu propio nome indica, este autor está especializado en esqueletos, que "viven" na súa obra todo tipo de historias. Entre as súas últimas propostas, está mesmo unha curiosa narración onde os esqueletos debaten sobre se existe vida antes da morte. Mortos que non están certos da súa situación e continúan inercias de cando aínda lles corría o sangue nas veas protagonizan historias nas páxinas de "BD Banda" ou do último "Fanzine das Xornadas de Ourense". Tamén do seu pincel saíu o zombie das páxinas finais de "Damsmitt", a obra que publicaba este mesmo ano con guión de Kike Benlloch. Máis coñecido a nivel estatal, tamén Julio das Pastoras recolleu estas tradicións na súa historia "A santa compaña" que se publicou hai xa uns anos na revista "Madriz" e onde desenvolve a súa faceta máis experimental.
Son só breves mostras de todo o mundo do alén que nos agarda nas páxinas dos libros, no interior dos nosos filmes, nas táboas dos escenarios... De certo imos contar aínda cun bo lote de presenzas sobrenaturais, de mortos retornados, de zombies e de pantasmas nas nosas artes aínda no futuro. E é que non hai nada seguro, tirando a morte.
Cultura a tumba aberta
Un dos membros do grupo de mortos que en "As crónicas do Sochantre", de Álvaro Cunqueiro, viaxan en dilixencia pola Bretaña de antes da Revolución Francesa.
Cultura a tumba aberta
O director Amando de Ossorio cun dos templarios zombies que protagonizaron catro dos seus filmes
Cultura a tumba aberta
Antonio Blanco, director de "A matanza caníbal dos garrulos lisérgicos", coas tripas por fóra. (Foto Alberto Casal)
Cultura a tumba aberta
Un dos esqueletos de Manel Cráneo continúa logo de morto a fuxida da cadea que iniciou cando vivo
Cultura a tumba aberta
Tenaz nos seus obxectivos alén da morte, o home oculto tralos lentes escuros xoga un importante papel no "Dámsmitt" de Benlloch e Cráneo